Dictamen de Consello Cons...re de 2021

Última revisión
09/02/2023

Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 133 de 10 de noviembre de 2021

Tiempo de lectura: 81 min

Tiempo de lectura: 81 min

Relacionados:

Órgano: Consello Consultivo de Galicia

Fecha: 10/11/2021

Num. Resolución: 133


Cuestión

Reclamación de responsabilidade patrimonial

Resumen

Reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por C., por mor dos danos sufridos como consecuencia na demora no tratamento da uropatía obstrutiva que padecía no EOXI Pontevedra-Salnés.

Organismo: Consellería de Sanidade (Xunta de Galicia)

Letrado: Oreiro Romar

Propuesta: Parcialmente estimatoria

Conclusion: Favorable

Relator: Martínez Yáñez

Contestacion

ANTECEDENTES

1.- Con data 24.9.2020 C. formulou reclamación de responsabilidade patrimonial ante o Servizo Galego de Saúde pola asistencia

recibida nos Hospitais do Salnés e de Pontevedra desde o ano 2012 a causa do problema renal que padecía.

En concreto, o reclamante sostén que:

?DEBIDO A LA ESPERA Y LA DILATACIÓN POR PARTE DE LA ADMINISTRACIÓN A LA QUE ME DIRIJO padezco una INSUFICIENCIA RENAL SEVERA.

AL NO SER OPERADO EN EL MOMENTO QUE SE COMPRUEBA LA ENFERMEDAD QUE PADECÍA EL SR. C.

(?)

Cuál es el resultado de la demora injustificable en la intervención, así como en la carente asistencia médica profesional, pues no es otra que: UNA INSUFICENCIA RENAL CRÓNICA, la cual, sin duda, no se

habría generado si se hubiera intervenido al Sr. C. en el momento preciso y necesario. Es evidente la conducta negligente

en la administración a la que me dirijo? (sic.).

Alega ademais que esta situación lle causou un trastorno ansioso-depresivo, secuelas ambas polas que solicita unha indemnización por valor de 53.983,63 ?.

2.- Con data 21.10.2020 iníciase o expediente de responsabilidade patrimonial ao que se incorporan:

- Historia clínica.

- Informe do Servizo de Nefroloxía da EOXI Pontevedra-Salnés do 20.11.2020.

- Informe do Servizo de Uroloxía da EOXI Pontevedra-Salnés, sen data.

3.- Con data 1.2.2021 cúrsase trámite de audiencia e alegacións incluíndo neste todos os documentos incorporados ao expediente

ao longo do procedemento.

4.- Con data 14.4.2021 o reclamante presenta alegacións, limitándose a sinalar a cuantificación económica da reclamación presentada,

con apoio no informe médico pericial no que se conclúe que as secuelas que o interesado presenta son insuficiencia renal crónica,

que posiblemente desembocará nun tratamento con diálise, e cadro ansioso-depresivo.

5.- Con data 20.4.2021 a persoa instrutora do expediente formula proposta de resolución en sentido desestimatorio.

6.- O expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo señor conselleiro de

Sanidade, tendo entrada neste organismo con data 30.4.2021.

7.- Na Sección de Ditames que tivo lugar con data 26.5.2021 acordouse, ao abeiro do disposto no artigo 34.4 do Decreto 91/2015,

do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, devolver

o expediente para que se completen as actuacións nel requiridas.

8.- Con data 26.7.2021 a persoa instrutora do expediente formula nova proposta de resolución no sentido de estimar parcialmente

a indemnización reclamada.

9.- O expediente tivo de novo entrada neste órgano consultivo o 25.10.2021.

10.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do ditame.

CONSIDERACIÓNS

Primeira.

O Consello Consultivo de Galicia é competente para coñecer do expediente de reclamación de responsabilidade patrimonial das Administracións públicas ao que se fixo referencia nos antecedentes a teor

do previsto nos artigos 12.j) da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, e 17.a) do seu Regulamento

de organización e funcionamento, aprobado polo Decreto 91/2015, do 18 de xuño, por tratarse dunha reclamación de responsabilidade

patrimonial da Administración autonómica de contía superior a 30.000,00 ?.

Segunda.

O expediente sobre o que se solicita a emisión de ditame suscita un caso de responsabilidade patrimonial das administracións públicas que, como tal suposto, vén regulado basicamente polo artigo 106.2

da Constitución española, pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

(en diante, LPAC) (aspectos procedementais) e polos artigos 32 a 37 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do

sector público (en diante, LRXSP).

