Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 276 de 27 de septiembre de 2023
Resoluciones
Dictamen de Consello Cons...re de 2023

Última revisión
05/10/2023

Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 276 de 27 de septiembre de 2023

Tiempo de lectura: 83 min

Tiempo de lectura: 83 min

Relacionados:

Órgano: Consello Consultivo de Galicia

Fecha: 27/09/2023

Num. Resolución: 276


Cuestión

Reclamación de responsabilidade patrimonial

Resumen

Reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por P., P., B. e P., polos danos e perdas como consecuencia do falecemento de V. (esposo, tío e tío avó dos reclamantes) tras a administración da segunda dose da vacina contra o Covid-19, no Hospital Universitario da Coruña.

Organismo:

Consellería de Sanidade (Xunta de Galicia)

Letrado:

Salgueiro Moreira

Propuesta:

Desestimatoria

Conclusion:

Favorable

Relator:

Martínez Yáñez

Contestacion

ANTECEDENTES

1.- O 29.4.2022 P., P- (actuando esta última en nome propio e tamén na representación do seu fillo menor de idade, B.) e P. presentaron

unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos derivados do falecemento de V. (esposo, tío e tío avó dos reclamantes),

o día 1.5.2021, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (en diante, CHUAC).

En concreto, os reclamantes estiman que o falecemento se produciu debido a unha reacción adversa á vacina contra o Covid-19

que lle fora administrada ao doente o día anterior. Sobre esta base, formulan os seguintes reproches:

a) Falta de información sobre o risco de morte pola administración da vacina.

b) A administración da vacina non era necesaria nin estaba xustificada, debendo valorarse o estado previo do doente para determinar

se era axeitada para el.

c) A modificación, sen motivo, da ?marca? da vacina inoculada (pois, segundo refiren, a primeira dose administrada fora da

vacina de Pfizer e a segunda dose, en cambio, foi da vacina de Moderna), provocou como resultado impredicible a morte do doente.

A indemnización solicitada ascende a un total de 128.319,90 ? (desagregado en 97.274,79 ? para a viúva e 10.348,37 ? para

cada un dos restantes reclamantes).

2.- Logo da presentación da reclamación, requiriuse que se xustificara a condición de interesada de P.

Este requirimento non foi atendido.

3.- Instruído o procedemento, deuse trámite de audiencia aos reclamantes, que formularon alegacións reiterando os reproches formulados

na reclamación.

4.- O 14.7.2023 formulouse a proposta de resolución en sentido desestimatorio da reclamación presentada.

5.- O expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo señor conselleiro de

Sanidade, tendo entrada neste organismo o 28.8.2023.

6.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do ditame.

CONSIDERACIÓNS

Primeira.

O Consello Consultivo de Galicia é competente para coñecer do expediente de reclamación de responsabilidade patrimonial das

administracións públicas ao que se fixo referencia nos antecedentes a tenor do previsto nos artigos 12.j) da Lei 3/2014, do

24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, e 17.a) do seu Regulamento de organización e funcionamento, aprobado polo

Decreto 91/2015, do 18 de xuño, por tratarse dunha reclamación de responsabilidade patrimonial da Administración autonómica

de contía superior a 30.000,00 ?.

Segunda.

O expediente sobre o que se solicita a emisión de ditame suscita un caso de responsabilidade patrimonial das administracións

públicas que, como tal suposto, vén regulado basicamente polo artigo 106.2 da Constitución española, pola Lei 39/2015, do

1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPAC), nos aspectos procedementais,

e polos artigos 32 a 37 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP), nos aspectos

substantivos.

Así, no que ao presente expediente se refire, cómpre dicir que as esixencias de orde procedemental, en xeral, foron cumpridas,

quedando constancia no expediente remitido da realización dos actos de instrución, da concesión do trámite de audiencia á

parte reclamante e da formulación da correspondente proposta de resolución.

Non obstante o anterior, procede facer as seguintes consideracións respecto da tramitación seguida.

