Dictamen de Consello Cons...re de 2020

Última revisión
09/02/2023

Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 216 de 02 de septiembre de 2020

Tiempo de lectura: 35 min

Tiempo de lectura: 35 min

Relacionados:

Órgano: Consello Consultivo de Galicia

Fecha: 02/09/2020

Num. Resolución: 216


Cuestión

Reclamación de responsabilidade patrimonial

Resumen

Reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por G., por mor dos danos sufridos como consecuencia dunha caída provocada por unha lousa rota e afundida no pavimento da rúa Benito Corbal na cidade de Pontevedra.

Organismo: Concello de Pontevedra

Letrado: López Guizán

Propuesta: Desestimatoria

Conclusion: Favorable

Relator: Costa Pillado

Contestacion

ANTECEDENTES

1.- O 18.12.2019 G. interpón ante o Concello de Pontevedra unha reclamación de responsabilidade patrimonial por mor da caída

por ela sufrida o 8.1.2019 na rúa Benito Corbal por mor dun lastro roto e afundido.

Segundo o escrito da parte interesada:

?Con data 8 de enero de 2019, entre as 22:30 e 23:00 horas, a interesada ía camiñando co seu marido pola Rúa Benito Corbal

da cidade de Pontevedra e á altura do número 33, diante da oficina de Caixabank, pisou unha baldosa rota e fundida e co desnivel

do pavimento provocou unha caída como consecuencia da cal sufriu unha fractura maléolo peroneo, sendo atendida no Servizo

de Urxencias do Hospital Montecelo e recaendo en situación de incapacidade temporal dende data 9.01.2019 ata o 15.11.2019,

data en que foi alta médica?.

Xunto coa reclamación achégase diversa documentación clínica, copia da comparecencia do esposo da accidentada ante a Policía Local do 9.1.2019, e diversas fotografías do lugar onde a parte interesada

refire que aconteceu a caída.

2.- Previo requirimento da instrución do 14.1.2020, o 22.1.2020 a parte reclamante cuantificou a súa pretensión indemnizatoria

en 22.754,13 ?, achegando ao efecto un informe médico-pericial de avaliación dos danos asinado polo doutor P. o 20.1.2020.

3.- Na instrución do expediente incorporouse ao mesmo:

- Informe da Policía Local do 5.2.2020.

- Informe da Área de Medio Ambiente, Proxectos e Obras do 7.2.2020.

- Valoración dos danos e secuelas realizada pola entidade aseguradora Z., sen datar.

4.- Instruído o procedemento, deuse trámite de audiencia á parte interesada.

Esta, o 3.8.2020, formulou alegacións nas que reiterou a súa pretensión indemnizatoria sinalando que:

?a caída sufrida pola Sra. G. e as conseguintes lesións constatadas que constan nos informes médicos, foron causadas directamente

pola mala instalación e estado para a circulación peonil dunha baldosa da rúa Benito Corbal da Cidade de Pontevedra, da que

se recoñece expresamente que ?está rota e lixeiramente afundida, presentando un desnivel duns dous (2) centímetros e que foi

o propio Concello quen ?procedeu a sinalizalo e reparalo nos días seguintes? á sinalada caída da interesada?.

5.- O 12.8.2020 ditouse unha proposta de resolución en sentido desestimatorio da reclamación presentada.

6.- O expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo señor alcalde do Concello

de Pontevedra tendo entrada neste organismo o día 20.8.2020.

7.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do ditame.

CONSIDERACIÓNS

Primeira.

O Consello Consultivo de Galicia é competente para coñecer do expediente de reclamación de responsabilidade patrimonial das Administracións públicas ao que se fixo referencia nos antecedentes a teor

do previsto nos artigos 12.j) da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, e 17.a) do seu Regulamento

de organización e funcionamento, aprobado polo Decreto 91/2015, do 18 de xuño, por tratarse dunha reclamación de responsabilidade

patrimonial da Administración local de contía superior a 15.000,00 ?.

Segunda.

O expediente sobre o que se solicita a emisión de ditame suscita un caso de responsabilidade patrimonial das administracións públicas que, como tal suposto, vén regulado basicamente polo artigo 106.2

da Constitución española (en diante, CE), pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións

públicas (en diante, LPAC) (aspectos procedementais) e polos artigos 32 a 37 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico

do sector público (en diante, LRXSP).

