Última revisión
Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 161 de 06 de septiembre de 2023
Relacionados:
Órgano: Consello Consultivo de Galicia
Fecha: 06/09/2023
Num. Resolución: 161
Cuestión
Reclamación de responsabilidade patrimonial
Resumen
Reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por A., por mor dos danos e perdas sufridos como consecuencia do tratamento do control da súa xestación no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (en diante, CHUS), Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (en diante, HULA) e Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (en diante, CHUVI).
Organismo:
Consellería de Sanidade (Xunta de Galicia)
Letrado:
Oreiro Romar
Propuesta:
Inadmisión
Conclusion:
Favorable
Relator:
Aranguren Pérez
Contestacion
ANTECEDENTES
1.- Con data 30.12.2022, A. presentou reclamación por responsabilidade patrimonial derivada da asistencia sanitaria prestada
no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (en diante, CHUS), Hospital Universitario Lucus Augusti de
Lugo (en diante, HULA) e Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (en diante, CHUVI).
Segundo manifestado pola interesada ?la infracción de la lex artis se traduce en una mala asistencia por parte de los facultativos del HULA (sic) durante parto
de su hijo en 30 de enero de 2017, de la que derivó una neuropatía del nervio pudendo bilateral de predominio derecho (grado
moderado) en estado crónico?.
A indemnización reclamada ascende a 100.000 euros ?sin perjuicio de ulterior determinación?.
2.- Apreciada a posible existencia de prescrición do dereito a reclamar, a persoa instrutora do procedemento decide, con data
15.3.2023, outorgar un trámite audiencia sobre esta cuestión á parte reclamante, a cal formulou alegacións o 26.3.2023, manifestando á súa oposición á existencia de prescrición.
3.- O 13.4.2023 formulouse proposta de inadmisión por extemporánea da solicitude e de arquivo do expediente.
4.- O expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo señor conselleiro de
Sanidade tendo entrada neste organismo o día 8.5.2023.
5.- Con data 16.5.2023, a Sección de Ditames deste Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros, ao abeiro do previsto no artigo
34.4 do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, aprobado polo Decreto 91/2015, do 18
de xuño, acordou devolver o expediente, sen a emisión do ditame, con base nos fundamentos que alí se expresan, debendo, unha
vez completadas as actuacións requiridas, someter de novo o expediente ao ditame deste órgano consultivo.
6.- O expediente tivo novamente entrada neste Consello con data 24.8.2023.
7.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do ditame.
CONSIDERACIÓNS
Primeira.
Sométese a ditame deste Consello Consultivo unha proposta correspondente a un expediente administrativo instruído pola Consellería
de Sanidade, no que, a instancia de parte, se interesa o recoñecemento do dereito ao percibo dunha indemnización en concepto
de responsabilidade patrimonial.
O artigo 12.j) da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, dispón expresamente que:
?O Consello Consultivo ditaminará preceptivamente sobre os asuntos seguintes:
[...]
j) Reclamacións de responsabilidade patrimonial de contía superior a 30.000 euros para a Administración autonómica e a 15.000
euros para as administracións locais?.
Pola súa banda, o artigo 33.2 do Regulamento de organización e funcionamento, aprobado polo Decreto 91/2015, do 18 de xuño,
(en diante, RCCG) sinala que:
?Unha vez aberto o expediente, e como trámite previo, en caso de observarse a falta manifesta de competencia do Consello,
por parte da Presidencia do Consello decidirase a devolución do expediente remitido e o arquivo do actuado ante o Consello,
sen máis trámite?.
A competencia deste Consello Consultivo debe cinguirse aos aspectos descritos na lexislación reguladora dos procedementos
de reclamación de responsabilidade patrimonial, e excluírse cando a falta de competencia resulta ?manifesta?.
En efecto, o ditame preceptivo do Consejo de Estado ou dos órganos consultivos equivalentes só é esixible nos supostos nos
que o procedemento administrativo de reclamación por responsabilidade patrimonial da Administración remate mediante unha proposta
de resolución do órgano instrutor ditada nos termos e co alcance establecidos no artigo 91.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,
do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPAC), cun pronunciamento ?sobre a existencia ou non da relación de causalidade entre o funcionamento do servizo público e a lesión producida e, se for
o caso, sobre a valoración do dano causado, a contía e o modo da indemnización, cando proceda, de acordo cos criterios que
para calculala e aboala se establecen no artigo 34 da Lei de réxime xurídico do sector público?.