Por unha banda, tal e como resulta dos antecedentes deste ditame, respecto dunha das persoas que presentaron a reclamación

inicial (en concreto, P.) formulouse un requirimento de emenda que non foi atendido. E, de feito, na proposta de resolución

esta persoa xa non figura como reclamante. Agora ben, ha de advertirse de que, respecto dela, debe ditarse unha resolución

na que se lle teña por desistida, de acordo co disposto no artigo 68.1 da LPAC.

A maior abastanza, en relación cos reclamantes, advírtese de que na resolución final do procedemento ha de precisarse que

P. actúa en nome propio e tamén na representación do seu fillo menor de idade, B.

Por outra banda, no último escrito de alegacións presentado polos reclamantes solicitouse unha proba documental consistente

en que ?por el servicio de citas se remita copia o transcripción de las citas enviadas a don V. para sus vacunaciones, incluyendo

en la información el número de teléfono al que fueron las citas remitidas?. Esta proba non se practicou, sen que fora obxecto de denegación expresa e motivada (como esixe o artigo 77.3 da LPAC). Non

obstante, habida conta de que a dita proba documental non cabe estimala relevante para os fins de decisión do procedemento

(pois nada acreditaría sobre a efectiva vacina administrada ao doente nin sobre a necesidade e xustificación da súa administración

nin sobre a información dada sobre os riscos, que son os reproches formulados polos reclamantes), non se procede a devolver

o expediente por tal causa, sen prexuízo de que na resolución que finalmente se dite debería recollerse un pronunciamento

expreso e motivado sobre o rexeitamento da dita proba.

Por último, debe advertirse sobre a dilación na tramitación do procedemento que nos ocupa, con superación do prazo máximo

para resolver de seis meses previsto no artigo 91.3 da LPAC, o que constitúe un actuar contrario ao principio de eficacia

que debe presidir a actuación da administración pública, de acordo co previsto no artigo 103.1 da Constitución española e

no artigo 3.1 da LRXSP, así coma aos principios de celeridade e axilidade dos procedementos administrativos, recollidos nos

artigo 71.1, letra d) da LPAC; e no artigo 3.1 da LRXSP, respectivamente. A resolución en prazo dos procedementos administrativos

así como o tratamento eficaz dos asuntos por parte da Administración constitúen, así mesmo, esixencias do principio de boa

administración, implícito na Constitución española (artigos 9.3, 103 e 106), tal e como ten salientado o Tribunal Supremo

(por todas, as sentenzas do 15.10.2020, rec. 1652/2019, e do 15.3.2021, rec. 526/2020).

Terceira.

No que atinxe aos aspectos de fondo hai que indicar que os principios que rexen a responsabilidade patrimonial das administracións

públicas son o resultado dunha elaboración da doutrina e da xurisprudencia e teñen sido reiteradamente expostos polo Consello

Consultivo.

Sinteticamente expostos, os presupostos mínimos para que xurda a responsabilidade patrimonial da Administración, partindo

do principio de responsabilidade obxectiva e directa, son:

a) O dano producido no patrimonio dos particulares ten que ser efectivo, avaliable economicamente e individualizado nunha

persoa ou nun grupo de persoas.

b) O precitado dano ou lesión debe producir no patrimonio do particular lesionado un prexuízo antixurídico que este non teña

o deber de soportar.

c) O dano ou lesión patrimonial ten que gardar un nexo causal co funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos.

d) O dano non debe ser produto dunha situación de forza maior.

e) A reclamación ten que ser presentada polo particular interesado dentro do prazo legalmente establecido.

Xunto co anterior cabe indicar que a responsabilidade patrimonial da Administración configúrase como unha responsabilidade

obxectiva. Como máis significados lindes daquel principio xeral poden destacarse catro acoutacións:

a) A forza maior (artigo 32.1 LRXSP)

b) A obriga xurídica de soportar o dano (artigo 32.1 e 34.1 LRXSP)

c) A non indemnizabilidade dos danos derivados de feitos e circunstancias que non se puideran prever ou evitar segundo o estado

dos coñecementos da ciencia ou da técnica existentes no momento de produción daqueles (artigo 34.1 LRXSP), e

d) Aqueloutros de creación xurisprudencial, tales como a culpa da vítima ou o feito de terceiro (recollidos en incontables

pronunciamentos do Tribunal Supremo como, entre outros, os contidos na súa sentenza do 27.7.2002, rec. 4012/1998, ou a do

