Bases do programa FO027A ...26-02-2021

Última revisión
26/02/2021

Bases do programa FO027A de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña para actividades durante o exercicio 2021. - Boletín Oficial de A Coruña de 26-02-2021

Tiempo de lectura: 32 min

Tiempo de lectura: 32 min

Relacionados:

Bases do programa FO027A de fomento pesqueiro dirixido as confrarias de pescadores e agrupacions de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña para actividades durante o exercicio 2021. - Boletín Oficial de A Coruña de 26/02/2021

Plazo de la solicitud:Ver Detalles, 26/02/2021 hasta ----

Beneficiarios: Administraciones públicas, Empresas y autónomos

Tipo: Bases

Boletín: Boletín Oficial de A Coruña

Categorías: Caza y pesca, Cultura e idiomas, Empleo y contratación, Empresa, Vivienda e hipotecas, Ocio y tiempo libre, Comercio y marketing, Participación ciudadana, Infancia y juventud, Investigación, desarrollo e innovación (I+D+i), Economía Social, Construcción y obras, Educación y ciencia

(Páginas 8-17)


ANUNCIO

Na sesión celebrada o pasado día 19 de febreiro de 2021, a Xunta de Goberno acordou aprobar as bases reguladoras do programa de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña para actividades durante o exercicio 2021, que se transcriben de seguido:

BASES REGULADORAS DA CONVOCATORIA DO PROGRAMA DE FOMENTO PESQUEIRO DIRIXIDO ÁS CONFRARÍAS DE PESCADORES E AGRUPACIÓNS DE MARISCADORAS E MARISCADORES DA PROVINCIA DA CORUÑA PARA ACTIVIDADES DURANTE O EXERCICIO 2021

Datos da convocatoria

Denominación:

Programa de subvencións de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores, ás federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña para actividades durante o exercicio 2021

Referencia:

FO027A

Aplicación orzamentaria:

0510/415/481

Importe total do crédito consignado:

462.000 €

(Este importe poderá ser obxecto de modificación orzamentaria)

Importe do orzamento de gastos da actividade:

Máximo 37.500 € , mínimo 5.000 €

Importe da subvención que se ha conceder:

Máximo 30.000 € , mínimo 1.000 €

Porcentaxe subvencionable do orzamento de gastos financiables:

Do 20% ao 80%

Base 1.- Liñas xerais

A Deputación da Coruña, no marco das súas competencias, destina importantes recursos á actividade de fomento, principalmente mediante a concesión de axudas económicas orientadas á promoción de actividades e investimentos, e mantemento de centros e servizos considerados de interese público, coa finalidade de contribuír a que as entidades privadas da provincia acaden os obxectivos que lles son propios e de fomentar a participación da cidadanía nos distintos ámbitos de actuación e promover a igualdade de xénero.

A tramitación, das subvencións farase de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).

A tramitación telemática aplicaráselle a todas as fases do procedemento (solicitude, concesión e xustificación) e incluiranse en cada unha delas as notificacións e as comunicacións, os requirimentos de información e documentación e máis os envíos de documentación que fosen necesarios para tramitar os expedientes.

A resolución da solicitude de subvención, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva e, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, notificarase mediante a publicación no Boletín Oficial da Provincia, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Deputación, á cal se remitirá o texto publicado no Boletín Oficial da Provincia, sen prexuízo do cumprimento da normativa vixente en materia de notificacións administrativas.

Base 2.- Réxime xurídico

O marco normativo polo que se rexerán as subvencións concedidas pola Deputación da Coruña está constituído polas leis e disposicións que se citan a continuación e polas súas normas de desenvolvemento, así como por cantas outras normas, legais ou regulamentarias, que conteñan prescricións relativas ás subvencións ou sexan susceptibles de produciren efectos no devandito ámbito:

· Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

· Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

· Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

· Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local.

· Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

· Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación do Código civil e da Lei de axuizamento civil.

· Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

· Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantías dos dereitos dixitais.

· Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

· Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

· Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

· Lei galega 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

· Regulamento orgánico e Bases de execución do orzamento de 2021, da Deputación da Coruña.

· Ordenanza xeral de subvención e transferencias da Deputación Provincial da Coruña,de 1 de febreiro de 2019 (BOP N.º 72).

· Ordenanza provincial reguladora do control financeiro de subvencións e dos procedementos de reintegro e sancionadores derivados, da Deputación de Coruña, publicada no BOP n.º 116 do 22/06/2015.

