Dictamen de Consello Cons...io de 2021

Última revisión
09/02/2023

Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 365 de 02 de junio de 2021

Tiempo de lectura: 46 min

Tiempo de lectura: 46 min

Relacionados:

Órgano: Consello Consultivo de Galicia

Fecha: 02/06/2021

Num. Resolución: 365


Cuestión

Reclamación de responsabilidade patrimonial

Resumen

Reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por T. quen actúa en nome propio e dos seus fillos Z. e G., polos danos sufridos como consecuencia do falecemento de L., cónxuxe e pai respectivamente, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Organismo: Consellería de Sanidade (Xunta de Galicia)

Letrado: Oreiro Romar

Propuesta: Desestimatoria

Conclusion: Desfavorable

Relator: Aranguren Pérez

Contestacion

ANTECEDENTES

1.- Con data 28.7.2020, T., actuando no seu propio nome e no nome e representación dos seus fillos menores, Z. e G. presentou

reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos derivados do falecemento de L., cónxuxe e pai, respectivamente, da

parte reclamante.

Alégase que o dito pasamento -acontecido o 16.7.2019 e provocado por un fallo cardíaco agudo vinculado a unha miocardiopatía hipertrófica obstrutiva-, tivo lugar como consecuencia dunha deficiente asistencia

sanitaria recibida no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (en diante, CHOU).

Repróchase desatención no seguimento da doenza cardíaca do paciente, con antecedentes dunha curmá falecida por morte súbita, e ao que en atención de urxencia o 4.7.2018 se lle estableceu unha sospeita

diagnóstica de obstrución apical, confirmada en consulta de cardioloxía o 5.12.2018, trala realización de RM de corazón, con

indicación de revisión en 3 meses, sen que o doente fose chamado para tal consulta, falecendo logo do transcurso de máis de

7 meses dende a última revisión.

Tamén se censura que non se aplicase ao doente algunha das diferentes terapias dispoñibles para evitar o resultado acontecido.

Solicítase unha indemnización por importe total de 363.071,29 ?.

2.- Instruído o correspondente expediente de responsabilidade patrimonial, e concedida audiencia á parte reclamante, que presentou

alegacións, o 18.12.2020 asinouse proposta de resolución en sentido desestimatorio da reclamación.

3.- O expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo señor conselleiro de

Sanidade tendo entrada neste organismo o día 28.12.2020.

4.- Na sesión da Sección de Ditames que tivo lugar con data 28.1.2021 acordouse, ao abeiro do disposto no artigo 34.4 do Decreto

91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia,

devolver o expediente para a realización dun novo informe de servizo, con base nos fundamentos que nel se expresan.

5.- O expediente tivo de novo entrada neste órgano consultivo o día 5.5.2021.

6.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do ditame.

CONSIDERACIÓNS

Primeira.

O Consello Consultivo de Galicia é competente para coñecer do expediente de reclamación de responsabilidade patrimonial das Administracións públicas ao que se fixo referencia nos antecedentes a teor

do previsto nos artigos 12.j) da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, e 17.a) do seu Regulamento

de organización e funcionamento, aprobado polo Decreto 91/2015, do 18 de xuño, por tratarse dunha reclamación de responsabilidade

patrimonial da Administración autonómica de contía superior a 30.000,00 ?.

Segunda.

O expediente sobre o que se solicita a emisión de ditame suscita un caso de responsabilidade patrimonial das administracións públicas que, como tal suposto, vén regulado basicamente polo artigo 106.2

da Constitución española, pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

(en diante, LPAC) (aspectos procedementais) e polos artigos 32 a 37 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do

sector público (en diante, LRXSP).

Así, no que ao presente expediente se refire, cómpre dicir que as esixencias de orde procedemental, en xeral, foron cumpridas, sobre todo o esencial trámite de audiencia que permite aos interesados exercitar

as súas posibilidades de defensa no procedemento administrativo.

Terceira.

No tocante aos aspectos de fondo hai que indicar que os principios que rexen a responsabilidade patrimonial das administracións públicas son o resultado dunha elaboración da doutrina e da xurisprudencia,

e teñen sido reiteradamente expostos polo Consello Consultivo.

Sinteticamente expostos, os presupostos mínimos para que xurda a responsabilidade patrimonial da Administración, partindo do principio de responsabilidade obxectiva e directa, son:

a) O dano producido no patrimonio dos particulares ten que ser efectivo e individualizado nunha persoa ou nun grupo de persoas.

b) O precitado dano ou lesión debe producir no patrimonio do particular lesionado un prexuízo antixurídico que este non teña

o deber de soportar.

c) O dano ou lesión patrimonial ten que gardar un nexo causal co funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos.

d) O dano non debe ser produto dunha situación de forza maior.

e) A reclamación ten que ser presentada polo particular interesado dentro do prazo legalmente establecido.