O obxecto do ditame do órgano consultivo competente vén expresado, en lóxica coherencia, no artigo 81, número 2, da LPAC,
ao establecer que "deberase pronunciar sobre a existencia ou non de relación de causalidade entre o funcionamento do servizo público e a lesión
producida e, se for o caso, sobre a valoración do dano causado e a contía e modo da indemnización, de acordo cos criterios
establecidos nesta lei".
No expediente tramitado, a Consellería de Sanidade non se pronunciou sobre ningún deses extremos, propoñendo simplemente a
inadmisión ?a limine? da solicitude por extemporaneidade.
Para estes supostos, a proposta de resolución a que se refire o artigo 91.2 da LPAC queda excluída e, como consecuencia, tamén
o ditame do órgano consultivo competente ao que se refire o artigo 81.2 da LPAC, establecendo o artigo 21.1 da mesma lei que
nestes casos a resolución ?consistirá na declaración da circunstancia que concorra en cada caso, con indicación dos feitos producidos e das normas aplicables? e que será recorrible en vía contencioso-administrativa.
Polo tanto, no presente caso podería entenderse que o que procede é a inadmisión ?a limine? da reclamación presentada, por extemporaneidade, sen necesidade de solicitar ditame deste Consello Consultivo de Galicia.
Non obstante o anterior, tamén hai que ter en conta que o precitado artigo 33.2 do RCCG esixe, para apreciala, que ?a falta de competencia? do Consello Consultivo sexa ?manifesta?, o que daría lugar a unha resolución, por falta de competencia, da Presidencia do Consello Consultivo.
Pois ben, no presente caso, e como xa temos manifestado noutras ocasións (vide CCG 178/2020, CCG 194/2020, CCG 253/2020, CCG 309/2020 CCG 333/2020, CCG 356/2020, CCG 359/2020 ou os máis recentes CCG 89/2021,
CCG 80/2022, CCG 489/2022 ou CCG 107/2023) obsérvase a necesidade de realizar un xuízo xurídico previo á inadmisión, no que deben terse en conta unha serie de elementos
fácticos que dean lugar a unha conclusión xurídica.
En definitiva, estas operacións de interpretación normativa e fáctica esixen un xuízo xurídico previo que exclúe, a entender
deste organismo, a posibilidade de apreciar a ?manifesta incompetencia?" do Consello; e, en consecuencia, obrigan a analizar a legalidade da proposta sometida a ditame. Neste sentido cómpre, ademais,
lembrar que este órgano consultivo actúa como unha garantía de legalidade para a cidadanía en relación coa actuación da Administración,
polo que a súa intervención non pode constituír vicio ou defecto ningún na tramitación do expediente.
Segunda.
Na proposta de resolución sometida a ditame prevese a inadmisión da reclamación por extemporánea, ao entenderse que foi interposta
logo de transcorrido máis dun ano dende a determinación do alcance do dano.
Considérase pola Administración consultante que ?los hechos que dieron origen a esta reclamación tuvieron lugar en enero de 2017. Considerando fecha de conocimiento del daño
abril de 2021, fecha del ENG o 31/05/2021, fecha en que la ginecóloga lo registró en la histórica clínica del SERGAS, por
ser la más favorable a efectos de presentación de la presente reclamación de responsabilidad patrimonial, el supuesto de año
estaría prescrito?.
Pola contra, a xuízo da parte reclamante, no seu escrito do 28.3.2023, presentado durante o trámite de audiencia concedido expresamente para analizar a concorrencia da prescrición, sinala que:
?el 22 de diciembre de 2021 acudió a la primera consulta de la unidad de Patología del Nervio Pudendo del CHUVI (sic), donde
pautan hacerle una radiofrecuencia pulsada para confirmar el diagnóstico. El 21 de febrero de 2022 se realizó la radiofrecuencia
pulsada en el CHUVI? como las lesiones no están estabilizadas se evalúa la cantidad prudencialmente en cien mil euros sin
perjuicio de su ulterior determinación?.