· Carta dos dereitos e deberes dos cidadáns da provincia da Coruña en relación coa Deputación provincial (publicada no BOP n.º 63 do 07/04/2015)

· Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

· Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

· Lei galega 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

· Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

· Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección da infancia e da adolescencia.

· Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

· Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias do 5 de novembro de 1992, BOE n.º 222, do 15 de setembro de 2001.

· Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia o día 21 de setembro de 2004.

· Ordenanza de uso da lingua galega na Deputación Provincial da Coruña, publicada no BOP n.º 186, do 29 de setembro de 2017.

Base 3.- Obxecto

O obxecto destas bases é establecer as normas para a solicitude, concesión, xustificación e pagamento das subvencións en réxime de concorrencia competitiva que tramite a Deputación da Coruña, ao amparo do establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS) e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (RDLXS), dirixidas a entidades sen ánimo de lucro con actividade na provincia da Coruña.

Estas normas serán de aplicación ás convocatorias de subvencións provinciais referidas a actividades que se van realizar no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.

Accións tendentes a impulsar o fomento pesqueiro, mediante a realización das seguintes actividades:

- Aluguer de maquinaria ou equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades da confraría, lonxas e fábricas de xeo.

- Contratación de persoal para as confrarías e para vixiancia das autorizacións marisqueiras, directamente ou a través dunha empresa. Cando se trate de persoal de nova contratación por parte da confraría, o contrato debe ter un mínimo de 6 meses. O contrato deberá realizarse en calquera das modalidades previstas legalmente e rexirase pola lexislación vixente. O cumprimento do requisito levarase a cabo no momento da xustificación e de non alcanzar o mínimo requirido poderá derivar na perda do dereito ao cobro da subvención.

- Adquisición de sementes de moluscos.

Serán gastos subvencionables neste programa os seguintes:

Conta contable

Descrición da conta *

623

Servizos de profesionais independentes

Contratacións de servizos de vixiancia

628

Subministracións

Adquisición de sementes

640

Soldos e salarios **

642

Seguridade social a cargo da entidade **

* Resolución do 26/03/2013, do Plan de contabilidade de pequenas e medianas entidades sen fins lucrativos.

** No caso de contratación directa de persoal, deben desagregar os importes correspondentes aos conceptos 640. Soldos e Salarios e 642. Seguridade social a cargo da entidade .

Base 4.- Exclusións

Non serán obxecto de subvención:

4.1. As actividades ou investimentos xa subvencionados pola Deputación da Coruña no mesmo exercicio.

Non se poderá financiar o mesmo obxecto cunha subvención de concorrencia e outra nominativa, por seren incompatibles, neste caso a entidade beneficiaria tería, necesariamente, que renunciar a unha delas.

4.2. As actividades promovidas por persoas ou entidades que foran sancionadas ou condenadas por resolución administrativa ou sentenza firme pola comisión de condutas discriminatorias nos termos dispostos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, así como no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aprobou o Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

4.3. As actividades promovidas por persoas ou entidades que utilicen na súa actividade linguaxe sexista ou empreguen a imaxe da muller como reclamo ou connotacións de tipo sexual ou denigrante segundo o disposto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

4.4. Ademais das exclusións anteriores, non serán obxecto de subvención nesta convocatoria as seguintes actividades:

Ademais das exclusións expresadas no punto 4 das bases reguladoras, non serán obxecto de subvención nesta convocatoria as seguintes actividades:

- Os gastos de funcionamento da entidade (auga, luz, teléfono...).

- Os canons portuarios.

- Os servizos de asesoramento fiscal, contable, prevención de riscos e mantemento de equipos.

- Os gastos de manutención, aloxamento e atencións protocolarias.

- As viaxes de ocio, axudas de custo e gastos de quilometraxe.

- O importe do IVE non se considerará gasto subvencionable cando sexa susceptible de recuperación ou compensación pola entidade (art. 31.8 LXS).

- Os gastos referidos a actividades que non se correspondan cos obxectivos da convocatoria.

- Adquisición de material non inventariable necesario para o desenvolvemento da actividade da confraría: material de oficina, consumibles, envases ou embalaxes.

- Gastos derivados da realización de cursos ou xornadas formativas.

Base 5.- Solicitantes

Poderán participar na presente convocatoria as entidades que cumpran os requisitos que se establecen de seguido, no momento de presentaren a solicitude, independentemente do número de socios ou membros que as integren:

- Confrarías de pescadores.

