Última revisión
Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 252 de 19 de julio de 2023
Relacionados:
Órgano: Consello Consultivo de Galicia
Fecha: 19/07/2023
Num. Resolución: 252
Cuestión
Reclamación de responsabilidade patrimonial
Resumen
Reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por S., por mor dos danos sufridos como consecuencia dunha caída no paseo entre a praia de Cabeceira e a praia de Lourido no Concello de Poio.
Organismo:
Deputación Provincial de Pontevedra
Letrado:
Salgueiro Moreira
Propuesta:
Inadmisión
Conclusion:
Favorable
Relator:
Souto Souto
Contestacion
ANTECEDENTES
1.- O 19.10.2022 S. presentou unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos derivados da caída que sufriu, o 3.3.2021,
cando ía dando un paseo desde a praia de Cabeceira á de Lourido, no Concello de Poio. A causa da caída, segundo refire a reclamante,
foi o tropezo cunha lastra que se atopaba fóra de sitio.
Reclama unha indemnización na contía de 39.770,28 ?.
2.- Instruído o procedemento, deuse trámite de audiencia á reclamante, quen non formulou alegacións.
3.- O 7.7.2023 formulouse proposta de inadmisión da solicitude ao abeiro do artigo 88.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento
administrativo común das administracións públicas.
4.- O expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo señor presidente da
Deputación de Pontevedra, tendo entrada neste organismo o día 10.7.2023.
5.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do presente ditame.
CONSIDERACIÓNS
Primeira.
O Consello Consultivo de Galicia é competente para coñecer do expediente de reclamación de responsabilidade patrimonial das
Administracións públicas ao que se fixo referencia nos antecedentes a teor do previsto nos artigos 12.j) da Lei 3/2014, do
24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, e 17.a) do seu Regulamento de organización e funcionamento, aprobado polo
Decreto 91/2015, do 18 de xuño, por tratarse dunha reclamación de responsabilidade patrimonial presentada ante unha Administración
local por contía superior a 15.000,00 ?.
Procede engadir que neste caso solicitouse a emisión de ditame no prazo de quince días ao abeiro do artigo 24.1 da Lei 3/2014,
do 24 de abril, polas razóns de urxencia que constan na petición de ditame.
Segunda.
O expediente sobre o que se solicita a emisión de ditame suscita un caso de responsabilidade patrimonial das administracións
públicas que, como tal suposto, vén regulado basicamente polo artigo 106.2 da Constitución española, pola Lei 39/2015, do
1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPAC), nos aspectos procedementais,
e polos artigos 32 a 37 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP), nos aspectos
substantivos.
Tratándose neste caso da eventual responsabilidade patrimonial dunha entidade local debe traerse a colación tamén o artigo
54 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante, LBRL), a teor do cal: As entidades locais responderán directamente dos danos e perdas causados aos particulares nos seus bens e dereitos como consecuencia
do funcionamento dos servizos públicos ou da actuación das súas autoridades, funcionarios ou axentes, nos termos establecidos
na lexislación xeral sobre responsabilidade administrativa?.
En sentido similar pronúnciase o artigo 223 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades
locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro.
No presente caso, e no que atinxe á tramitación seguida, cómpre dicir que as esixencias de orde procedemental, en esencia,
foron cumpridas, constando no expediente remitido a realización dos actos de instrución necesarios, a concesión do trámite
de audiencia á parte reclamante e a formulación da correspondente proposta.
Procede engadir, non obstante, que na petición de ditame a este órgano consultivo faise referencia á pendencia dun recurso
contencioso-administrativo contra a desestimación presunta da reclamación de responsabilidade patrimonial que nos ocupa, seguido
ante o Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra (PO 60/2023). A pendencia dun recurso contencioso-administrativo contra a desestimación presunta dunha reclamación de responsabilidade
patrimonial non é obstáculo para o pronunciamento deste órgano consultivo, ante a subsistencia da obriga da Administración
de ditar resolución expresa no procedemento ex artigo 21.1 da LPAC (por todos, CCG 79/2021, CCG 176/2022, CCG 418/2022, CCG 443/2022 ou CCG 478/2022). O anterior enténdese
sen prexuízo da necesidade de que a Administración, con carácter previo a resolver, teña necesariamente en conta o estado
no que se atopa a tramitación do dito recurso, singularmente, se nel ten recaído ou non sentenza.
Terceira.