Tratándose neste caso da eventual responsabilidade patrimonial dunha entidade local, debe tamén traerse a colación o artigo 54 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, a teor

do cal: ?As entidades locais responderán directamente dos danos e prexuízos causados aos particulares nos seus bens e dereitos como

consecuencia do funcionamento dos servizos públicos ou da actuación das súas autoridades, funcionarios ou axentes, nos termos

establecidos na lexislación xeral sobre responsabilidade administrativa?.

En sentido similar pronúnciase o artigo 223 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

Así, no que ao presente expediente se refire, cómpre dicir que as esixencias de orde procedemental, en xeral, foron cumpridas, sobre todo o esencial trámite de audiencia que permite aos interesados exercitar

as súas posibilidades de defensa no procedemento administrativo.

Terceira.

No tocante aos aspectos de fondo hai que indicar que os principios que rexen a responsabilidade patrimonial das administracións públicas son o resultado dunha elaboración da doutrina e da xurisprudencia,

e teñen sido reiteradamente expostos polo Consello Consultivo.

Sinteticamente expostos, os presupostos mínimos para que xurda a responsabilidade patrimonial da Administración, partindo do principio de responsabilidade obxectiva e directa, son:

a) O dano producido no patrimonio dos particulares ten que ser efectivo e individualizado nunha persoa ou nun grupo de persoas.

b) O precitado dano ou lesión debe producir no patrimonio do particular lesionado un prexuízo antixurídico que este non teña

o deber de soportar.

c) O dano ou lesión patrimonial ten que gardar un nexo causal co funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos.

d) O dano non debe ser produto dunha situación de forza maior.

e) A reclamación ten que ser presentada polo particular interesado dentro do prazo legalmente establecido.

Xunto co anterior cabe indicar que a responsabilidade patrimonial da Administración se configura como unha responsabilidade obxectiva. Como máis significados lindes daquel principio xeral poden

salientarse catro acoutacións de formulación legal:

a) A forza maior (artigo 32.1 LRXSP)

b) A obriga xurídica de soportar o dano (artigo 32.1 e 34.1 LRXSP)

c) A non indemnizabilidade dos danos derivados de feitos e circunstancias que non se puideran evitar ou prever segundo o estado

da ciencia e a técnica existentes na produción daqueles (artigo 34.1 LRXSP), e

d) Aqueloutras de creación xurisprudencial, tales como a culpa da vítima e feito de terceiro (recollidas en incontables pronunciamentos

do Tribunal Supremo, entre outros, o contido na súa sentenza do 27.7.2002).

Cuarta.

Entrando no exame do fondo do asunto, cómpre, por mandato legal -artigo 81.2 da LPAC- e polo que ao presente ditame se refire, a verificación da existencia, ou non, dunha relación de causalidade entre o

funcionamento do servizo e a lesión producida, para o que é preciso partir da previa constatación dun dano, como ocorre no

presente caso, no que se xuntan ao expediente informes da asistencia sanitaria prestada á Sra. G., nos que se recollen as

lesións sufridas pola parte interesada, en concreto, unha fractura de maléolo peroneo.

Con todo, a constatación deste dato non é suficiente para apreciar a existencia de responsabilidade administrativa, sendo necesario xustificar a presenza dun vínculo causal que enlace o dano padecido co

funcionamento dun servizo público, o que esixe, por principio, a demostración de que a caída se produciu, efectivamente, nas

circunstancias indicadas pola interesada, e que estas determinan a existencia dun vínculo causal entre o dano e o funcionamento

do servizo asumido pola administración á que aquel se imputa, cal é o servizo público viario recollido nos artigos 26 da Lei

7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local e 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Neste sentido a parte reclamante imputa as lesións sufridas ao mal estado da beirarrúa, achegando para o efecto diversas fotografías do lugar onde refire ter caído e nas que se constata a existencia

dun lastro roto e lixeiramente afundido respecto do resto do pavimento (uns dous centímetros segundo o informe da Área de

Medio Ambiente, Proxectos e Obras do 7.2.2020).