- Federacións provinciais de confrarías.

- Agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña.

Só poderá concederse unha subvención por entidade nas convocatorias de concorrencia competitiva. Para estes efectos, considéranse unha soa entidade, todas aquelas nas que os/as socios/as ou membros da Xunta Directiva sexan comúns nunha porcentaxe superior ao 50% ás vinculadas nos termos establecidos na Lei xeral de subvencións e nas súas normas de desenvolvemento, así como as que poidan encaixar no concepto de grupo nos termos dispostos no Código de Comercio.

Base 6.- Requisitos e obrigas das entidades solicitantes

6.1. Estaren legalmente constituídas como entidades privadas antes de presentaren a solicitude.

6.2. Teren o domicilio fiscal na provincia da Coruña ou acreditaren que as actividades e investimentos obxecto da subvención se realizarán no ámbito territorial desta provincia ou, se fora o caso, que a súa actividade beneficie á cidadanía da provincia da Coruña, agás as actuacións de cooperación internacional.

6.3. Dado que a tramitación será telemática:

- A entidade deberá dispoñer dun único enderezo de correo electrónico de contacto durante toda a tramitación do expediente, ao que se dirixirán as comunicacións. Excepcionalmente, e de xeito xustificado, poderá modificar este enderezo inicial, sempre e cando lle notifique a circunstancia pertinente á Deputación.

- Deberá dispoñer de certificado dixital:

- Quen ocupe a presidencia da entidade ou quen teña delegadas as súas funcións.

- Quen ocupe a secretaría da entidade.

- Quen represente a entidade perante a Deputación (no caso de ser distinta das dúas anteriores).

- Quen exerza as funcións financeiras ou de tesourería.

6.4. Estaren ao corrente das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Deputación e coa Tesourería da Seguridade Social.

6.5. Non estaren incursas nas causas de incompatibilidade ou de incapacidade para seren beneficiarias ou percibiren as subvencións da administración pública dispostas no art. 13 da LXS.

6.6. Faceren constar a colaboración da Deputación da Coruña en toda información interna e externa que fixeran das actividades ou investimentos subvencionados.

6.7. Utilizaren, con carácter xeral, formas de pagamento a terceiros/as que poidan acreditar mediante documento expedido por unha entidade financeira (transferencia bancaria, tarxeta de crédito, tarxeta de débito, cheque ou talón nominativo, etc.) no que quede identificada a persoa ou entidade beneficiaria, o importe e a data de pagamento. Só excepcionalmente poderá utilizarse o pagamento en metálico cando non sexa posible outra forma alternativa (peaxe de autoestrada, tícket de aparcadoiro, etc.).

O incumprimento desta disposición, para algún gasto, implicará que este gasto se considere non subvencionable , de conformidade cos art. 72.2, 75.2 e 89 do RDLXS e en relación cos art. 31.2 e 37 da LXS, sempre que o dito gasto supere o importe de 150 € .

6.8. Someterse aos procedementos de control ou de auditoría que realice a Intervención provincial, o Consello de Contas de Galicia, o Tribunal de Contas ou calquera outro órgano de control interno ou externo, nacional ou europeo. Como resultado dos ditos procedementos poderase esixir responsabilidade administrativa, consonte co disposto na LXS e, se fora o caso, responsabilidade penal, de conformidade co Código penal.

6.9. As entidades beneficiarias ás que lles resulta de aplicación obrigatoria o Plan de contas adaptado ás entidades non lucrativas, en particular no que se refire ás súas obrigas contables, estarán ao disposto no RD 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos, e demais normas de desenvolvemento deste; as restantes entidades beneficiarias levarán os seguintes libros e rexistros:

- Libro diario de ingresos e gastos, no que se reflictan por orde cronolóxica todos os ingresos e gastos, que deberá estar debidamente conciliado cos movementos realizados a través das contas bancarias. O dito libro deberá estar dilixenciado pola persoa titular da Presidencia, da Secretaría e da Tesourería da entidade.

- Liquidación anual de ingresos e gastos, que deberá resultar dos movementos producidos no libro anterior, e na que quedará constancia da súa aprobación pola asemblea de socios/as.

- Libro de inventario, no que se reflictan axeitadamente todos os bens e dereitos da entidade, así como as súas altas e baixas, e que tamén deberá ser dilixenciado pola Presidencia, pola Secretaría e pola Tesourería.