19.6.2007, rec. 10231/2003, e nas que nela se citan). Así, é doutrina xurisprudencial consolidada a que sostén a exoneración

de responsabilidade para a Administración, a pesar do carácter obxectivo desta, cando é a conduta da propia persoa prexudicada

ou a dunha terceira persoa a única determinante do dano producido. Agora ben, non queda excluída a responsabilidade patrimonial

da Administración nos casos nos que na produción do evento danoso concorre a intervención da Administración xunto coa da vítima

ou dunha terceira persoa, recoñecéndose nestes supostos a posibilidade de apreciar unha concorrencia de culpas para mitigar

o quantum indemnizatorio (por todas, STS do 28.4.2009, rec. 7836/2004, ou do 17.6.2011, rec. 4881/2007).

Ao exposto cabe engadir a consolidada liña xurisprudencial, recollida, entre outras, na STS do 15.3.2018, rec. 1016/2016,

e nas que nela se citan, conforme a cal nas reclamacións derivadas de prestacións sanitarias non resulta suficiente a existencia

dun dano (que levaría a responsabilidade obxectiva máis aló dos límites do razoable), senón que é preciso acudir ao criterio

da lex artis como modo de determinar cal é a actuación médica correcta, independentemente do resultado producido na saúde ou na vida da

persoa enferma, xa que non é posible nin á ciencia nin á Administración garantir, en todo caso, a sanidade ou a saúde do paciente.

A actividade médica e a obriga do profesional son de medios e non de resultados, de prestación da debida asistencia médica

coa aplicación das técnicas sanitarias coñecidas polo estado da ciencia e razoablemente dispoñibles nese momento, e non de

garantir en todo caso a curación do enfermo. Así as cousas, cando, atendidas as circunstancias do caso, a asistencia sanitaria

prestouse conforme ao estado do saber e con adopción dos medios ao alcance do servicio, o resultado lesivo producido non se

considera antixurídico. Noutro caso, cando se teña incorrido en infracción da lex artis, o dano e prexuízo producidos son antixurídicos e deben ser indemnizados.

Para rematar con estas consideracións xerais procede lembrar que é desde unha perspectiva ex ante da asistencia sanitaria desde a que se debe examinar a prestación de medios, por ser a que se corresponde coa que teñen a

disposición os profesionais da medicina cando realizan tal prestación. En efecto, como se indicou, entre outros, nos ditames

CCG 198/2015, CCG 10/2018, CCG 23/2019 ou nos máis recentes CCG 30/2021, CCG 171/2022 ou CCG 97/2023, en sede de responsabilidade patrimonial da Administración por defectuosa asistencia sanitaria non é factible cuestionarse

o diagnóstico inicial ou a inadecuación dun tratamento dun paciente se o reproche se realiza exclusivamente fundándose na

súa evolución posterior. É dicir, non é posible soster a insuficiencia de probas diagnósticas, o erro ou atraso diagnóstico

ou a inadecuación do tratamento, só mediante unha regresión a partir do desgraciado curso posterior seguido pola persoa doente,

xa que a devandita valoración ha de efectuarse segundo as circunstancias no momento no que tiveron lugar. En suma, é a situación

de diagnóstico actual a que determina a decisión médica adoptada, valorando se, conforme cos síntomas do paciente, se puxeron

á súa disposición as exploracións diagnósticas indicadas e acordes a eses síntomas, non sendo válido, pois, que a partir do

diagnóstico final se considere as que puideron poñerse se naquel momento eses síntomas non se daban.

Cuarta.

Entrando xa na análise da proxección dos principios expostos na consideración anterior sobre os particulares aspectos de fondo

suscitados no presente expediente, e habida conta da vixencia do dereito a reclamar (ao terse formulado á reclamación antes

do transcurso do prazo previsto no artigo 67.1 da LPAC), de acordo coas previsións do artigo 81.2 da LPAC resulta preciso

pronunciarse neste ditame sobre se existe, no caso que se nos presenta a exame, unha relación de causalidade entre o funcionamento

do servicio e a lesión aducida e, eventualmente, sobre a valoración do dano causado e a contía e o modo de indemnización.

