Dictamen de Consello Cons...yo de 2018

Última revisión
09/02/2023

Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 115 de 02 de mayo de 2018

Tiempo de lectura: 74 min

Tiempo de lectura: 74 min

Relacionados:

Órgano: Consello Consultivo de Galicia

Fecha: 02/05/2018

Num. Resolución: 115


Cuestión

Reclamación de responsabilidade patrimonial

Resumen

Reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por F., en nome e representación da entidade Construcciones N., S.A. polos danos que manifesta ter sufrido como consecuencia da imposibilidade de proceder á execución dunha edificación de 80 vivendas, baixos, trasteiros e garaxes dentro do ámbito da UA 43 no concello de Arteixo.

Organismo: Concello de Arteixo (A Coruña)

Letrado: López Paz

Propuesta: Desestimatoria

Conclusion: Favorable

Relator: Aranguren Pérez

Contestacion

ANTECEDENTES

1.- Con data 21.6.2017, F. actuando en nome e representación da entidade Construcciones N., S.L. presentou reclamación de responsabilidade

patrimonial ante o Concello de Arteixo solicitando unha indemnización polos danos derivados do que a propia reclamante considera

unha imposibilidade de executar as obras de edificación de 80 vivendas autorizadas por licenza municipal para a unidade de

actuación 43 do Concello de Arteixo.

A reclamante alega que a imposibilidade de realizar a edificación prevista na licenza deriva da modificación operada entre o proxecto de urbanización inicial e o realmente executado, que invadindo os

terreos propios da edificación, impide que esta poida ser erixida.

Aduce que as irregularidades foron declaradas na sentenza de 13.9.2016 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 da Coruña na que se estima o recurso presentado pola mercantil Construcciones N.,

S.L. contra os acordos da Xunta de Goberno Local do Concello de Arteixo polos que desestiman as alegacións formuladas no expediente

de obras de urbanización da unidade de actuación 43 e a liquidación das cotas de urbanización.

A parte interesada reclama unha indemnización total por importe de 1.087.461,4? mais intereses, que detalla en diversas partidas que comprenden gastos de proxectos, avogados e procuradores, notario, rexistro,

indemnización por vial, IBI, cotas de urbanización, beneficio industrial e danos morais.

A reclamante achega informe pericial que inclúe avaliación de danos.

2.- Na instrución do correspondente expediente de responsabilidade patrimonial se achegaron diversos informes de técnicos municipais

e se concedeu audiencia á interesada, que presentou alegacións na data de 12.3.2018.

3.- Con data 3.4.2018 o instrutor do procedemento formulou proposta de resolución en sentido desestimatorio da reclamación, por

entender que a non realización das obras amparadas pola licenza obedece a causa allea á entidade local, obedecendo a unha

decisión propia da mercantil.

4.- O expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo señor alcalde do Concello

de Arteixo tendo entrada neste organismo con data 6.4.2018.

5.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do ditame.

CONSIDERACIÓNS

Primeira.

O Consello Consultivo de Galicia é competente para coñecer do expediente de reclamación de responsabilidade patrimonial das Administracións públicas ao que se fixo referencia nos antecedentes a teor

do previsto nos artigos 12.j) da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, e 17.a) do seu Regulamento

de organización e funcionamento, aprobado polo Decreto 91/2015, do 18 de xuño, por tratarse dunha reclamación de responsabilidade

patrimonial presentada ante un Concello por contía superior a 15.000,00 ?.

Segunda.

O expediente sobre o que se solicita a emisión de ditame suscita un caso de responsabilidade patrimonial das administracións públicas que, como tal suposto, vén regulado basicamente polo artigo 106.2

da Constitución española, pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

(en adiante, LPAC) nos seus aspectos procedementais e polos artigos 32 a 37 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico

do sector público (en adiante, LRXSP), -que derrogou a Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administración

públicas e do procedemento administrativo común- nos extremos propios do fondo e réxime xurídico.