No presente caso, tratándose dunha reclamación vinculada a danos de carácter físico, e diante da ausencia de curación e o
transcurso dun longo prazo dende a data na que se estableceu o diagnóstico que se entende retrasado, procede analizar os presupostos
para a fixación do dies a quo do cómputo.
Así, en primeiro lugar, a xurisprudencia establece que para que poida entenderse determinado o alcance das secuelas é preciso
que poida establecerse o alcance do dano real polo que se reclama. Así, en sentenza do Tribunal Supremo 1212/2016, do 27 de
maio (recurso de casación 3483/2014), razoouse que o coñecemento do alcance das secuelas ?dependerá de los datos existentes y de que éstos sirvan para determinar que la lesión o secuela se ha consolidado y sea posible
conocer el alcance real del daño que se reclama?. A determinación de cando se produce esta circunstancia e, polo tanto, cando é posible exercitar a acción, comezando o cómputo
do prazo de prescrición, segundo se indica na propia STS citada ?depende de las circunstancias de cada caso, y de las pruebas practicadas?.
Por outra parte, ao fío da distinción entre danos continuados e permanentes, en sentenza do Tribunal Supremo 2135/2015, do
6 de maio (recurso de casación 2099/2013), con cita da sentenza do mesmo Tribunal de data 26.2.2013 (recurso de casación 367/2011),
define estes coma os que se refiren a lesións irreversibles e incurables ?aunque no intratables?.
Ademais debe ser considerado que para que se entenda producida a determinación do alcance das secuelas non é necesario que
estas sexan perfectamente uniformes e homoxéneas no tempo, pois o Tribunal Supremo ten apreciado o inicio do cómputo do prazo
de prescrición cando se coñecen as secuelas dunha doenza ?aunque en los aspectos no esenciales de la enfermedad, la evolución puede ser más o menos gravosa? (sentenza do Tribunal Supremo 4024/2014, do 3 de outubro, recurso de casación 3957/2012).
Para o inicio do cómputo do prazo de prescrición abondaría, pois, con que o dano fose ?previsible en su evolución y en su determinación, y por tanto, cuantificable? (Vide a citada sentenza do Tribunal Supremo 2135/2015, do 6 de maio (recurso de casación 2099/2013)).
Por tal razón a existencia de procesos asistenciais en curso, como pode ser unha secuencia de rehabilitación, a realización
de sucesivas consultas en unidades da dor para tratar de paliar os padecementos estabilizados, ou a realización de controis
periódicos da doenza, non supoñen necesariamente a suspensión do cómputo de prescrición, e, de feito, non o suspenden cando
existe un cabal coñecemento do dano e este é razoablemente previsible, de modo que aquela asistencia vai encamiñada, con alcance
limitado, a ?obtener una mejor calidad de vida, o a evitar eventuales complicaciones en la salud, o a obstaculizar la progresión de la
enfermedad, no enervan la realidad de que el daño ya se manifestó con todo su alcance? (Vide a citada sentenza do Tribunal Supremo 2135/2015, do 6 de maio (recurso de casación 2099/2013)).
A xurisprudencia transcrita senta unha evidente vocación de poñer couto temporal á acción de reclamación nos supostos de danos
físicos ou psíquicos, de coñecida tendencia a prorrogar os seus efectos no tempo.
Terceira.
Trasladando as consideracións expostas ao presente caso, é necesario analizar a historia clínica, e a evolución da enfermidade
dende o seu diagnóstico ata a data actual.
Efectivamente, consta na historia clínica -e non se discute- que a doente tivo coñecemento da patroloxía -neuropatía pudenda
dereita-, como mínimo, antes do 31.5.2021, data na que se realiza unha anotación co seguinte tenor literal ?Pcte a segto por probable neuralgia del pudendo derecho (segto U. Dolor y Rehab.) tras parto en 2017 en Lugo? aporta estudio
neurofisiológico privado donde refieren neuropatía en la derecha y afectación de rama grite superior del plexo sacro derecho?, e data fixada na proposta como día inicial do cómputo do prazo, por ser máis favorable á interesada. A parte reclamante
alude a un tratamento que comeza o 21.2.2022 (radiofrecuencia pulsada), para concluír que ?mal puede determinarse, a priori, cuando la curación depende del tratamiento que aún empezó a realizar el 21 de febrero de
2022?. En calquera caso, e aínda que, reiteramos, a proposta de resolución establece o día inicial en 31.5.2021 en aplicación do
principio pro actione, o certo é que no historial médico constan anotacións desta patoloxía o 27.3.2019 ou incluso 18.5.2018.