Xunto co anterior cabe indicar que a responsabilidade patrimonial da Administración configúrase como unha responsabilidade obxectiva. Como máis significados lindes daquel principio xeral poden

destacarse catro acoutacións de formulación legal:

a) A forza maior (artigo 32.1 LRXSP)

b) A obriga xurídica de soportar o dano (artigo 32.1 e 34.1 LRXSP)

c) A non indemnizabilidade dos danos derivados de feitos e circunstancias que non se puideran evitar ou prever segundo o estado

da ciencia e a técnica existentes na produción daqueles (artigo 34.1 LRXSP), e

d) Aqueloutras de creación xurisprudencial, tales como a culpa da vítima e feito de terceiro (recollidas en incontables pronunciamentos

do Tribunal Supremo, entre outros, o contido na súa sentenza do 27.7.2002).

Ao exposto cabe engadir a consolidada liña xurisprudencial segundo a cal nas reclamacións derivadas da actuación médica ou sanitaria non resulta suficiente a existencia dunha lesión (que conduciría a

responsabilidade obxectiva máis aló dos límites do razoable), senón que é preciso acudir ao criterio da lex artis, como modo de determinar cal é a actuación médica correcta, independentemente do resultado producido na saúde ou na vida

do enfermo xa que non é posible nin á ciencia nin á Administración garantir, en todo caso, a sanidade ou a saúde do paciente.

Así pois, só no caso de que se produza una infracción da dita lex artis responde a Administración dos danos causados; en caso contrario, os ditos prexuízos non son imputables á Administración e

non terían a consideración de antixurídicos polo que deberán ser soportados polo prexudicado.

A existencia deste criterio da lex artis baséase no principio xurisprudencial de que a obriga do profesional da medicina é de medios e non de resultados, é dicir,

a obriga concrétase en prestar a debida asistencia médica e non de garantir en todo caso a curación do enfermo.

Estamos ante un criterio de normalidade dos profesionais sanitarios que permite valorar a corrección dos actos médicos e que impón ao profesional o deber de actuar conforme coa dilixencia debida; criterio

que é fundamental pois permite delimitar os supostos nos que verdadeiramente pode haber lugar a responsabilidade ao esixirse

non só que exista o elemento da lesión senón tamén a infracción do repetido criterio; prescindir del levaría consigo unha

excesiva obxectivización da responsabilidade que podería declararse coa única esixencia de existir unha lesión efectiva, sen

necesidade de demostración da infracción do criterio de normalidade.

Cuarta.

Entrando xa na análise da proxección dos principios expostos na consideración anterior, sobre os particulares aspectos de fondo suscitados no presente expediente, é preciso analizar a proba practicada,

para, como ten reiterado esta institución, subsumir en categorías xurídicas as conclusións médico científicas de facultativos,

peritos e especialistas.

Así, o criterio xeral de que a carga da proba do dano e a súa vinculación co funcionamento público grava a quen reclama a indemnización (artigo 217.2 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil

(en diante, LAC)), vese matizado na interpretación das regras da carga probatoria na súa vertente subxectiva, por diversos

criterios que, como este Consello Consultivo ten considerado en anteriores pronunciamentos (entre outros, ditame CCG 453/2019

ou acordo CCG 395/2018) alivian a posición procedemental da parte reclamante.

Tendo en conta o exposto, este Consello Consultivo considerou que a proba incorporada ao expediente, -historia clínica e os informes dos facultativos

do CHOU- deixaba orfa de explicación dúas imputacións sobre unha presunta asistencia sanitaria neglixente. En efecto, e malia

existir unha clara indicación de revisión do paciente en tres meses, establecida no informe da consulta realizada no Servizo

de Cardioloxía o 5.12.2018, e sendo solicitada tal revisión polo doente na propia data, resulta que o seu lamentable pasamento

se produciu logo de transcorridos mais de 7 meses da anterior consulta e sen que a revisión dos 3 meses se tivera practicado.

Por outra parte, o informe do servizo responsable da asistencia debería abordar tamén a cuestión relativa ao alcance que o

antecedente de morte súbita dunha curmá do doente tiña de cara ao establecemento de medidas terapéuticas que puidesen evitar

ou diminuír o risco de complicacións propias da doenza sufrida polo paciente.