Tratándose neste caso da eventual responsabilidade patrimonial dunha entidade local, debe traerse a colación o artigo 54 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, a teor do cal:

?as entidades locais responderán directamente dos danos e prexuízos causados aos particulares nos seus bens e dereitos como

consecuencia do funcionamento dos servizos públicos ou da actuación das súas autoridades, funcionarios ou axentes, nos termos

establecidos na lexislación xeral sobre responsabilidade administrativa?.

En sentido similar pronúnciase o artigo 223 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

No presente caso, ha de sinalarse que o Concello de Arteixo, en esencia, tramitou correctamente o procedemento, quedando constancia no expediente remitido da realización dos actos de instrución necesarios,

da concesión do trámite de audiencia á entidade reclamante, da práctica das probas que se consideraron pertinentes, e da formulación

da correspondente proposta de resolución, sendo censurable, en todo caso, que se superou indebidamente o prazo máximo para

notificar resolución, pois o expediente acumula xa 10 meses de tramitación.

Terceira.

No tocante aos aspectos de fondo hai que indicar que os principios que rexen a responsabilidade patrimonial das administracións públicas son o resultado dunha elaboración da doutrina e da xurisprudencia,

e teñen sido reiteradamente expostos polo Consello Consultivo.

Sinteticamente expostos, os presupostos mínimos para que xurda a responsabilidade patrimonial da Administración, partindo do principio de responsabilidade obxectiva e directa, son:

a) O dano producido no patrimonio dos particulares ten que ser efectivo e individualizado nunha persoa ou nun grupo de persoas.

b) O precitado dano ou lesión debe producir no patrimonio do particular lesionado un prexuízo antixurídico que este non teña

o deber de soportar.

c) O dano ou lesión patrimonial ten que gardar un nexo causal co funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos.

d) O dano non debe ser produto dunha situación de forza maior.

e) A reclamación ten que ser presentada polo particular interesado dentro do prazo legalmente establecido.

Xunto co anterior cabe indicar que a configuración da responsabilidade patrimonial da Administración como unha responsabilidade obxectiva non supón, non obstante, a inexistencia de límites fronte

a unha eventual aplicación automática do principio resarcitorio sobre a base dunha vinculación máis ou menos ampla entre o

funcionamento do servizo e o dano padecido. Así, como máis significados lindes daquel principio xeral poden destacarse catro

acoutacións de formulación legal:

a) A forza maior (artigo 32.1 LRXSP)

b) A obriga xurídica de soportar o dano (artigo 32.1 e 34.1 LRXSP)

c) A non indemnizabilidade dos danos derivados de feitos e circunstancias que non se puideran evitar ou prever segundo o estado

da ciencia e a técnica existentes na produción daqueles (artigo 34.1 LRXSP), e

d) Aqueloutras de creación xurisprudencial, tales como a culpa da vítima e feito de terceiro (recollidas en incontables pronunciamentos

do Tribunal Supremo, entre outros, o contido na súa sentenza do 27.7.2002).

Cuarta.

Entrando xa na análise da proxección dos principios expostos na consideración anterior, sobre os particulares aspectos de fondo suscitados no presente expediente, hai que salientar que o asunto sometido

a coñecemento no presente ditame suscita unha cuestión singular, pois derivándose da suposta ineficacia dun acto administrativo

previo (licenza de obras) resulta que tal resolución non se atopa cuestionada por medio impugnatorio ningún que cuestione

nin a súa validez nin a súa eficacia.

Por toda reacción xurídica da agora reclamante ante a suposta mingua nos dereitos recoñecidos pola licenza temos unha solicitude de suspensión da súa eficacia, non concedida polo Concello nin pretendida

ulteriormente en vía xudicial, á que a mercantil acudiu con proveito alzándose contra o modificado do proxecto de urbanización

da unidade da actuación na que obtivera a licenza de referencia.

En puridade, no seu escrito de 8.6.2011 no que a mercantil se opón ao curso de execución das obras de urbanización, a agora reclamante non pretende a declaración de ineficacia da licenza, senón a súa suspensión

até que se realicen as obras de demolición do urbanizado na parte que a actora considera que invade os terreos nos que se

había e levantar a edificación autorizada por licenza, solicitando unicamente a suspensión dos efectos de tal licenza.