Así mesmo, as entidades beneficiarias das subvencións teñen a obriga de conservaren os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de catro anos, que se han contar dende a data da percepción ou cobramento da subvención, en tanto que poderán ser obxecto das correspondentes actividades de control.

6.10. A entidade beneficiaria da subvención provincial deberá pagar os seus gastos xustificativos antes de que transcorra un mes contado a partir da percepción da subvención. No caso contrario, o dito gasto considerarase como non válido para efectos de xustificación da subvención.

6.11. No caso de que para a realización das actividades subvencionadas o beneficiario contrate con terceiros a execución total ou parcial das mesmas, independentemente da solicitude de autorización no caso de subcontratación, e sempre que as citadas contratacións cun único terceiro superen o importe de 40.000,00 € (IVE excluído) para a realización de obras, ou superior a 15.000,00 € (IVE excluído) para adquirir equipamento ou prestar servizos, deberase solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se fora o caso, na solicitude de subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía de medios, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, de acordo co disposto no artigo 31.3 da LXS, e no artigo 29 da Lei 9/2017 de Subvencións de Galicia.

6.12. Se ademais do indicado na Base 6.12 o importe da subvención supera os 40.000,00 € , a contratación realizarase mediante convocatoria pública e de acordo cun único criterio (o prezo) ou multiplicidade de criterios obxectivos debidamente ponderados que deberán constar no expediente de xustificación, ou se fora o caso, no de concesión, así como nunha memoria acreditativa da ponderación realizada e a súa motivación. Nesta memoria deberá xustificarse igualmente a tramitación pública da contratación.

Para ese efecto, poderánselle facilitar modelos de pregos da Deputación.

No caso de que se tratase de investimentos (obras ou subministracións) a entidade deberá comunicar á Deputación cunha antelación mínima de 15 días a data prevista para a recepción dos investimentos, ao obxecto de que poida asistir un técnico do Servizo de Asistencia Técnica a Municipios da Deputación, ou manifeste este que non asistirá.

6.13. Cumprir os requisitos da convocatoria específica correspondente á subvención que queren solicitar.

6.14. Utilizaren, con carácter xeral, unha linguaxe non sexista e inclusiva, elaborar materiais que fomenten a igualdade, tratar as imaxes con valores de igualdade, presenza equilibrada, diversidade, pluralidade de roles e identidades de xénero.

6.15. No caso de que algunha das actividades que execute a entidade solicitante implique o contacto habitual con menores, deberá comprobar que o persoal ao seu cargo non foi condenado por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, de conformidade co disposto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil).

Base 7.- Solicitude

7.1. Prazo da convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes determinarase no anuncio de publicación da convocatoria do presente programa no BOP, a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).

A presentación telemática producirá plenos efectos xurídicos, sempre que a solicitude sexa presentada dentro do prazo establecido e na plataforma citada. Non se terán por presentadas as solicitudes que se acheguen noutros rexistros.

7.2. Documentación específica da convocatoria.

A documentación da solicitude de subvención deberá vir asinada do seguinte xeito:

- No caso das certificacións, pola secretaría co visto e prace da presidencia ou persoa na que delegue.

- No caso das declaracións, compromisos e outra documentación, pola presidencia ou persoa que represente a entidade.

A documentación a presentar é a seguinte:

7.2.1. Acreditación da delegación da Presidencia ou persoa en quen delegue na que se especifique o alcance da dita delegación (presentación telemática das solicitudes de subvencións e sinatura electrónica de toda a documentación necesaria para a súa tramitación, na que se inclúan as certificacións).

7.2.2. Declaración de estar legalmente constituída antes da presentación da solicitude, de dispoñer dos estatutos adaptados á lexislación vixente e de que o seu obxecto a faculta para participar na convocatoria na que solicita a subvención.

7.2.3. Certificación acreditativa do acordo de solicitude e do nomeamento da persoa representante para a relación coa Deputación.

7.2.4. Declaración de non estaren incursas a persoa representante e a entidade nas causas de incompatibilidade ou incapacidade para seren beneficiarias ou percibiren subvencións da Administración pública, dispostas no art. 13 da LXS.

7.2.5. Documento MEMORIA explicativa da actividade, asinada polo representante, que conterá os seguintes aspectos:

· Breve descrición da actividade que se vai realizar, para os efectos de comprobar que é subvencionable nesta convocatoria segundo o disposto na base 3.