No que atinxe aos aspectos de fondo hai que indicar que os principios que rexen a responsabilidade patrimonial das administracións
públicas son o resultado dunha elaboración da doutrina e da xurisprudencia e teñen sido reiteradamente expostos polo Consello
Consultivo.
Sinteticamente expostos, os presupostos mínimos para que xurda a responsabilidade patrimonial da Administración, partindo
do principio de responsabilidade obxectiva e directa, son:
a) O dano producido no patrimonio dos particulares ten que ser efectivo, avaliable economicamente e individualizado nunha
persoa ou nun grupo de persoas.
b) O precitado dano ou lesión debe producir no patrimonio do particular lesionado un prexuízo antixurídico que este non teña
o deber de soportar.
c) O dano ou lesión patrimonial ten que gardar un nexo causal co funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos.
d) O dano non debe ser produto dunha situación de forza maior.
e) A reclamación ten que ser presentada polo particular interesado dentro do prazo legalmente establecido.
Xunto co anterior cabe indicar que a responsabilidade patrimonial da Administración configúrase como unha responsabilidade
obxectiva. Como máis significados lindes daquel principio xeral poden salientarse:
a) A forza maior (artigo 32.1 LRXSP).
b) A obriga xurídica de soportar o dano (artigo 32.1 LRXSP).
c) A non indemnizabilidade dos danos derivados de feitos ou circunstancias que non se puideran prever ou evitar segundo o
estado dos coñecementos da ciencia ou da técnica existentes no momento de produción daqueles (artigo 34.1 LRXSP), e
d) Aqueloutros de creación xurisprudencial, tales como a culpa da vítima ou o feito de terceiro (recollidos en incontables
pronunciamentos do Tribunal Supremo, entre outros, os contidos na súa sentenza do 27.7.2002, rec. 4012/1998, ou a do 19.6.2007,
rec. 10231/2003, e nas que nelas se citan). Así, é doutrina xurisprudencial consolidada a que sostén a exoneración de responsabilidade
para a Administración, a pesar do carácter obxectivo desta, cando é a conduta da propia persoa prexudicada ou a dunha terceira
persoa a única determinante do dano producido. Agora ben, non queda excluída a responsabilidade patrimonial da Administración
nos casos nos que na produción do evento danoso concorre a intervención da Administración xunto coa da vítima ou dunha terceira
persoa, recoñecéndose nestes supostos a posibilidade de apreciar unha concorrencia de culpas para mitigar o quantum indemnizatorio (por todas, STS do 28.4.2009, rec. 7836/2004, ou do 17.6.2011, rec. 4881/2007).
Cuarta.
Sentado o anterior, e no que atinxe á vixencia do dereito a reclamar, se ben a reclamación que nos ocupa presentouse o 19.10.2022
por mor de danos derivados dunha caída que tivo lugar o 3.3.2021, da documentación clínica que obra no expediente resulta
que, cando se formulou a reclamación, non transcorrera o prazo de prescrición do artigo 67.1 da LPAC.
De acordo coas previsións do artigo 81.2 da LPAC, resulta preciso entón pronunciarse neste ditame sobre se existe, no caso
que se nos presenta a exame, unha relación de causalidade entre o funcionamento do servizo e a lesión aducida e, eventualmente,
sobre a valoración do dano causado e a contía e o modo de indemnización.
Pois ben, no presente caso o contido do expediente permite entender acreditada a realidade da caída e que, como consecuencia
desta, a reclamante sufriu fracturas en ambos brazos. Así mesmo, e tendo en conta a declaración dunha testemuña, pode considerarse
acreditado que a caída tivo lugar, o día 3.3.2021 sobre as 18:30 horas, ao tropezar a reclamante cunha lastra cando camiñaba
polo paseo da praia de Cabeceira do Concello de Poio.
Ademais, de acordo co informe do Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais da Deputación Provincial de Pontevedra, do
12.12.2022, que obra no expediente: ?O paseo entre a Praia de Cabeceira e a de Lourido, no Concello de Poio, está xusto na traza da estrada provincial EP 0602
PORTOSANTO-LOURIDO-CAMPELO (que pertence á rede provincial de estradas)?.
Agora ben, os anteriores datos non abondan para apreciar a responsabilidade patrimonial da Deputación Provincial de Pontevedra.