Tal e como adiantamos nos antecedentes deste ditame, os reproches dos reclamantes céntranse na administración ao doente da

segunda dose da vacina contra o Covid-19, ao entender que o seu falecemento foi debido a unha reacción adversa á vacina.

Pois ben, para a análise dos reproches dos reclamantes é necesario partir dos seguintes datos da historia clínica incorporada

ao expediente.

O paciente, de 87 anos de idade no momento dos feitos, tiña, entre outros antecedentes persoais, hipertensión arterial, dislipemia,

diabetes mellitus tipo II e trombose venosa profunda en membro inferior esquerdo. Padecía tamén adenocarcinoma de próstata

con metástases pélvicas (estadío IV), polo que estaba a seguimento en consultas externas de Uroloxía. Ademais, fora ingresado

en varias ocasións por síndrome confusional e vivía coa súa esposa pero contaba cunha persoa que lles axudaba e supervisaba

unhas horas no domicilio.

Segundos os datos do rexistro de vacinación que obran no expediente: i) o doente formaba parte do ?Grupo de risco para COVID-19 por idade?; ii) administróuselle a vacina contra o COVID-19 o 2.4.2021 e o 30.4.2021; iii) en ambos casos a vacina administrada foi

a do laboratorio Moderna, e iv) ?Non hai rexistros de renuncias ou contraindicacións para este paciente.?

Consta na historia clínica de Atención Primaria a asistencia ao doente no seu domicilio na tarde do 30.4.2021. Segundo a correspondente

anotación do curso clínico:

?S DOM. Esta mañana le administraron la 2º dosis de la Vacuna SARS-COv-2. Presentó vómitos al poco tiempo.

Aviso del 061 por fiebre.

Paciente consciente y orientado. BEG. No refiere tos ni vómitos actualmente. No disnea.

O TA: 93-57; FC 116; Tª: 38 ºC

Test rápido Ag SARS-COv-2: Negativo

ACP: rítmico. MVC

I reacción vacunal

P medidas físicas (No abrigarse...); aumentar la ingesta de líquidos.

Seguir con Paracetamol 1G/6 horas máximo. Ibuprofeno si persiste la fiebre entre tomas

VE?.

O doente acudiu a Urxencias do CHUAC ás 6:38 horas do día seguinte, 1.5.2021, por deterioro do estado xeral, febre e desorientación.

Fíxose exploración física e realizáronse probas complementarias. No correspondente informe clínico consta a seguinte evolución:

?Recogidos hemos y urocultivo e iniciada antibioterapia con meropenem. Acompañante (cuidadora habitual) informada de la situación

de gravedad?. O doente faleceu ás 10:45 horas. No mesmo informe figura como hipótese diagnóstica: ?PANCREATITIS AGUDA. Shock. Exitus?. Non se practicou autopsia.

Atendidos os anteriores datos da historia clínica, ha de entenderse probado que o doente, logo de recibir a segunda dose da

vacina contra o COVID-19 o 30.4.2021, sufriu un empeoramento do seu estado xeral que nun principio -na atención polo médico

de Atención Primaria no seu domicilio na tarde dese mesmo día- foi valorado como de reacción á vacina. Ante a evolución desfavorable

posterior, na mañá do 1.5.2021 o paciente foi atendido en Urxencias do CHUAC, sendo a hipótese diagnóstica a de pancreatite

aguda, e falecendo ás poucas horas da entrada no hospital.

Agora ben, os anteriores datos non abondan para fundar a responsabilidade patrimonial da Administración sanitaria, pois para

iso, como se indicou nas consideracións xerais, resulta necesario que quede acreditada a existencia dun nexo causal entre

a actuación sanitaria e o falecemento así como que tal actuación sanitaria non se axustou á lex artis.

A análise destes extremos, de carácter eminentemente técnico, esixe ter en conta os restantes medios de proba que foron incorporados

ao expediente. Neste sentido, é doutrina reiterada deste órgano consultivo a de salientar o cualificado valor probatorio que

neste eido teñen os informes de servizo recadados no seo da instrución ex artigo 81.1 da LPAC como fontes do coñecemento científico aplicado ao caso concreto (por todos, CCG 159/2020, CCG 332/2020,

CCG 72/2021 e CCG 56/2021), en especial nos casos, como o presente, nos que o dito informe (isto é, o informe emitido polo

Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUAC do 30.1.2023) é o único que ofrece unha análise técnica da asistencia sanitaria controvertida.