· Calendario de realización da actividade ao longo do ano 2021.

· Explicación do orzamento de gastos da actividade obxecto da subvención.

· Xustificación do interese da proposta presentada e o impacto da actividade no medio.

· N.º de persoas beneficiadas directa ou indirectamente.

7.2.6. Autorización para que a Deputación poida obter, en calquera momento da tramitación do expediente, as certificacións das administracións tributarias correspondentes e da Tesourería da Seguridade Social, nas que se acredite que a entidade está ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

7.2.7. Solicitude de autorización cuantificada, se procede, no caso de que a entidade solicitante concerte a execución total ou parcial obxecto da subvención con persoas físicas ou xurídicas vinculadas á entidade, de conformidade co disposto no artigo 29.7.d) da LXS, e no artigo 68 do RDLXS.

7.2.8. Calquera outra documentación, compromisos ou manifestacións que se especifiquen na convocatoria correspondente ou que sexa precisa para a valoración da solicitude.

7.2.9. De conformidade co indicado na base 6.16, declaración de que se dispón das correspondentes certificacións negativas que acrediten que o persoal ao seu cargo non foi condenado por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos. Tamén esixirase esta certificación negativa para calquera persoa que se incorpore con posterioridade ás ditas actividades. Esta documentación poderá ser requirida en calquera momento pola Deputación da Coruña.

No caso de que a documentación fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de 10 días para a súa emenda. Pasado o dito prazo sen que a entidade interesada atenda o requirimento, entenderase que desiste do seu pedimento.

Serán rexeitadas automaticamente as solicitudes que conteñan documentos electrónicos que incorporen código malicioso ou dispositivo susceptible de afectar á integridade ou seguridade do sistema, omitan documentos esixidos, non cubran nos cuestionarios telemáticos os campos requiridos como obrigatorios ou cando conteñan incongruencias ou omisións que impidan o seu tratamento.

Base 8.- Resolución

8.1. Valoración das solicitudes.

A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase despois da consideración das actividades que se van realizar, de acordo cos baremos que se establecen:

Coeficiente de financiamento derivado da solicitude:

- Ata o 40%

- Máis do 40% ao 60%

- Máis do 60% ao 80%

35

30

25

Ata 35 puntos

Interese da proposta presentada:

Valorarase por una comisión técnica, que será designada por resolución da presidencia, tendo en conta os seguintes aspectos:

· A calidade e solvencia técnica da proposta

· O impacto da actividade no medio: a investigación e innovación, o aforro enerxético, a mellora da comercialización, o uso das novas tecnoloxías.

Ata 10 puntos

Ata 10 puntos

Ata 20 puntos

Fomento do emprego:

- Nova contratación

- Mantemento emprego

- Contratación / mantemento emprego feminino

4 puntos

3 puntos

3 puntos

Ata 10 puntos

Número de beneficiados directa ou indirectamente polas actividades:

- Directamente beneficiados (número de socios/usuarios da confraría)

- Indirectamente beneficiados (comercio, outros beneficiarios)

Ata 10 puntos

Ata 10 puntos

Ata 20 puntos

Colaboración con outras confrarías da provincia:

- Existencia de algún plan/proxecto conxunto con outra/s confrarías referenciado nalgún convenio ou documento debidamente asinado.

- Colaboración con dúas ou máis confrarías

- Colaboración con outra confraría

10 puntos

6 puntos

3 puntos

Ata 10 puntos

Emprego da lingua galega na súa realización:

Ata 5 puntos

Os importe mínimo e máximo de subvención a conceder detállanse de seguido, aínda que a contía concedida en ningún caso poderá ser superior ao 80% do orzamento subvencionable.

Importe máximo FO027A 2021: 30.000,00 € .

Importe mínimo FO027A 2021: 1.000,00 € .

8.2. Concesión.

A concesión das subvencións realizarase mediante un réxime de concorrencia competitiva e será aprobada por resolución de Presidencia.

Á vista da documentación que consta neste expediente, e logo da valoración das solicitudes de conformidade cos criterios establecidos, co informe emitido pola Comisión Técnica, a unidade xestora formulará un informe proposta de resolución de concesión provisional, debidamente motivado, que deberá expresar o solicitante ou a relación de solicitantes que cumpran os requisitos da convocatoria para os que propón a concesión da subvención e a súa contía, así como as solicitudes desestimadas, as desistidas e as non admitidas a trámite. Este informe proposta será fiscalizado.