Así, no que ao presente expediente se refire, cómpre destacar á axilidade na tramitación do procedemento, e o seu axuste ás esixencias legais, especialmente no que se refire ao

preceptivo trámite de audiencia, observándose deste xeito os fundamentais principios de eficacia e celeridade da Administración.

A instrución tamén cumpriu de xeito dilixente o acordo de devolución do Consello, requirindo aos servizos implicados na asistencia

as aclaracións pertinentes en dúas ocasións e cun mes de diferenza entre ambas. A pesar do anterior, e do carácter preceptivo

dos informes solicitados ?artigo 81.1 LPAC?, o Servizo de Uroloxía non atendeu á petición, de xeito que a instrución optou

por proseguir coa tramitación en orde a evitar novas dilacións, tendo en conta as respostas ofrecidas no informe do Servizo

de Nefroloxía que, como se verá, aportou información suficiente para poder resolver a reclamación.

Terceira.

No tocante aos aspectos de fondo hai que indicar que os principios que rexen a responsabilidade patrimonial das administracións públicas son o resultado dunha elaboración da doutrina e da xurisprudencia,

e teñen sido reiteradamente expostos polo Consello Consultivo.

Sinteticamente expostos, os presupostos mínimos para que xurda a responsabilidade patrimonial da Administración, partindo do principio de responsabilidade obxectiva e directa, son:

a) O dano producido no patrimonio dos particulares ten que ser efectivo e individualizado nunha persoa ou nun grupo de persoas.

b) O precitado dano ou lesión debe producir no patrimonio do particular lesionado un prexuízo antixurídico que este non teña

o deber de soportar.

c) O dano ou lesión patrimonial ten que gardar un nexo causal co funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos.

d) O dano non debe ser produto dunha situación de forza maior.

e) A reclamación ten que ser presentada polo particular interesado dentro do prazo legalmente establecido.

Xunto co anterior cabe indicar que a responsabilidade patrimonial da Administración configúrase como unha responsabilidade obxectiva. Como máis significados lindes daquel principio xeral poden

destacarse catro acoutacións de formulación legal:

a) A forza maior (artigo 32.1 LRXSP)

b) A obriga xurídica de soportar o dano (artigo 32.1 e 34.1 LRXSP)

c) A non indemnizabilidade dos danos derivados de feitos e circunstancias que non se puideran evitar ou prever segundo o estado

da ciencia e a técnica existentes na produción daqueles (artigo 34.1 LRXSP), e

d) Aqueloutras de creación xurisprudencial, tales como a culpa da vítima e feito de terceiro (recollidas en incontables pronunciamentos

do Tribunal Supremo, entre outros, o contido na súa sentenza do 27.7.2002, rec. 4012/1998).

Ao exposto cabe engadir a consolidada liña xurisprudencial segundo a cal nas reclamacións derivadas da actuación médica ou sanitaria non resulta suficiente a existencia dunha lesión (que conduciría a

responsabilidade obxectiva máis aló dos límites do razoable), senón que é preciso acudir ao criterio da lex artis, como modo de determinar cal é a actuación médica correcta, independentemente do resultado producido na saúde ou na vida

do enfermo xa que non é posible nin á ciencia nin á Administración garantir, en todo caso, a sanidade ou a saúde do paciente.

A existencia deste criterio da lex artis baséase no principio xurisprudencial de que a obriga do profesional da medicina é de medios e non de resultados, é dicir,

a obriga concrétase en prestar a debida asistencia médica e non de garantir en todo caso a curación do enfermo.

Estamos ante un criterio de normalidade dos profesionais sanitarios que permite valorar a corrección dos actos médicos e que impón ao profesional o deber de actuar conforme coa dilixencia debida; criterio

que é fundamental pois permite delimitar os supostos nos que verdadeiramente pode haber lugar a responsabilidade ao esixirse

non só que exista o elemento da lesión senón tamén a infracción do repetido criterio; prescindir del levaría consigo unha

excesiva obxectivización da responsabilidade que podería declararse coa única esixencia de existir unha lesión efectiva, sen

necesidade de demostración da infracción do criterio de normalidade.

Cuarta.