Nesta tesitura debe considerarse a regra xeral, recollida en numerosos ditames deste Consello Consultivo (por todos eles, o CCG 697/2004 e 148/2020), segundo a que a carga da proba da existencia da conexión

causal do dano co funcionamento do servizo público corresponde certamente á parte reclamante, e a dos feitos impeditivos da

pretensión (forza maior, culpa do prexudicado etc ...) á Administración (artigo 1.214 do Código Civil e actual 217 da Lei

1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, (en diante, LAC). No mesmo sentido postúlase a xurisprudencia do Tribunal Supremo,

que, con carácter xeral, acolle o principio de que a carga da proba da relación de causalidade do dano co servizo público

corresponde á parte reclamante (entre outras, sentenzas do 4.11.1997 e 30.10.1999), se ben esta carga da proba debe entenderse

modulada polo principio de oficialidade na instrución (artigo 75.1 da LPAC), que obriga á Administración a desenvolver as

actuacións precisas para a determinación e coñecemento dos feitos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución.

Pois ben, cómpre sinalar que a realidade da caída da parte interesada no concreto punto que refire a Sra. G., e onde o lastro presenta un pequeno desnivel verbo do pavimento, resulta controvertida,

pois a Policía Local non tivo coñecemento directo dos feitos, senón a través da denuncia realizada por M., esposo da accidentada,

o día seguinte da caída. Ademais, malia que o Sr. M. referiu ante a Policía Local que a parte reclamante ía camiñando con

el e cuns amigos pola rúa, a parte interesada non chegou a propoñer sequera a proba testemuñal daqueles ou de calquera outra

persoa que tivese presenciado os feitos, malia producirse a caída nunha céntrica rúa da cidade.

Por outra banda, consta tamén no expediente que nin a Policía Local nin a Área de Medio Ambiente, Proxectos e Obras tiñan coñecemento previo da irregularidade do pavimento naquel punto, ou doutros accidentes

por esta causa, procedéndose de inmediato á súa reparación. Sinala neste sentido o informe da Policía Local do 5.2.2020 como

?no constan intervencións polo mesmo tema nesa zona nesas datas?, engadindo o informe da Área de Medio Ambiente, Proxectos e Obras do 7.2.2020, verbo daquel pequeno desnivel, que ?o Concello non tiña coñecemento da deficiencia indicada pola solicitante, e toda vez que lle foi comunicado o desperfecto,

procedeu a sinalizalo e reparalo nos días seguintes?.

A maior abastanza, tampouco pode obviarse que a mera presenza dunha pequena irregularidade no pavimento, como a que nos ocupa, sen dato engadido, como vén de sinalarse, que singularice a omisión da

súa reparación (como sería a existencia previa de reclamacións ou advertencias dos propios servizos ou usuarios das vías),

non pode elevarse á categoría de creba do estándar de seguridade, por todas, a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 30.9.2005, ?La pequeña irregularidad en el pavimento, harto frecuente en nuestros viales, carece de relevancia al objeto de servir de

base a una responsabilidad administrativa fundada en el artículo 139 de la Ley 30/1992, de 26 de noviembre, de régimen jurídico

de las administraciones públicas y del procedimiento administrativo común, toda vez que resulta prácticamente imposible encontrar

un vial o calzada que pueda calificarse de perfecto desde el punto de vista de la morfología debido a la continua incidencia

de factores externos de toda índole derivados de la climatología y del continuo paso de personas y vehículos, de ahí que no

proceda la estimación de la demanda?.

Con base no que precede, e para dar cabo ao presente ditame, o xuízo deste órgano consultivo é favorable á desestimación da reclamación presentada.

CONCLUSIÓN

Por todo o anteriormente exposto, a Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros, ditamina:

?Que informa favorablemente a proposta de resolución desestimatoria á que o presente expediente se refire?.

LIBROS Y CURSOS RELACIONADOS

La innovación y modernización administrativa en el ámbito local español
Disponible

La innovación y modernización administrativa en el ámbito local español

Gonzalo Pardo Beneyto

21.25€

20.19€

+ Información

Temario para las oposiciones de Auxilio judicial 2024 (VOLUMEN I + II)
Disponible

Temario para las oposiciones de Auxilio judicial 2024 (VOLUMEN I + II)

V.V.A.A

76.50€

72.67€

+ Información

1300 preguntas Test. Oposiciones Auxilio Judicial (DESCATALOGADO)
Disponible

1300 preguntas Test. Oposiciones Auxilio Judicial (DESCATALOGADO)

M.ª Guadalupe Lorenzo Aguilera

25.95€

22.06€

+ Información