Quinta.

Sentado o anterior, comezaremos, por razóns sistemáticas e para unha maior claridade expositiva, polo reproche relativo a

que a segunda dose da vacina, administrada ao doente o 30.4.2021, non era da mesma ?marca? (isto é, do mesmo laboratorio), que a primeira dose o que -segundo entenden os reclamantes- provocou como resultado impredicible

o falecemento.

Pois ben, segundo os datos do rexistro de vacinación aos que se aludiu na consideración anterior, tanto a primeira como a

segunda dose administradas ao paciente foron da vacina do laboratorio Moderna. A tales datos obxectivos ha de estarse ao non

poder entenderse desvirtuados polas alegacións de falsidade formuladas polos reclamantes; cuestión esta (a relativa á invocación

dunha falsidade documental) allea ao procedemento que nos ocupa (por todos, CCG 141/2017, CCG 212/2017 ou CCG 361/2021).

Ao anterior se une que, mesmo no suposto de que se tratara de vacinas de diferentes laboratorios, este dato tampouco sería

determinante nin para entender que tal circunstancia fora a causa do falecemento do doente nin para considerar infrinxida

a lex artis. Neste sentido, no informe do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUAC do 30.1.2023, antes citado, se indica:

?(...) En la estrategia de vacunación frente a COVID19 en España Grupo de Trabajo Técnico de Vacunación COVID-19 , de la ponencia

de Programa y Registro de Vacunaciones de inicio se recomendaba que la pauta de vacunación se completara con el mismo tipo

de vacuna , si bien en la actualización 7 del 11 de mayo 2021 ya se recoge que ? La pauta completa de vacunación se realizará,

preferiblemente, con la misma vacuna.? abriendo otras posibilidades . De hecho, esto ha sido modificado con el debenir pandémico

en el momento actual existe información que habla de la mejor respuesta con pautas heterologias (...)?.

Sexta.

Procede analizar, en segundo lugar, os reproches referidos a que a administración da vacina non era necesaria nin estaba xustificada,

debendo valorarse o estado previo do doente para determinar se era axeitada para el.

Na consideración anterior xa indicamos que no rexistro de vacinación consta que o doente pertencía a un grupo de risco e que

non se rexistraran renuncias ou contraindicacións.

Na mesma liña, no informe do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUAC do 30.1.2023, se razoa sobre a indicación da vacinación neste caso nos seguintes termos:

?(...) Teniedo como referente la Estrategia Vacuna! nacional ( Actualización 5 ; 30/03/2021) que dirigía las actuaciones en

cuanto a vacunación a nivel nacional, el paciente podría incluirse en alguno de los siguientes grupos :

Grupo 4. Personas consideradas como grandes dependientes (grado 111 de dependencia, es decir, con necesidad de intensas medidas

de apoyo) que no estén actualmente institucionalizadas . En este grupo se incluyen aquellas personas consideradas grandes

dependientes (grado 111) según la Ley de Dependencia (Ley 3912006, de 14 de diciembreA ), aquellas que hayan solicitado el

reconocimiento y las que no lo hayan solicitado aún, pero esté médicamente acreditado por tener enfermedades que requieran

intensas medidas de apoyo para desarrollar su vida, incluidas aquellas institucionalizadas y no institucionalizadas . Los

cuidadores profesionales que atienden a estas personas con gran dependencia en sus hogares se podrían vacunar en la misma

visita que las personas a las que asisten, si no se han vacunado con anterioridad. Estas personas (dependientes y cuidadores

profesionales) se vacunarán con vacunas de ARNm o con vacuna de AstraZeneca en función de la edad de la persona y de la

disponibilidad .

Grupo 5. Personas vulnerables por su edad, no residentes de centros de mayores - Grupo 5A. Personas de 80 y más años de edad

(nacidas en 1941 y años anteriores)

Por lo tanto, es claro que existe indicación de vacunación. (...).