Atendendo á petición desde Consello en relación con estas cuestións, concretadas no acordo de devolución de 28.1.2021, foron incorporados dous informes, que, como proba cualificada de carácter

médico científico, procedemos a analizar.

O informe do Xefe de Servizo de Cardioloxía do CHOU de 15.2.2021, expón:

?? solo se considera, según las Guías Actuales de las Sociedades Europea y Americana de Cardiología, los antecedentes de muerte súbita en familiares de primer grado como relevantes en la actuación

terapéutica a seguir tal y como ya indicamos en el primer informe.

Dado que nos solicitan también un informe de la cardiólogo especialista que recomendó revisión a los tres meses fue la Dra. B. como así consta en su Historia Clínica y entonces ella era la Jefe de Servicio

de Cardiología, consideramos que también es la indicada para contestar por qué no se llevó a cabo tal revisión?.

De acordo con esta última indicación, o instrutor recadou tamén informe da facultativa responsable da revisión que non tivo lugar, emitido en 7.4.2021. E do mesmo resulta que, despois de describir

a medicación pautada:

??recomiendo control en consulta a los 3 meses para valoración de respuesta al tratamiento y ajuste de dosis si fuere preciso.

Desconozco el motivo por el que no se realizó la citación para la revisión a los 3 meses. Dicha citación depende del Servicio de Admisión.

Tampoco puedo responder a la cuestión de si la realización de dicha revisión hubiera cambiado la evolución y el fatal desenlace. (Desconozco el motivo del mismo) y aunque la causa del fatal desenlace

fuera cardiológica tampoco podría responder a la cuestión puesto que sería una suposición?.

Quinta.

Á vista da proba analizada, e en ausencia dun informe pericial de parte, podemos concluír que queda acreditado que o antecedente de morte súbita dunha curmá do doente carecía de relevancia para a

súa asistencia.

Non obstante, non podemos afirmar o mesmo respecto da cuestión relativa ao incumprimento por causa non imputable ao doente ?de feito, solicitou oportunamente a súa cita sen obter resposta nun en máis

de tres meses-, da citación para a revisión pautada.

A Administración escusa esta circunstancia nos protocolos de aplicación á doenza do falecido, citados nos informes técnicos e na propia proposta de resolución, e dos que resulta que a recomendación

de que as revisións para este tipo de doenzas teñan carácter anual. Non obstante, no caso específico do doente, foi indicada

aos tres meses, segundo explica a facultativo informante ?para valoración de respuesta al tratamiento y ajuste de dosis si fuese preciso? (sic).

En relación cos protocolos, este Consello ten manifestado que:

?constitúen un medio de plasmar as directrices ou recomendacións actualizadas que un grupo de expertos cualificados establecen

para orientar o labor diario dos profesionais. Se ben é certo que non existe unha definición legal destes, e que en consecuencia

carecen de obrigatoriedade xurídica, na práctica serven de guía a este órgano e tamén aos nosos tribunais para valorar a actuación

dos profesionais sanitarios. Desde esta perspectiva, convertéronse nunha ferramenta de gran utilidade para os profesionais

sanitarios, facilitándolles o diagnóstico e tratamento de enfermidades. E contribúen ao mantemento da calidade asistencial

mediante o uso adecuado dos recursos dispoñibles, evitándose decisións clínicas non fundamentadas cientificamente? (CCG 282/2020).

Así as cousas, é opinión deste Consello que os protocolos, como regras de carácter xeral, orientativas e sen vinculación xurídica, deben ceder perante un diagnóstico específico realizado con base na

inmediación asistencial da facultativo responsable da asistencia sanitaria. A atención médica personalizada non pode nin debe

ser substituída pola aplicación ?protocolaria? dun conxunto de regras, sen atender ás específicas circunstancias de cada doente.

No presente caso, consta na historia clínica o criterio da médico especialista, pautando unha revisión ?a los 3 meses?, e ratificado posteriormente mediante un informe elaborado ad hoc para analizar a presente reclamación, e no que explica as razóns médicas desta decisión ??valoración de respuesta al tratamiento y ajuste de dosis sin fuese preciso?-.

Polo exposto no presente caso este órgano consultivo considera que non tiveron posto a disposición do doente os medios adecuados ás súas necesidades o que permite deducir que non existiu plena adecuación

á lex artis ad hoc. O feito de que o erro non sexa médico senón administrativo ?o precitado informe apunta ao Servizo de Admisión- carece de relevancia,

por canto que o erro existe e produce unha creba asistencial e un dano potencial.