A Presidencia da Deputación ditará resolución de concesión provisional, que deberá notificárselles ás entidades interesadas na forma prevista na convocatoria. Concederáselles un prazo de 10 días hábiles para presentaren, se fora o caso, a desistencia da solicitude, a reformulación, o cambio de obxecto, ou as alegacións que consideren oportunas.

No caso de non formular desistencia expresa, a subvención considerarase aceptada tacitamente.

Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas distintas ás aducidas polos interesados. Neste caso, a resolución de concesión provisional adoptada terá o carácter de definitiva.

No caso de que existisen alegacións por parte das/os interesadas/os, deberanse resolver expresamente na resolución de concesión definitiva das subvencións.

A resolución de concesión provisional non crea dereito ningún a favor do beneficiario proposto fronte á Deputación mentres non se lle notifique a resolución definitiva de concesión.

As autorizacións ás que se refire a Base 7,apartado 2, e sempre que achegaren a información necesaria, entenderanse concedidas co outorgamento da subvención, nos termos da solicitude presentada.

8.3. Reformulación de solicitudes.

Cando o importe da subvención concedida sexa inferior ao importe solicitado entenderase automaticamente reformulada a solicitude de subvención. Non entanto, esta deberá ser reformulada cando a entidade beneficiaria considere que non pode cumprir a totalidade da actividade subvencionada.

8.4. Cambios de obxecto.

O simple cambio dalgún dos conceptos de gasto subvencionados non se considerará cambio de obxecto, tampouco o cambio de lugar onde se faga a actividade, pero haberá que comunicarlle telematicamente á Deputación esa circunstancia antes de que se produza, sen prexuízo do que se estableza nas convocatorias específicas.

Base 9.- Xustificación e pagamento

9.1. Prazo de xustificación.

O prazo para a xustificación das subvencións rematará o 29 de abril de 2022, ás 14.00 horas.

9.2. Consideracións xerais.

As subvencións aboaranse despois da xustificación dos gastos, que deberán axustarse aos conceptos aprobados na concesión definitiva e que figurarán en cada expediente de solicitude.

O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada pola entidade xa rexistrada na Deputación da Coruña. De non existir este rexistro previo, a entidade deberá achegar a correspondente certificación dos seus datos bancarios.

9.2.1. O coeficiente de financiamento defínese como o cociente entre o importe da subvención solicitada e o importe do orzamento de gastos presentados pola entidade.

O orzamento subvencionado a xustificar será o que resulte de dividir o importe da subvención concedida polo coeficiente de financiamento.

No caso de ter outras subvencións ou ingresos propios para o mesmo obxecto que, en concorrencia coa subvención da Deputación da Coruña, teñan un importe superior á cantidade resultante do cálculo anterior, o orzamento subvencionado a xustificar será a suma das subvencións e ingresos.

O gasto xustificado documentalmente deberá acadar, polo menos, o importe do orzamento subvencionado a xustificar.

9.2.2. O importe das subvencións concedidas, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entidades privadas, supere o custo da actividade ou investimento desenvolvido pola entidade beneficiaria.

9.2.3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións doutras administracións públicas ou entidades privadas, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

9.3. Documentación xustificativa específica da convocatoria FO027A.

A documentación xustificativa deberá vir asinada do seguinte xeito:

- No caso das certificacións, virán asinadas conxuntamente pola persoa que exerza as funcións financeiras e/ou de tesourería e a persoa que exerza a representación legal da entidade.

- No caso das declaracións e outra documentación, pola presidencia ou persoa representante da entidade.

A documentación que se ha de presentar é a seguinte:

9.3.1. Memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención con indicación das actividades realizadas, das persoas usuarias, (no caso de cursos de formación relación de participantes nos mesmos), dos resultados obtidos e as desviacións acaecidas, asinada dixitalmente polo presidente ou representante da entidade.

9.3.2. Declaración da entidade relativa á repercusión do IVE que, no seu caso, inclúan nas facturas xustificativas do gasto realizado. De acordo co disposto no art. 31.8 da Lei xeral de subvencións, o IVE será subvencionable no caso de que non sexa deducible pola entidade.

9.3.3. De conformidade co disposto na Base 6.12, a entidade deberá achegar as 3 ofertas requiridas e xustificar a súa elección, salvo que esta recaese na máis vantaxosa economicamente.