Para iso é necesaria a concorrencia dos requisitos aos que se aludiu na consideración anterior deste ditame e, entre eles,
a existencia dun nexo causal entre os danos reclamados e o funcionamento dun servizo público provincial.
Sentado o anterior, procede advertir de que a propia reclamante, no seu escrito inicial, indicou que polos mesmos feitos presentara
unha reclamación de responsabilidade patrimonial ante o Concello de Poio. No seo dese procedemento de responsabilidade patrimonial
ante o Concello de Poio emitiuse o noso ditame CCC 412/2022, en sentido favorable á desestimación da reclamación. No que aquí
interesa, naquel expediente quedou acreditado, (sobre a base de determinados informes) que a caída se producira nun paseo
marítimo cuxo mantemento é competencia municipal (en concreto, na zona de lastras, cuxa función non é propiamente o tránsito
de persoas senón a delimitación entre a zona específica de tránsito peonil e a zona de circulación de vehículos).
Pois ben, algúns deses informes están incorporados ao expediente que nos ocupa, ao ser achegados pola reclamante.
En concreto, por unha banda, figura no expediente enviado o informe do enxeñeiro municipal do Concello de Poio, do 20.6.2022,
no que se sinala:
?[...] Cabe destacar que dito paseo marítimo foi realizado no seu día por Costas, existindo lastras de protección no límite entre
o paseo peonil e o vial para o tránsito dos vehículos. Ditas lastras teñen a finalidade de protección do paseo peonil co carril
de circulación para os vehículos.
As lastras de protección, están situadas no bordillo do paseo, as cales se encontran visibles e, xirada visita observouse
que o firme do paseo está en boas condicións non detectándose ningunha irregularidade en dito firme.
Por outro lado, o paseo marítimo é de titularidade municipal, sendo competencia do Concello o seu mantemento, mentres que
o vial denominado Avda de Lourido é unha estrada de titularidade provincial (EP-0602), sendo de competencia da Deputación
de Pontevedra.
Polo exposto, infórmase que o firme do paseo marítimo se encontra en bo estado, existindo lastras de protección, as cales
se encontran visibles, no límite co carril de circulación para os vehículos [...]?.
E, por outra banda, consta tamén no expediente o informe do encargado xeral do mesmo concello, do 11.2.2022, conforme o cal:
?[...]Na zona onde, presuntamente, ocorreron os feitos existe unha beirarrúa na marxe esquerda da estrada EP-0602 (de titularidade
provincial).
Trátase dunha plataforma de formigón confinada a ambos lados por lastras de pedra granítica.
A anchura da beirarrúa é de 1,70 metros e mantén en todo momento unha zona de paso, totalmente libre de obstáculos, de 1,30
metros [...]?.
Neste informe, ademais, recóllense fotografías do lugar.
Na medida na que os referidos informes están incorporados ao expediente que nos ocupa e non foron desvirtuados por proba en
contrario, cabe sentar a mesma conclusión- recollida no noso ditame CCG 412/2022-, de que a caída tivo lugar nun paseo marítimo
que linda cunha estrada provincial (en concreto, na zona de lastras do dito paseo) e que o mantemento do paseo é competencia
municipal.
Ao anterior xúntase que no informe do Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais da Deputación Provincial de Pontevedra,
do 12.12.2022, emitido na instrución do procedemento que nos ocupa, indícase:
?[...] O paseo entre a Praia de Cabeceira e a de Lourido, no Concello de Poio, está xusto na traza da estrada provincial EP 0602
PORTOSANTO-LOURIDO-CAMPELO (que pertence á rede provincial de estradas) [...]
Desde o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de hoxe non existe ningún parte de incidencia por este motivo (ou por outros similares)
nesa estrada provincial (achéganse os filtros dos anos 2020 a 2022) [...]
Tras realizar visita de inspección no entorno do punto ao que se fai referencia na reclamación subscribimos o informe do enxeñeiro
técnico municipal onde se sinala que ?o firme do paseo marítimo atopábase en no estado de conservación, existindo lastras
de protección, as cales se atopan visibles, no límite co carril de circulación para vehículos? [...]
Non existía constancia de ningún perigo que puidera incidir na seguridade viaria da estrada provincial, polo que non procedía
por parte deste servizo a sinalización do mesmo [...]?.