Polo que se refire ás cuestións materiais ou de fondo que suscita o expediente examinado, a verificación dos feitos nos que se sustenta a reclamación esixe unha análise da historia clínica e dos informes

que figuran no expediente, dado o cualificado valor probatorio das consideracións técnicas que neles se conteñen, debendo

así limitarse este órgano consultivo á súa inclusión en categorías xurídicas (neste sentido, entre outros, o CCG 155/2020

e 253/2021).

O obxecto da reclamación obriga a centrar a devandita análise na asistencia sanitaria prestada entre o 8.6.2012, data na que comeza a atención sanitaria no Servizo de Uroloxía, e o 24.2.2020, data na

que se diagnostica a enfermidade renal crónica secundaria á uropatía obstrutiva, evidenciándose o dano sobre o que se asenta

a presente reclamación de responsabilidade patrimonial.

Así, tal e como se desprende da historia clínica, o Sr. C. comeza a asistir ás consultas de Uroloxía do Hospital do Salnés o 8.6.2012 por sintomatoloxía de tracto urinario inferior,

sendo diagnosticado en varias ocasións de infeccións no tracto urinario, tratadas con antibióticos, antifúngicos e alfabloqueantes.

A partir do 14.6.2016 o paciente acude en diversas ocasións por elevación de PSA, realizándose probas diagnósticas. No contexto desta atención sanitaria, o 8.9.2017 solicítase ecografía urolóxica que

amosa, segundo o informe do Servizo de Uroloxía (sen data), dunha banda, ?una vejiga muy repleccionada con una pared difusamente engrosada compatible con vejiga de lucha, una hipertrofia de próstata

con impronta de lóbulo medio? e, doutra banda, ?una masa suprarrenal de 7 centímetros de diámetro de ecogeneicidad mixta?. Estes resultados son confirmados mediante a realización dun TAC.

O 24.1.2018 se decide a derivación do paciente ao Complexo Hospitalario de Pontevedra para valoración cirúrxica do achado relacionado coa masa suprarrenal. Nos meses seguintes, a atención sanitaria

prestada polo Servizo de Uroloxía céntrase exclusivamente nesta patoloxía.

O 27.2.2018 o paciente é incluído en lista de espera cirúrxica para suprarrenalectomía dereita laparoscópica, que tivo lugar o 20.6.2018. Segundo consta no informe do Servizo de Uroloxía (sen

data), o 3.8.2018 o Sr. C. acudiu á revisión, sendo o resultado anatomopatolóxico da peza cirúrxica ?feocromocitoma sin evidencia de necrosis?. Dado que o paciente estaba a seguimento no Hospital do Salnés por sintomatoloxía de tracto urinario inferior e PSA elevado,

nesa mesma data solicítase TAC abdominopélvico de control e PSA.

O 27.12.2018 realízase a TAC, que amosa como resultado ureterohidrofenose dereita -é dicir, uropatía obstrutiva- e datos suxestivos de vexiga de loita. Así, o informe de Radioloxía sinala: ?Con respecto a estudio previo realizado el 23/1/2018 (H. Salnés) se evidencia mayor ureterohidrofenosis derecha ... en probable

relación con vejiga de lucha?. O informe do Servizo de Uroloxía (sen data) indica que ?se procede a realizar uroflujometría, previa a la realización de una nueva biopsia de próstata, que confirma la sospecha de

obstrucción, quedando incluído en lista de espera para la realización de una biopsia de próstata por PSA elevado, siendo realizada

la misma con fecha de 30.8.2019?.

O 30.9.2019 decídese iniciar o tratamento para a uropatía obstrutiva con antibioterapia e, de non dar resultado, cirurxía prostática.

Sen embargo, o 20.10.2019, tras acudir ao Servizo de Urxencias, o paciente ingresa no Servizo de Uroloxía por retención aguda de ouriños e insuficiencia renal aguda, procedéndose ao sondaxe vesical.

Realízase unha ecografía que amosa vexiga de loita e próstata agrandada. O 23.10.2019 realízase petición de valoración ao

Servizo de Nefroloxía por insuficiencia renal secundaria a retención aguda de ouriños que non mellora tras sondaxe uretral.

De maneira consensuada decídese outra derivación urinaria con catéteres ureterais que non se puido levar a cabo por imposibilidade

de localizar os orificios ureterais, optándose por unha actitude expectante.