9.3.4. Certificación acreditativa dos gastos realizados, con identificación das persoas acredoras (nome da empresa e NIF ou, se fora o caso, nome, apelidos completos (sen abreviaturas) e NIF, dos conceptos de gasto e dos tipos de documentos (n.º de factura ou documento equivalente, importe, data completa de emisión e detalle da retención do IRPF, nos casos que proceda) e das desviacións acontecidas en relación ao orzamento.

Para os gastos de persoal indicarase para cada traballador/a o mes, a data, o importe bruto da nómina e o importe da Seguridade Social con cargo á entidade, así como a porcentaxe da xornada laboral que en cada caso se lle impute á actividade que se está a xustificar. Se a entidade ten algunha bonificación nas cotas da Seguridade Social ao seu cargo, terá que facer referencia ao seu fundamento legal na documentación achegada.

De conformidade co indicado na Base 7.2.7, no caso de que na declaración de gastos figuren persoas acredoras, tanto físicas como xurídicas, vinculadas coa entidade beneficiaria, estas deberán corresponderse cos indicados na solicitude de autorización. Asemade, os importes de ditos gastos deberán referirse unicamente ao custo base da actividade realizada, excluíndo calquera tipo de beneficio.

Unicamente serán subvencionables os gastos realizados durante o propio exercicio; todo isto con independencia de que o pagamento dos citados gastos se realice segundo o disposto na base 6.11.

Unicamente se admitirán xustificantes de gastos correspondentes a actividades realizadas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de decembro de 2021.

Os xustificantes de gasto terán que estar expedidos nos períodos sinalados.

Non obstante, naqueles casos nos que as actividades fosen realizadas no final do período da convocatoria de subvencións, poderían admitirse os xustificantes (factura ou documento equivalente) que fosen expedidos ata o día 16 do mes de xaneiro de 2022.

No caso de programas ou proxectos subvencionados en anos sucesivos, presentarase unha declaración de que os xustificantes que se achegan son distintos dos xa presentados en exercicios anteriores.

No caso das subvencións superiores a 60.000 euros, ademais, deberán presentarse as facturas de gasto.

9.3.5. Declaración da Presidencia da entidade na que se faga constar que o gasto foi reflectido, na forma preceptiva, no libro de contabilidade da entidade, segundo o disposto no art. 14.1 da LXS.

9.3.6. Relación detallada de todos os ingresos concedidos por outras administracións públicas ou entidades privadas para o mesmo obxecto da subvención que se vai a xustificar, con indicación do seu importe e procedencia, así como dos ingresos propios afectados á actividade subvencionada, ou, pola contra, declaración de non ter outros ingresos públicos ou privados para o mesmo obxecto.

No caso de concorrencia de subvencións públicas que estean xustificadas, poderá achegarse certificación da administración que a concedeu, na que se detallen os conceptos subvencionados e os importes xustificados, así como o período ao que se refiren os gastos.

9.3.7. Declaración do cumprimento da obriga de facer constar a colaboración da Deputación da Coruña en toda a información interna e externa que se faga das actividades subvencionadas.

9.3.8. A entidade indicará se está ou non exenta do IVE e se está suxeita á regra de rateo a porcentaxe deducible, xa que só poderá terse en conta o cargo co dito imposto cando sexa soportado pola entidade e na porcentaxe que non fora deducible.

9.3.9. Cando a xustificación se presente fóra de prazo, a entidade poderá aceptar a sanción que lle corresponde segundo se recolle nas bases da convocatoria, así como a compensación do importe da sanción no pagamento da subvención, de conformidade co indicado na Base 10.

Para o cobramento da subvención, as entidades deberán presentar a documentación indicada nestas bases.

9.4. Tramitación da xustificación.

Para os efectos de xustificación dos gastos e coa finalidade de exceptuar o art. 31.2 da LXS, entenderase que o gasto está realizado coa achega da documentación sinalada na base anterior.

Á vista da documentación xustificativa presentada e logo dos informes previos da unidade xestora e da súa fiscalización, o órgano competente valorará o cumprimento das actividades ou investimentos subvencionados e, se a documentación é correcta, procederá o pagamento da subvención.

Para a valoración do cumprimento da finalidade básica da subvención terase en conta o seguinte:

- No caso de que se xustifique gasto polo 100% do orzamento subvencionado para xustificar, aboarase a totalidade da subvención.