En atención ao exposto, no estado probatorio no que o expediente é sometido a ditame deste órgano consultivo, non resulta
acreditada a existencia dun nexo causal entre os danos reclamados e o funcionamento dun servizo público provincial, pois a
Deputación Provincial de Pontevedra, nin é a Administración responsable do mantemento do lugar da caída, nin tampouco viña
obrigada, na súa condición de titular da estrada coa que linda o paseo, á sinalización do obstáculo.
Quinta.
A ausencia desa relación causal (apreciada na proposta sometida ao presente ditame) determina que proceda desestimar a reclamación,
sen que sexa necesario entrar a analizar outros aspectos como o relativo á incidencia ou non da conduta da reclamante na produción
do sinistro; extremo sobre o que, pola mesma razón, non debería pronunciarse a resolución final do procedemento (no mesmo
sentido, CCG 32/2023).
A consecuencia, polo tanto, da falta de nexo causal entre os danos reclamados e o funcionamento dun servizo público provincial
debe ser a desestimación da reclamación, e non a inadmisión da solicitude ao abeiro do artigo 88.5 da LPAC, tal e como fai
a proposta sometida a ditame.
En efecto, sobre este precepto nos pronunciamos, por exemplo, no ditame CCG 90/2015 e, máis recentemente, no acordo de devolución
CCG 77/2021, nos seguintes termos:
?[...] A LPAC establece no artigo 88, apartado 5 que a Administración poderá ?acordar a inadmisión das solicitudes de recoñecemento
de dereitos non previstos no ordenamento xurídico ou manifestamente carentes de fundamento, sen prexuízo do dereito de petición
previsto no artigo 29 da Constitución?. Trátase así, dunha decisión administrativa que rexeita ?ad limine? a reclamación sen
tramitar o procedemento administrativo correspondente no que a parte puidese alegar e probar a procedencia da reclamación
presentada. A Audiencia Nacional na sentenza do 24.4.2019, rec. 863/2017, sinalou:
?[...] la inadmisión de plano debe entenderse referida a los supuestos más palmarios y evidentes en los que la reclamación de responsabilidad
carezca de fundamento de forma ?patente y manifiesta? sin que pueda ser utilizada fuera de esos casos como un mecanismo de
desestimación anticipada del fondo, pues ello reduce las garantías del solicitante y le obliga a acudir a los tribunales sin
disponer de una decisión de fondo sobre la concurrencia de los requisitos en los que se funda la reclamación de responsabilidad
y sin los informes técnicos preceptivos?. (No mesmo sentido, SSAN de 19.1.2015, rec. 59/2014; de 21.1.2015, rec. 9/2013; de
26.11.2014, rec 560/2012; de 5.5.2009, rec. 664/2007; e de 16.6.2009, rec. 811/2007)?.
Na mesma liña das sentenzas citadas nese acordo de devolución se sitúan outras máis recentes (como as sentenzas do Tribunal
Superior de Justicia de la Comunidad Valenciana do 5.12.2019, rec. 114/2018, e do 13.1.2021, rec. 331/2019; as sentenzas do
Tribunal Superior de Justicia de Castilla-La Mancha do 7.12.2020, rec. 574/2018, e do 31.3.2021, rec. 470/2019; ou a sentenza
do Tribunal Superior de Justicia de Madrid do 11.1.2023, rec. 1293/2021).
Trasladando estas consideracións ao presente caso, non nos atopamos ante un suposto de inadmisión ad limine dunha reclamación por carecer manifestamente de fundamento nos termos expostos senón nun caso no que, logo de estimarse correctamente
iniciado o procedemento (Resolución do deputado delegado do 31.1.2023), realizáronse os actos de instrución necesarios (entre eles, o informe do servizo previsto no artigo 81.1 da LPAC e a práctica
de proba) e deuse posteriormente trámite de audiencia á parte reclamante, e no que resulta necesario efectuar unha análise
sobre a concorrencia ou non dos requisitos da responsabilidade patrimonial (singularmente, neste caso, do referido á relación
de causalidade).
Do anterior resulta que o procedemento debe finalizar cunha resolución de fondo, na que, logo da debida fundamentación fáctica
e xurídica, e conforme o exposto neste ditame, se desestime a reclamación por falta de nexo causal entre os danos reclamados
e o funcionamento dun servizo público provincial.
CONCLUSIÓN
Por todo o anteriormente exposto, a Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros
presentes, ditamina:
?Que informa favorablemente a proposta de resolución de inadmisión da reclamación á que o presente expediente se refire, sen
prexuízo do indicado na consideración quinta deste ditame?.