Agora ben debe terse en conta que non existen datos médicos que indiquen que unha detección máis temperá da doenza fose unha garantía de recuperación, ou de evitar o fatal desenlace producido, pero o

que resulta de todo punto razoable apreciar é que as omisións asistenciais detectadas, de non teren lugar, poderían conducir

a un desenlace distinto, máis favorables sen dúbida ás expectativas do paciente, sen que poida determinarse con exactitude

o seu alcance. Neste punto cómpre abordar a caracterización da doutrina da ?perda de oportunidade? que se concreta no grado de incerteza que rodea a unha determinada actuación médica para constatar en que medida se tivera

evitado un resultado lesivo, atendida a gravidade do dano, ou se tivera mellorado a situación do doente de haberse tomado

unha decisión concreta.

En efecto, como ten reiterado este Consello (entre outras moitas, CCG 257/2018; CCG 342/2019 e CCG 486/19):

?de realizarse un seguimento escrupuloso do procedemento ? certamente, non se pode garantir que non se acadase o mesmo resultado final, pero esta é precisamente a peculiaridade da

doutrina da perda de oportunidade. Con base nesta doutrina o dano indemnizable non é o material correspondente ao feito acontecido senón a incerteza en torno á secuencia que tomasen os feitos de seguirse no funcionamento do

servizo outros parámetros de actuación, é dicir, a posibilidade de que as circunstancias concorrentes sucedesen doutro xeito?.

Ao respecto tamén o Tribunal Supremo ten considerado, entre outras, en Sentenza do 25.5.2016, recurso 2396/2014, que ?en la pérdida de oportunidad no se indemniza la totalidad del perjuicio sufrido, sino que precisamente ha de valorarse la

incertidumbre acerca de que la actuación médica omitida pudiera haber evitado o minorado? o resultado acontecido. Igualmente, con inspiración no principio de efectividade do dano, o Tribunal Supremo esixe (entre

outras, na propia sentenza do 25.5.2016, recurso 2396/2014) ?que la posibilidad frustrada no sea simplemente una expectativa general, vaga, meramente especulativa o excepcional?.

Sexta.

Dito o que precede, á hora de fixar a contía da indemnización hai que ter en conta o criterio xurisprudencial (neste sentido, a Sentenza do Tribunal Supremo do 19.6.2012, recurso 579/2011) segundo o

cal:

?[?] la pérdida de oportunidad hace entrar en juego a la hora de valorar el daño causado, dos elementos de difícil concreción,

como son el grado de probabilidad de que dicha actuación hubiera producido ese efecto beneficioso, y el grado, entidad, o

alcance de éstemismo [?] la información acerca de las posibilidades reales de curación constituyen un elemento esencial en la doctrina denominada ?pérdida

de oportunidad?, por lo que la suma debe atemperarse a su existencia o no?.

Deste xeito, no caso que arestora nos ocupa, as distintas circunstancias que resultan do expediente -o mesmo feito da gravidade da doenza do paciente e a incerteza da súa evolución mesmo no caso

dun diagnóstico temperá, a idade do falecido (37 anos), a minoría de idade, convivencia e dependencia económica das fillas-

e os precedentes ditaminados por este Consello en supostos similares (entre outros, CCG 485/2019) conducen a recoñecer unha

indemnización de 20.000 ? á viúva e de 5.000 ? para cada un dos fillos do finado, cantidades que se entenden actualizadas

á emisión do presente ditame.

CONCLUSIÓN

Por todo o anteriormente exposto, a Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros, ditamina:

?Que informa desfavorablemente a proposta de resolución desestimatoria solicitada, procedendo a estimación da reclamación presentada nos termos sinalados na consideración sexta deste ditame?.

LIBROS Y CURSOS RELACIONADOS

Conflictos de competencia en torno al medicamento
Disponible

Conflictos de competencia en torno al medicamento

V.V.A.A

25.50€

24.23€

+ Información

Estatuto jurídico del testamento vital
Disponible

Estatuto jurídico del testamento vital

David Enrique Pérez González

12.75€

12.11€

+ Información

Regímenes y sistemas especiales de la Seguridad Social. Paso a paso
Disponible

Regímenes y sistemas especiales de la Seguridad Social. Paso a paso

Dpto. Documentación Iberley

14.50€

13.78€

+ Información

Reclamaciones ante compañía de seguros. Paso a paso
Disponible

Reclamaciones ante compañía de seguros. Paso a paso

Dpto. Documentación Iberley

14.50€

13.78€

+ Información