No mesmo informe se salienta como a vacinación era voluntaria de modo que ?El paciente citado acude a la vacunación motu proprio y puede rechazar la misma in situ? e que neste caso ?No se registra en la historia clínica, información relativa a dudas de vacunación o rechazo?.

Ao anterior se une que, segundo sinala o mesmo informe: ?Ni en la ficha técnica de la vacuna ni en la bibliografía revisada se recoge la pancreatitis como uno de los eventos adversos

relacionados con esta vacuna?. A continuación se detallan datos contidos no informe do 19.1.2023 publicado pola AEMPS sobre as notificacións rexistradas en España de acontecementos adversos acontecidos logo da administración

da vacina, entre os que non figura a pancreatite aguda. Ademais, advírtese como, mesmo os acontecementos adversos notificados

?no se pueden considerar reacciones adversas debidas a la vacuna hasta que no se confirme una relación causal con su administración? pois ?En la gran mayoría de los casos notificados en los que consta información sobre los antecedentes médicos y la medicación concomitante,

el fallecimiento se puede explicar por la situación clínica previa del paciente y/u otros tratamientos que estuviera tomando,

y las causas del fallecimiento son diversas, sin presentarse un patrón homgéneo. La vacunación no reduce las muertes por otras

causas diferentes a la COVID-19, por lo que durante la campaña de vacunación es esperable que los fallecimientos por otros

motivos diferentes sigan ocurriendo , en ocasiones en estrecha asociación temporal con la administración de la vacuna, sin

que ello tenga relación con el hecho de haber sido vacunado?.

E no dito informe se conclúe que ?Con los datos disponibles, creo que la actuación fue ajustada a las recomendaciones vigentes en el momento de vacunación?.

Do ata aquí exposto resulta que a administración da vacina neste caso estaba indicada por pertencer o doente a grupos de vulnerabilidade

e que, en todo caso, a súa administración foi voluntaria. Ao anterior se une que, segundo o estado dos coñecementos da ciencia

-tanto no momento da vacinación como mesmo na actualidade-, a pancreatite aguda (que, a falta de autopsia, é a hipótese diagnóstica

que figura no informe clínico correspondente) non se recolle como risco da vacina administrada ao doente.

En consecuencia, no estado probatorio no que o expediente é sometido a este órgano consultivo, cabe concluír que a actuación

sanitaria controvertida axustouse á lex artis sen que, ademais, poida entenderse acreditada a existencia dun nexo causal entre aquela actuación e o falecemento do doente.

Cómpre recordar, neste punto, que a mera secuencia temporal (é dicir, que o falecemento do doente se producira o día seguinte

daquel no que se lle administrara a vacina), sen outro indicio ou proba, non abonda para apreciar a existencia de nexo causal

(ditame CCG 657/2014. Na mesma liña, por exemplo, as sentenzas TSXG do 12.5.2004, rec. 836/2000, e do 26.5.2004, rec. 960/2000

ou as máis recentes sentenzas do Tribunal Superior de Justicia de Madrid do 10.12.2015, rec. 436/2015 -conforme coa cal: ?Si es verdad que una causa precede a un efecto, no siempre lo es que un hecho anterior sea la causa de otro posterior. Se

conoce tal modo de argumentar como falacia "post hoc ergo propter hoc". Aparte de esa relación temporal necesitaríamos un

medio de prueba? -ou a do 21.6.2018, rec. 186/2016- que advirte de que ?la conexión temporal no es por sí misma suficiente para establecer un nexo causal si no va respaldada por otras razones que

la validen, corroboren y confirmen?).

Sétima.

Resta por analizar o reproche referido á falta de información sobre o risco de morte pola administración da vacina.

En relación con este reproche procede partir de que o consentimento informado para a administración da vacina correspondía

outorgalo ao propio doente, tendo sinalado o Tribunal Supremo que nestes casos abonda cunha información e consentimentos verbais

(STS do 9.10.2012, rec. 6878/2010).