E posteriormente en vía xudicial a actora se alza contra a modificación do proxecto de urbanización e a liquidación de cotas, aducindo unha afectación da licenza polas obras de urbanización que non

tivo acollida no pronunciamento xudicial, que se limita a describir a alegación da entón recorrente (páxina 28 da sentenza

de 13.9.2016 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 da Coruña na que se estima o recurso presentado pola mercantil

Construcciones N., S.L. contra os acordos da Xunta de Goberno Local do Concello de Arteixo polos que desestiman as alegacións

formuladas no expediente de obras de urbanización da unidade de actuación 43 e a liquidación das cotas de urbanización).

Por non obrar no expediente remitido as actuacións en vía contencioso administrativa, non se pode desbotar con rotundidade que a recorrente pretendera expresamente a declaración xudicial da imposibilidade

de execución da licenza, que en todo caso si foi cuestión expresamente alegada, aínda que a súa ausencia na pretensión xudicial

sería a conclusión que se obtén da lectura da referida sentenza, e iso a pesar de ser aquela unha opción xurídica viable pola

canle do recoñecemento dunha situación xurídica individualizada (artigos 31.2 e 71.1.b) da Lei 29/1998 do 13 de xullo, da

Xurisdición Contencioso Administrativa) pero o que resulta claro á vista da sentenza e de relevancia para o que agora interesa,

é que a resolución xudicial non contén un pronunciamento en tal sentido.

E desta realidade resulta un primeiro atranco para o recoñecemento da existencia dun dano antixurídico, pois a institución da responsabilidade patrimonial non é un mecanismo idóneo para a formulación

de declaracións xurídicas alleas á da concorrencia dun dano antixurídico vinculado causalmente co funcionamento dun servizo

público, sendo así que no presente caso, a ausencia de cuestionamento eficaz dos efectos e alcance da licenza tal e como foi

concedida, obriga á realización dun pronunciamento previo e específico alleo a aquel que é propio do expediente no que nos

atopamos (nexo causal e dano antixurídico) para determinar se a licenza de referencia foi afectada radicalmente na súa eficacia

e potencialidade de desenvolvemento, pola modificación do proxecto de urbanización anulada posteriormente en vía xudicial,

pronunciamento este que, polo que vai dito, debería ser previo á apertura dun expediente de responsabilidade patrimonial e

que puido ser instado pola mercantil en vía xudicial para obter un pronunciamento ao respecto, o que, como vai dito, non tivo

lugar á vista do curso seguido polas actuacións.

Como se considerou por este Consello Consultivo en anteriores ditames (entre outros, o CCG 337/2017) nos procedementos de responsabilidade patrimonial non é dado realizar pronunciamentos xurídicos que

sexan tributarios dun procedemento específico, cos seus propios trámites e garantías, disímiles dos que son propios do expediente

que agora se analiza.

E en tal sentido, a existencia dunha afectación da factibilidade da licenza outorgada por razón da posterior modificación do proxecto que lle serve de presuposto, constitúe un pronunciamento que debe

ser previo á apertura da vía da responsabilidade patrimonial, estando completamente ausente tal pronunciamento nas actuacións

que preceden á apertura do presente procedemento, sendo así que este resulta ser unha canle inidónea para realizar aquela

declaración da que parte a pretensión de resarcimento exercitada pola parte actora en vía administrativa.

Quinta.

Sen prexuízo do que vai dito, pode pretenderse que considerando en abstracto a singular relación existente entre un proxecto de urbanización e unha licenza, podería apreciarse que a afectación do dereito

recoñecido na autorización para edificar é unha cuestión material que pode ser verificada agora en esta sede, para determinar

se existiu un dano antixurídico vinculado co funcionamento do servizo público.