- No caso de que se xustifique gasto inferior ao 100% e, polo menos, do 50% do orzamento subvencionado para xustificar, aboarase a parte proporcional da subvención.

- No caso de que se xustifique gasto inferior ao 50% do orzamento subvencionado para xustificar, non se considerará cumprida a finalidade básica da subvención, polo que non se aboará cantidade ningunha.

No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de 10 días para a súa emenda. Pasado o dito prazo sen que a entidade interesada atenda o requirimento, entenderase que desiste do seu pedimento, ditándose resolución de perda do dereito á percepción da subvención, que lle deberá ser notificada á entidade beneficiaria.

A Deputación da Coruña poderá requirirlle á entidade beneficiaria a documentación que estime pertinente para os efectos de comprobar o cumprimento da finalidade da subvención.

Conforme co que se dispón nas bases de execución do exercicio correspondente, o grao de execución das actividades ou investimentos subvencionados poderá ser considerado entre os criterios de valoración en futuras convocatorias.

No caso de non atoparse ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de que teña xustificado o cumprimento das condicións da subvención, advertirase á entidade beneficiaria de que non se procederá ao pagamento se no prazo dun mes non xustifica ter regularizada a súa situación tributaria ou social, e declararase a perda do dereito á subvención outorgada.

Base 10.- Incumprimentos e sancións

Unha vez transcorrido o prazo de xustificación sinalado nestas bases ou nas específicas sen que a entidade presentase a documentación xustificativa, a unidade xestora requiriraa para que a presente no prazo improrrogable de 15 días dende a notificación.

A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a renuncia á subvención outorgada, sen prexuízo das responsabilidades establecidas na LXS.

A presentación da documentación neste prazo excepcional non eximirá a entidade beneficiaria da sanción que lle corresponda segundo recolle o artigo 47.7 da Ordenanza Xeral de Subvencións e Transferencias.

· Atraso na presentación da xustificación ata un mes: 75 € .

· Atraso na presentación da xustificación dun mes ata tres: 600 € .

· Atraso na presentación da xustificación de máis de tres meses: 900 € .

Aplicarase a compensación para o cobramento da sanción, agás que a entidade sancionada formule oposición á sanción ata que se resolva o recurso.

Para outros incumprimentos e sancións non previstos neste apartado será de aplicación o disposto nos artigos 20 e seguintes da Ordenanza do control financeiro das subvencións da Deputación da Coruña.

A todas as sancións propostas seralle de aplicación a redución do 35% da sanción pecuniaria pola aceptación expresa do presunto responsable, de conformidade co establecido no artigo 85.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Base 11.- Protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Deputación da Coruña coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou por obriga legal.

As persoas interesadas poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación ao tratamento e portabilidade dos datos a través da sede electrónica da Deputación da Coruña ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para facilitar o exercicio dos dereitos, a Deputación pon ao seu dispor un modelo de solicitude (https://www.dacoruna.gal/documentacion/impresos-oficiais).

Disposición adicional primeira

Para os efectos da salvagarda do dereito das entidades participantes nas correspondentes convocatorias, ao respecto da protección dos seus datos de carácter persoal nos termos dispostos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantías dos dereitos dixitais.

Disposición adicional segunda

A aprobación das bases específicas queda sometida á condición suspensiva da entrada en vigor do orzamento xeral da Deputación da Coruña do correspondente exercicio no que se conteñan os créditos adecuados e suficientes para atender as solicitudes que ao amparo daquelas se presenten.

Consonte co anterior, non se poderá realizar ningún acto que supoña directa ou indirectamente compromiso provincial de transcendencia orzamentaria en tanto non se cumpra a condición suspensiva citada no apartado anterior.

Esta convocatoria non xerará dereito a favor das entidades solicitantes mentres non se dean as condicións orzamentarias, procedimentais e xurídicas de aplicación.

Disposición adicional terceira

A presentación dunha solicitude de subvención supón a aceptación das correspondentes bases reguladoras.

A Coruña, 23 de febreiro de 2021.

O presidente O secretario

Valentín González Formoso José Luis Almau Supervía

2021/1451

Bases do programa FO027A de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña para actividades durante o exercicio 2021. - Boletín Oficial de A Coruña de 26-02-2021

Ver el documento "Bases do programa FO027A de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña para actividades durante o exercicio 2021. - Boletín Oficial de A Coruña de 26-02-2021"

Acceda bajo demanda

Accede a más de 4.000.000 de documentos

Localiza la información que necesitas