Cómpre sinalar que, segundo consta na historia clínica, o Sr. C., con antecedente de trastorno adaptativo mixto entre 2009 e 2011, foi valorado o 17.10.2019 por urxencias de Psiquiatría,

ao referir situación de desánimo, sendo o xuízo diagnóstico ?Sintomatoloxía subdepresiva e ansiedade reactiva a situación vital estresora?. Así mesmo, o 23.10.2019 se solicita valoración a Psiquiatría desde o Servizo de Nefroloxía. A consulta de Psiquiatría tivo

lugar o 24.10.2019. No curso clínico se anota o seguinte: ?antecedente de episodio reciente ansiosodepresivo reactivo a problemática familiar (?) Aceptable estado de ánimo actual. Queja

de insomnio derivado de situación hospitalaria?, sendo a impresión diagnóstica de trastorno adaptativo, asignando o facultativo a oportuna medicación.

Sen acadar moita melloría na patoloxía urolóxica, o paciente é dado de alta o 3.11.2019 con sonda vesical, quedando incluído en lista de espera para adenomectomía prostática laparoscópica.

O 7.11.2019 reingresa no Servizo de Uroloxía por hematuria e leve deterioro da función renal, sendo dado de alta o 11.11.2019 con data programada para a intervención cirúrxica.

O 20.11.2019 realízase a adenoctomía prostática laparoscópica, co fin de liberar a obstrución provocada pola hipertrofia prostática, pero non se dá unha recuperación completa da función renal, polo

que o paciente pasa a tratamento e seguimento no Servizo de Nefroloxía.

O 24.2.2020 diagnostícase enfermidade renal crónica avanzada (ERCA) secundaria a uropatía obstrutiva. Na actualizade o Sr. C. continúa a tratamento desta enfermidade no Servizo de Nefroloxía.

Así, no informe de 20.11.2020 deste Servizo descríbese nos seguintes termos o tratamento seguido dende o diagnóstico da enfermidade e as perspectivas de evolución, entre as que non se descarta a terapia

substitutiva renal:

?Desde entonces ? se programan revisiones en Consulta ERCA con el fin de mejorar o estabilizar el deterioro de la función renal o en su defecto enlentecer la progresión de la enfermedad renal, tratar

todas las complicaciones a ella asociadas con medicación y medidas higiénico dietéticas y programar el inicio de terapia sustitutiva

renal, si llega ese momento, en la modalidad de tratamiento elegida por el paciente?.

No informe do Servizo de Nefroloxía do 27.6.2021 faise constar que nesa data o paciente non recuperou a súa función renal.

Quinta.

Descrita nos termos que anteceden a asistencia sanitaria prestada ao Sr. C., cómpre xa entrar no análise xurídico do reproche formulado, no que a parte reclamante imputa ao Sergas

unha neglixencia médica consistente nunha demora inxustificada na realización dunha intervención cirúrxica, que é a causa

inmediata da insuficiencia renal crónica que padece. En síntese, o reclamante considera que, ante a uropatía obstrutiva que

padecía, debía ser sometido moito tempo antes á adenomectomía prostática laparoscópica para a liberación das vías urinarias,

o que tería evitado a insuficiencia renal crónica.

Para examinar o devandito reproche, é preciso clarexar, antes de nada, se a enfermidade crónica avanzada que padece o Sr. C. puido ser causada pola uropatía obstrutiva que padecía.

Neste sentido, o informe do Servizo de Nefroloxía do 20.11.2020 sinala que ?La uropatía obstructiva es una causa conocida de enfermedad renal aguda y crónica. La obstrucción del tracto urinario puede

ocasionar insuficiencia renal de mayor o menor grado y la liberación de la vía urinaria es el tratamiento?.

Na mesma liña, o informe do Servizo de Uroloxía (sen data) indica o seguinte: ?La insuficiencia renal secundaria a uropatía obstructiva puede provocar enfermedad renal aguda y crónica. En este caso la

obstrucción crónica del tracto urinario inferior provocó una retención aguda de orina y una insuficiencia renal aguda cuyo

tratamiento es la liberación de la vía urinaria?.

Queda, pois, acreditado que a uropatía obstrutiva prolongada que padeceu o Sr. C. lle ocasionou a enfermidade real crónica avanzada que padece na actualidade.

Agora ben, a verificación deste extremo non é suficiente para dar lugar á responsabilidade patrimonial da Administración, pois para iso o dano debe ser antixurídico, é dicir, o prexudicado non debe

ter a obriga de soportalo. Esta aseveración debe conectarse, no eido da responsabilidade patrimonial sanitaria, co criterio

da lex artis, a teor do cal, sendo a prestación sanitaria unha obriga de medios e non de resultados, o estándar esixible á Administración

sanitaria é a aportación ao paciente de todos os medios que a ciencia pon razoablemente nese momento a disposición da medicina

e que están indicados no caso concreto (por todas, STS do 15.3.2018, rec. 1016/2016).