En efecto, en canto a edificación en solo urbano non consolidado, como é o caso, debe ser erixida en terreos que conten coa condición de solar, a obtención de licenza no caso que nos ocupa estaba condicionada

á previa aprobación do proxecto de urbanización, de cuxa execución había de resultar a conformación material de aquela realidade

física de solar edificable, sendo así que a lei permite a tramitación paralela dos proxectos de urbanización e de edificación,

que se cumpriron no presente caso, como así resulta dos distintos informes municipais obrantes no expediente, e en particular

do informe que o arquitecto municipal asinou o 10.1.2018.

Así as cousas, en canto o proxecto de urbanización habilita a materialización desa realidade xurídica pero tamén física que determina a xeración dun solar nos seus aspectos urbanísticos (aliñacións, rasantes)

e servizos necesarios para a edificación, é certo que, potencialmente, unha modificación do proxecto de urbanización que serve

de presuposto a un proxecto de licenza tramitado simultaneamente (como foi o caso) pode afectar á viabilidade deste último

cando o priva de xeito transcendente dos presupostos materiais sobre os que se asentou, orixinando unha eventual perda de

eficacia sobrevida do título habilitante das obras de edificación.

Sen prexuízo da dificultade inherente á circunstancia xa analizada de que o procedemento de responsabilidade patrimonial foi posto en marcha pola reclamante sen contar cunha previa declaración xurídica

daquela realidade (a imposibilidade de realizar a edificación do edificio autorizado por licenza), a apreciación de tal extremo

como circunstancia de feito determinante dunha lesión patrimonial vinculada co funcionamento do servizo público, pasaría en

todo caso, pola acreditación de que a modificación do proxecto de urbanización imposibilitaba materialmente a execución da

obra de edificación autorizada na licenza.

Tal é así por canto, como este Consello Consultivo ten apreciado en anteriores ditames (cítase por todos o CCG 83/2018) a carga da proba da existencia dun dano avaliable economicamente e singularizado

e a súa conexión causal co funcionamento dalgún servizo público corresponde certamente ao reclamante, e a dos feitos impeditivos

da pretensión (forza maior, culpa do prexudicado etc...) á Administración (artigo 217 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento

Civil). No mesmo sentido postúrase a xurisprudencia do Tribunal Supremo, que, con carácter xeral, acolle o principio de que

a carga da proba da existencia dos danos e da relación de causalidade co servizo público corresponde á parte actora (entre

outras, sentenzas de 04.11.1997 e 30.10.1999).

Examinando a actividade probatoria practicada ao respecto deste extremo temos que a parte actora achegou no seu día un informe pericial acompañando ao escrito de 8.6.2011 de alegacións presentadas en

oposición ao curso das obras de urbanización e á liquidación das cotas de urbanización na unidade de actuación 43 das normas

subsidiarias do Concello de Arteixo. No dito informe, asinado por arquitecto técnico o 25.5.2011 se afirmaba que ?las obras realizadas no se ajustan a la topografía determinada en el proyecto en lo que se refiere a la situación de aceras

en toda la urbanización (con lo que se imposibilita la ejecución de las edificaciones de la Unidad en base a las licencias

de obra concedidas?. A dita conclusión se establece a partir da medición dunha perda de superficie dos solares duns 70 metros cadrados, que non

se delimitan nin xustifican mais que por unha vaga alusión a que afectan principalmente aos solares propiedade de Construcciones

N. S.L.

Xa no expediente de responsabilidade patrimonial, a actora xuntou coa súa reclamación un informe dun novo arquitecto técnico no que se afirma que ?dicha edificación no se ha podido materializar debido al retraso en la ejecución de las obras de urbanización, errores de

replanteo, cambios realizados en cuanto a las partidas a ejecutar, inejecución del vial de nueva apertura ??.

Igualmente se indica no referido informe que a sentenza de 13.9.2016 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 da Coruña declara que se alteraron de modo notorio as aliñacións oficiais, engadindo unha

apreciación entre paréntese relativa a que a dita alteración das aliñacións invalidaba a licenza de obras concedida.