Pero o verdadeiramente relevante é que da análise da historia clínica resulta que despois destas datas non houbo ningún tipo
de evolución significativa na súa doenza, máis ben ao contrario, aplicáronse toda unha serie de tratamentos, tanto na sanidade
pública como na privada, por desgraza, sen éxito.
Así, na anotación realizada o 31.8.2022 polo Servizo de Rehabilitación do Hospital de Cee, unha vez rematado o tratamento
ao que alude a parte reclamante no seu escrito do 28.3.2023, faise constar que ?La paciente refiere estar igual que antes del tratamiento no ha notado mejoría alguna con electroterapia intracavitaria?.
Posteriormente, e despois dun novo tratamento, anotase que ?la paciente refiere que no ha mejorado nada? (18.11.2022), e ?con nuestros tratamientos no ha experimentado mejoría alguna ? Desde el 22/06/2022 hemos hecho:- tratamiento con óvulos de
diacepam,- masaje vaginal - enseñanza del masaje vaginal dándole pautas para casa para seguir con el mismo en domicilio, -
electroterapia intravaginal (12 sesiones), - protocolo de PENs TIBIAL? alta por nuestra parte por agotamiento de posibilidades
terapéuticas? (11.1.2023).
Pola contra, non existe ningún tipo de anotación na historia clínica do que resulte a existencia de novas patoloxías, ou mesmo
unha evolución tórpida da mesma que tería xerado danos autónomos, ou con entidade suficiente para consideralos diferentes
dos existentes desde o principio aos efectos de deferir o día inicial do prazo para exercitar a acción de reclamación de danos.
O que se observa é a aplicación de diferentes tratamentos para a mesma patoloxía, por desgraza infrutuosos, ou incluso recomendación
de outros descartados pola doente (o 5.10.2022 o médico responsable da Unidade de dor anota ?Aporta informes de Madrid que descartan atrapamiento en canal de Alcock. Ofrezco posibilidad de valoración por cirugía que
por ahora descarta?), pero nin a asistencia pública nin a medicina privada o conseguiron curar definitivamente á doente.
O exposto ata este punto leva a concluír que as patoloxías nas que se basea a reclamación podían reputarse como efectivamente
constatadas na data a que se refire a proposta de resolución (abril - maio de 2021), sendo previsibles na súa evolución e
na súa determinación, de modo que a partir daquela data podía exercitar o seu dereito a reclamar ao considerarse completados
os elementos de feito e de dereito que permitían deducir a acción. E iso porque as xenéricas alegacións contidas no seu escrito
non identifican padecementos que supuxeran un agravamento nin ningunha outra variación substancial nas concretas patoloxías
xa definidas. Por tanto, non concorren elementos que xustifiquen dilatar o inicio do cómputo do prazo de prescrición. En suma,
con posterioridade á data indicada, non estamos ante unha atención sanitaria que fose necesaria para que a doente adquirise
pleno coñecemento do alcance daquelas patoloxías nas que funda a súa reclamación.
Estamos, en definitiva, en palabras da STS do 11.6.2012, rec. 2643/2010, ante unha reclamación ?referida a unos daños cuya determinación se concretó en un momento dado y desde entonces cuantificables, que aun cuando pueda
sufrir alteraciones son previsibles conforme una evolución patológica ya conocida?.
O ata aquí exposto leva a concluír que, cando se presentou a reclamación de responsabilidade patrimonial, o 30.12.2022, xa
transcorrera o prazo de prescrición dun ano do artigo 67.1 da LPAC.
O criterio deste órgano consultivo é, pois, favorable á inadmisión da reclamación.
CONCLUSIÓN
Por todo o anteriormente exposto, a Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros,
ditamina:
?Que informa favorablemente a proposta de inadmisión da reclamación á que o presente expediente se refire?.