En consecuencia, é preciso verificar se a asistencia sanitaria prestada ao Sr. C. en relación coa súa uropatía obstrutiva foi puntual e consonte á lex artis.

Como se indicou na consideración anterior, na ecografía urolóxica solicitada o 8.9.2017 e no TAC feito pouco despois aparecen xa os primeiros achados que apuntan claramente á unha uropatía obstrutiva.

Sen embargo, nese momento a atención do Servizo de Uroloxía céntrase exclusivamente no feocromocitoma que tamén amosaron as

devanditas probas, sen adoptar ningunha decisión respecto da uropatía obstrutiva.

O 27.12.2018, é dicir, máis dun ano despois, realízase unha nova TAC que confirma a presencia dunha uropatía obstrutiva de maior entidade en comparación coa analizada no estudio previo. Nesas mesmas

datas se realiza urofluxometría, que confirma a sospeita de obstrución.

Segundo consta no informe do Servizo de Nefroloxía do 20.11.2020, ante a petición de valoración realizada polo Servizo de Uroloxía o 23.10.2019, co paciente xa ingresado e sendo evidente a insuficiencia

renal, ?se revisa historia clínica del paciente objetivando que presentaba ? leve deterioro de función renal en Abril/19?. Polo tanto, xa en abril de 2019 as probas realizadas ao paciente mostraban un incipiente dano renal.

Mais, a pesar dos diagnósticos amosados por todas as probas descritas, da evidencia científica de que a uropatía obstrutiva pode causar danos nos riles, e das mostras dun incipiente dano renal, non

se adoptou a primeira decisión terapéutica ata o 30.9.2019, cando se decide o tratamento con antibioterapia. Non obstante,

menos dun mes despois, o 23.10.2019, co paciente ingresado, xa é evidente a insuficiencia renal secundaria á uropatía obstrutiva.

Preguntado expresamente acerca das posibilidades que tería o Sr. C. de desenvolver enfermidade renal aguda e crónica se o tratamento da uropatía obstrutiva se iniciase con anterioridade,

a xefa do Servizo de Nefroloxía, no seu informe de 27.6.2021, indica o seguinte:

?Está claro, por tanto, que la obstrucción del tracto urinario parcial completa o prolongada puede producir atrofia tubular, fibrosis intersticial y, finalmente, lesión renal irreversible y que el pronóstico

renal después de la liberación de la uropatía obstructiva depende de la gravedad y la duración de la obstrucción. En este

paciente la duración de la obstrucción fue muy prolongada, de al menos 2 años (estudios radiológicos con ureterohidronefrosis,

agrandamiento prostático y vejiga de lucha con residuo postmiccional desde Noviembre de 2017 hasta la adenomectomía prostática

realizada el 20/11/2019).

En Abril/19 se objetiva ya daño en el funcionalismo renal (creatinina 1.4 mg/dl el día 26/04/2019) y desde ese momento aun tarda 7 meses en liberarse la vía urinaria.

Hemos observado hasta el momento la no recuperación total de la función renal, ya que mantiene una concentración de creatinina plasmática en un valor superior a 3 mg/dl.

En mi opinión un abordaje más temprano de la ureterohidronefrosis pudo haber supuesto un menor daño renal?.

Á vista de todo o exposto e, en especial das consideracións técnicas do segundo informe do Servizo de Nefroloxía, que conta cun cualificado valor probatorio, cabe concluír que a atención prestada polo Servizo

de Uroloxía na atención sanitaria da uropatía obstrutiva que padecía o Sr. C. non se axustou á lex artis ad hoc. Malia o resultado de diversas probas diagnósticas que apuntaban a esta patoloxía desde 2017, non se adoptou ningunha actuación

terapéutica, de modo que non se puxeron a disposición do paciente os medios terapéuticos dispoñibles e necesarios para conter

o curso da enfermidade e evitar os danos do ril ?previsibles e esperables? que acabaron por materializarse. Mesmo, logo da

obxectivación en abril de 2019 do dano renal, aínda se tardou sete meses en liberar a vía urinaria, sen que ningunha razón

obxectiva explique esta dilación, producíndose un novo e inxustificado retraso terapéutico.