Sobre esta base, cómpre recordar que, como ten sinalado este órgano consultivo en ditames precedentes (como CCG 96/2016,

CCG 9/2018, CCG 49/2018, CCG 56/2018, CCG 103/2018, CCG 151/2018, CCG 230/2018, CCG 334/2018, CCG 258/2019, CCG 355/2019,

CCG 438/2019 ou os máis recentes CCG 312/2020, CCG 116/2021, CCG 214/2021 ou CCG 193/2023, con cita de pronunciamentos xudiciais), o dano que se deriva do defecto de consentimento informado do propio paciente constitúe

un dano de índole moral, ao supor a privación do doente da súa liberdade de opción, que reviste carácter persoalísimo e non

trasladable, nin sequera, ao círculo familiar máis próximo a aquel, agás os supostos nos que o paciente tivera xa iniciado

por si a reclamación e os seus achegados máis próximos lle sucederan no seu exercicio, que non é o que acontece no caso que

agora nos ocupa. A lexitimación dos reclamantes, polo tanto, non acadaría ao persoalísimo dano que puidera constituír unha

falta de consentimento informado do propio doente. Neste sentido se ten pronunciado, por exemplo, o Tribunal Superior de Xustiza

de Madrid en sentenzas como a do 8.6.2015, rec. 227/2013, citada nos ditames antes enumerados, así como a máis recente sentenza

do Tribunal Superior de Justicia de Galicia do 16.9.2020, rec. 71/2020, na que se indica expresamente, respecto do dereito

ao consentimento informado do paciente, que ?el paciente tiene un derecho personalísimo e intransmisible y, correlativamente, también lo será el daño que se le irrogue?.

Do anterior resulta, polo tanto, que os reclamantes carecen de lexitimación para reclamar unha indemnización por falta de

consentimento informado do falecido (ao tratarse dun dano moral persoalísimo deste, non transmisible, como se vén de indicar).

Procede engadir que, en todo caso, e dado que, conforme o analizado na consideración precedente deste ditame, segundo o estado

dos coñecementos da ciencia -tanto no momento da vacinación como mesmo na actualidade- a pancreatite aguda non se recolle

como risco da vacina administrada ao doente, non era esixible que a información abranguese o dito risco pois ?se debe informar de aquellos relacionados con las circunstancias personales o profesionales, lo que se individualiza en el

caso concreto con relación a la edad, salud y dedicación del paciente; también los riesgos probables en condiciones normales

conforme a la experiencia y al estado de la ciencia médica o directamente relacionados con el tipo de intervención (riesgo

típicos). En caso que el riesgo sea atípico, es decir imprevisible o anómalo, de los que no se producen habitualmente en el

tipo de intervención, no cabría incluirlo entre los riesgos que deben ser informados al paciente? (STS do 15.3.2018, rec. 1016/2016).

Ao anterior se une que, conforme reiterada doutrina xurisprudencial, seguida por este órgano consultivo, para que poida apreciarse

unha infracción do dereito ao consentimento informado determinante de responsabilidade da Administración sanitaria é necesario

que se materialice algún dano causalmente enlazado coa actuación sanitaria do que non fora informado o doente pese a ser un

risco coñecido. En efecto, como sinala, entre outras, a STS do 30.9.2020, rec. 2432/2019:

?(...) el defecto del consentimiento informado se considera un incumplimiento de la ?lex artis? y supone una manifestación

de funcionamiento anormal del servicio sanitario siempre que se haya ocasionado un resultado lesivo como consecuencia de las

actuaciones médicas realizadas sin tal consentimiento informado, por lo que la ausencia de ese resultado lesivo impide que

pueda apreciarse una infracción de la ?lex artis? por falta o deficiencia de consentimiento informado (...)?.

En suma, de non existir un dano efectivo causalmente vinculado coa falta ou deficiencia do consentimento non xurdiría o deber

da Administración de indemnizar. E neste caso, como se vén de indicar na consideración anterior, non pode considerarse acreditado

que o falecemento do doente tivera a súa causa na administración da vacina.

Oitava.

En atención ao sinalado nas consideracións precedentes, o parecer deste órgano consultivo é favorable á desestimación da reclamación.

CONCLUSIÓN

Por todo o anteriormente exposto, a Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros,

ditamina:

?Que informa favorablemente a proposta de resolución desestimatoria á que o presente expediente se refire?.

LIBROS Y CURSOS RELACIONADOS