Neste punto do razoamento, cómpre subliñar que no acordo de devolución do 26.5.2021 este órgano consultivo manifestou a necesidade dun novo informe do Servizo de Uroloxía no que se fixesen constar

as decisións terapéuticas adoptadas logo do achado en 2017 dunha hipertrofia prostática e indicios compatibles con vexiga

de loita, e a posterior comprobación, en 2018, da ureterohidronefrosis dereita, co fin de evitar o empeoramento desta patoloxía

e o dano renal. Así mesmo, tamén se indicou a necesidade de aportar ao expediente os protocolos de aplicación.

Non obstante, como quedou dito, o Servizo de Uroloxía non aportou o devandito informe, malia serlle solicitado ata en dúas ocasións. Se ben como regra xeral a carga da proba dos feitos constitutivos da

reclamación recae sobre quen reclama, o certo é que unha vez probada a realidade do dano e a súa conexión coa asistencia prestada,

corresponde á Administración sanitaria probar a corrección da prestación sanitaria como obriga de medios, cousa que o Servizo

de Uroloxía non fixo, malia ser requirido expresamente para iso. Así, a falta dunha explicación que puidese xustificar a obxectiva

demora na atención da uropatía obstrutiva do Sr. C., esta debe terse por inxustificada. En consecuencia, apréciase un dano

antixurídico e unha relación de causalidade que desencadea a responsabilidade patrimonial da Administración sanitaria.

Sexta.

A proposta de resolución do 26.7.2021 recoñece a existencia dunha perda de oportunidade polo retraso terapéutico da uropatía obstrutiva, cuantificando

a indemnización en 15.000 euros. Cómpre, por tanto, verificar a aplicabilidade neste suposto da doutrina xurídica da perda

de oportunidade.

En materia de responsabilidade patrimonial sanitaria existen varios criterios xurídicos de imputación. O máis habitual é o da lex artis, aínda que cada vez son máis numerosos os supostos que invocan a doutrina da perda da oportunidade.

É preciso subliñar que estamos ante dous criterios de imputación da responsabilidade patrimonial ?que no son estrictamente equiparables? (por todas, STS do 20.3.2018, rec. 2820/2016).

Así, conforme á doutrina da lex artis, a responsabilidade patrimonial xorde cando se verifica un funcionamento anormal dos servizos de saúde, que non se axustaron

aos estándares de calidade e eficacia normalmente esixibles na prestación da asistencia sanitaria, ocasionando un dano ao

paciente. En cambio, a aplicación da doutrina da perda da oportunidade esixe, como premisa, que a atención sanitaria prestada

non poida cualificarse como unha infracción da lex artis. A pesar diso, nestes supostos a existencia doutra alternativa diagnóstica ou terapéutica, igualmente indicada para o caso

concreto e que comportase unha mellor oportunidade de curación, pode desencadear a responsabilidade patrimonial.

A este respecto, indica o Tribunal Supremo que na perda de oportunidade: ?(..) el daño viene propiciado por el hecho de que, si bien a tenor de la prueba no cabe apreciar un tratamiento médico contrario

a los cánones aceptados en cada momento por la ciencia médica, es lo cierto que de haber existido un tratamiento diferente,

que no es ajeno a la propia medicina, existe la duda de si se habría producido el resultado lesivo, exigencia de esa probabilidad

sobre la que se pone la nota de la pérdida de oportunidad por la jurisprudencia (?) la pérdida de oportunidad] se ocasiona cuando, producido el daño, la experiencia y el estado de la ciencia médica permite acoger la probabilidad de que

un diagnóstico diferente al que fue correcto, podría haberlo evitado? (STS do 6.2.2018, rec. 2302/2016. No mesmo sentido, a STS do 24.4.2018, rec. 447/2016, entre outras).

Trátase, polo tanto, de doutrinas funcionalmente distintas, e por iso indica o Supremo que o criterio da perda de oportunidade ?se mueve en distinto plano que el de la ?lex artis?? (STS do 20.3.2018, rec. 2820/2016). Non cabe esquecer que, dada a natureza obxectiva da responsabilidade patrimonial, a doutrina

da perda de oportunidade foi recibida pola xurisprudencia xustamente para apreciar a responsabilidade da Administración naqueles

supostos nos que a aplicación do criterio da lex artis resultaba insuficiente.

Neste sentido, pode dicirse que se trata de doutrinas complementarias, pero sobre todo, hai que subliñar que a súa aplicación é alternativa, pois cando se aprecia unha infracción da lex artis suficiente para asentar o nexo causal, entón xa non procede a aplicación da perda de oportunidade. De modo semellante, cando

a actuación dos servizos sanitarios non implica tal vulneración da lex artis, cabe analizar se concorren os requisitos xurídicos que conforman a doutrina da perda de oportunidade. O Tribunal Supremo

expresa esta cuestión nos seguintes termos: ?La doctrina de la pérdida de oportunidad ha sido acogida en la jurisprudencia de la Sala 3ª del Tribunal Supremo,... como

una figura alternativa a la quiebra de la lex artis que permite una respuesta indemnizatoria en los casos en que tal quiebra

no se ha producido y, no obstante, concurre un daño antijurídico consecuencia del funcionamiento del servicio" (por todas, SSTS do 24.11.2009, rec. 1593/2008; do 3.12.2012, rec. 815/2012; do 6.2.2018, rec. 2302/2016; do 15.3.2018,

rec. 1016/2016 ou do 20.3.2018, rec. 2820/2016).

Outra das diferenzas ben coñecidas entre o criterio da lex artis e o da perda da oportunidade refírese ao cálculo da indemnización que se deriva da súa aplicación. Cando o nexo causal se

vincula cunha vulneración da lex artis, procede a restitución in integrum do dano causado; é dicir, aplícase a regra xeral da responsabilidade por danos que esixe a satisfacción integral dos mesmos.

Agora ben, cando o nexo causal se conforma sobre unha perda de oportunidade, entón a indemnización non pode vincularse ao

estado de saúde actual do paciente, pois este non foi orixinado por unha praxe médica contraria á lex artis. Así, o dano indemnizable é a perda dun ben xurídico hipotético ligado á posibilidade de ter recibido un tratamento máis

adecuado; e por tanto, a indemnización debe fixarse atendendo ás probabilidades de que a situación clínica fose máis favorable,

de optarse pola oportunidade perdida (por todas, SSTS do 20.3.2018, rec. 2820/2016; do 25.5.2016, rec. 2396/2014; e SSTSJ

de Galicia do 18.6.2019, rec. 151/2019 e do 22.6.2020, rec. 400/2019).

No suposto agora sometido a ditame constatouse un retardo inxustificado na prestación da atención terapéutica, o que causou un dano renal grave ao paciente. Como xa se indicou, o criterio da lex artis reflicte o estándar de calidade mínimo, que inclúe a posta a disposición do paciente dos medios diagnósticos e terapéuticos dispoñibles e indicados, no momento preciso

e conforme aos coñecementos técnicos e sanitarios dispoñibles. E todo iso con independencia de que o resultado da actuación

sanitaria non fose o esperado, pois a obriga de asistencia sanitaria é unha obriga de medidos e non de resultados.

Neste caso, non cabe dúbida de que faltou a devandita posta á disposición. A propia proposta de resolución do 26.7.2021 cualifica este suposto como de ?inactividad de la Administración sanitaria? e ?falta de la diligencia necesaria?. Evidentemente, estes cualificativos non son aplicables a unha actuación conforme aos estándares de calidade normais dos servizos

de saúde. Pola contra, a actuación do Servizo de Uroloxía na atención da uropatía obstrutiva foi neglixente e, en consecuencia,

contraria á lex artis ad hoc, que pasa a ser o criterio de imputación determinante da responsabilidade patrimonial da Administración sanitaria, excluíndo

a aplicación da doutrina da perda de oportunidade.

Sétima.

Resta por analizar a indemnización que procede recoñecer á parte reclamante, e para tal efecto, consonte ao que acabamos de expoñer, esta debe procurar a reparación integral do dano.

O 16.3.2021 a instrución requiriu expresamente á parte reclamante para que aportase á avaliación económica da reclamación. Para atender ao citado requirimento o Sr. C. presentou o 14.4.2021 un informe

médico-pericial de valoración de danos corporais, que por tanto quedou suxeito ao principio de contradición, sen ser censurado

nin discutido ao longo do procedemento.

A xuízo do perito informante, que someteu a exploración ao Sr. C. o 5.4.2021, a deficiente atención sanitaria xerou no paciente dúas secuelas: dunha banda, ?insuficiencia renal, Grao III: FG 59-30 ml/ min.?, á que o perito asigna unha valoración de 30 puntos e, doutra banda, ?trastorno neurótico moderado?, ao que se asigna unha valoración de 5 puntos. Con fundamento nesta peritación, a parte reclamante solicita unha indemnización

de 53.983,63 euros, de acordo co previsto na Lei 35/2015, do 22 de setembro, de reforma do sistema para a valoración dos danos

e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, e no baremo de indemnizacións correspondente ao ano 2021.

Como ten indicado en diversas ocasións o Tribunal Supremo, e mesmo este Consello Consultivo, o baremo de accidentes de tráfico ten un carácter orientativo e non vinculante no ámbito da responsabilidade

patrimonial das Administracións públicas (entre outros, SSTS do 17.7.2014, rec. 3724/2012, e do 21.12.2015, rec. 1247/2014

e CCG 40/2021, CCG 162/2021). Con todo, a aplicación do devandito baremo ofrece unha evidente seguridade xurídica e certas

garantías de proporcionalidade, de xeito que, se a indemnización solicitada pola parte reclamante toma como referencia o baremo,

a instrución non pode separarse del sen xustificar as razóns que motivan o emprego doutros criterios para fixar o importe

da indemnización.

Polo tanto, procede ter en conta a normativa relativa á indemnizacións derivadas de accidentes de tráfico invocada pola parte reclamante para calcular a contía da indemnización.

Agora ben, como ten reiterado este Consello (por todos, CCG 8/2021), a data á que debe referirse a indemnización non é a da reclamación,

senón a correspondente ao ano no que se manifestou a lesión. Neste caso a historia clínica amosa que foi en outubro de 2019

cando se desencadeou a insuficiencia renal e tamén cando o paciente foi atendido no Servizo de Psiquiatría. Por conseguinte,

a indemnización debe ser calculada conforme ao baremo vixente no ano 2019.

Este órgano consultivo entende que, a falta doutro criterio de contraste, procede aceptar a valoración do perito, que ademais examinou persoalmente ao Sr.C. en data recente, sendo a súa descrición

das secuelas do dano renal coherente co contido dos informes do Servizo de Nefroloxía. Agora ben, verbo do dano psicolóxico

indicado polo perito -?trastorno neurótico moderado?-, ao que asigna a puntuación máxima prevista para este tipo de danos, cómpre subliñar que non quedou acreditada no expediente

a súa conexión causal co déficit asistencial sufrido polo paciente.

É certo que constan na historia clínica dúas consultas co Servizo de Psiquiatría en outubro de 2019, co xuízo clínico de trastorno adaptativo, mais o propio paciente e os facultativos vincularon a súa

situación cun problema familiar e non co seu estado de saúde. Non constan no expediente consultas posteriores no Servizo de

Psiquiatría que poidan acreditar o estado psicolóxico do paciente despois desa data e, sobre todo, o vínculo causal do mesmo

coa deficitaria asistencia do Servizo de Uroloxía e o dano causado na súa función renal.

Por conseguinte, tomando como referencia os 30 puntos asignados polo médico especialista en valoración do dano corporal pola insuficiencia renal, e tendo en conta

que no momento de materialización do dano o Sr. C. tiña 60 anos de idade, da aplicación o baremo de 2019 resulta unha indemnización

total de 42.179,42 ?, importe que deberá de ser actualizado por todos os conceptos á data de emisión deste ditame.

CONCLUSIÓN

Por todo o anteriormente exposto, a Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros, ditamina:

?Que informa favorablemente a proposta de resolución parcialmente estimatoria, á que o presente expediente se refire, debendo indemnizarse á parte reclamante consonte ao sinalado na consideración sétima?.

LIBROS Y CURSOS RELACIONADOS

Estatuto jurídico del testamento vital
Disponible

Estatuto jurídico del testamento vital

David Enrique Pérez González

12.75€

12.11€

+ Información

Responsabilidad civil por productos y servicios defectuosos
Disponible

Responsabilidad civil por productos y servicios defectuosos

Dpto. Documentación Iberley

6.83€

6.49€

+ Información

El transporte ante el desarrollo tecnológico y la globalización
Disponible

El transporte ante el desarrollo tecnológico y la globalización

V.V.A.A

59.50€

56.52€

+ Información

Administración sanitaria y responsabilidad patrimonial
Disponible

Administración sanitaria y responsabilidad patrimonial

María Jesús Gallardo Castillo

22.05€

20.95€

+ Información