Ao respecto desta última previsión non resulta claro nos termos da redacción se se pretende que é ese un pronunciamento da sentenza, aspecto que, en canto xurídico, pode ser examinado en todo caso por este

Consello Consultivo para apreciar que, como vai dito na consideración anterior, da sentenza non pode obterse a conclusión

de que as modificacións operadas na execución da urbanización impedían a materialización da edificación autorizada, pronunciamento

que non se realiza na resolución xudicial malia ser alegado pola parte reclamante.

Así as cousas, a valoración do extremo aducido pola reclamante conta co único soporte dos dous criterios achegados polos peritos que informan á súa instancia, os cales realizan as xenéricas afirmacións

que van transcritas, sen establecer concretas medicións sobre o terreo das que resulte con suficiente claridade e puntual

determinación espacial, a transcendente afectación da licenza que se defende en ambos informes.

En sentido contrario ao criterio defendido polos peritos traídos ao procedemento pola reclamante, o arquitecto municipal realiza sucesivos informes nos que defende que as variacións ?que recoñece-

na execución das obras respecto do proxecto orixinal, carecen en absoluto da entidade que pretende a entidade reclamante,

e en absoluto xustifican o abandono do inicio das obras de edificación nin, correlativamente, a indemnización agora solicitada.

Así, no informe asinado polo arquitecto municipal o 10.1.2018 se fai referencia á existencia dun recente levantamento topográfico (realizado para completar a parte restante das obras do proxecto de urbanización

da UA 43 e con menor escala que o realizado para este proxecto). O técnico afirma que realizou unha superposición da obra

executada respecto da proxectada para concluír que:

?La realidad de lo materializado, lo que refleja en el levantamiento de OCT-2017 citado, respecto de lo autorizado, el proyecto

de urbanización definitivamente aprobado, se verificó por el que suscribe superponiendo las respectivas imágenes por procedimientos

de dibujo digital. Las desviaciones apreciadas, que en un sentido que excede de lo estricto si las hay, procede decir ahora

que para mí son claramente intrascendentes y sin repercusión alguna a la hora de acomodar la futura edificación objeto del

proyecto aprobado por tal licencia de obras a tal realidad".

E en base ás medicións e superposicións realizadas polo técnico municipal conclúe este no informe que:

?Ni resulta imposible edificar, ni nada se lo impidió ni se lo impide. Si no lo hace es por razones ajenas a las que se alegan y nunca atribuibles al Ayuntamiento. Quien reclama conoce el oficio y pudo

llevar a cabo la actuación con mucha anterioridad y sin llamar a ello a quién ahora le reclama que, aunque puede hacerlo,

solo viene obligada a intervenir como administración actuante en su tramitación e impulso si lo instan los particulares por

ser en su territorio en donde se emplazan los terrenos en cuestión. Respecto a lo concreto reclamado nada tiene que ver el

funcionamiento del servicio público".

E este criterio é coincidente ademais co amosado pola enxeñeira municipal no seu informe de 9.1.2018.

No dito escrito a técnica municipal xustifica a íntima conexión existente entre as obras de urbanización e as de edificación, pois nos proxectos, deseñados pola propia mercantil agora reclamante, a urbanización

de parte das beirarrúas se trasladaba ao proxecto de edificación, en canto era este o que recollía a construción de paredes

de contención necesarias para aquela urbanización, de modo que a execución simultánea das obras dun e outro proxecto era necesaria

nese espazo para poder realizar a urbanización das beirarrúas, e iso para poñer de manifesto que nada impedía á promotora

dar inicio ás obras de edificación e que o propio feito de que non o fixera así motivou a aparición de dificultades para a

realización das beirarrúas da urbanización, que non terían acontecido se a mercantil tivera cumprido o seu deber de iniciar

a edificación, o que non tivo lugar, a xuízo da enxeñeira municipal, por razóns imputables á propia construtora e non ao Concello,

apreciando que non existía ?imposibilidade algunha para que se edificase no ámbito? conclusión que fortalece coa alegación de que no propio ámbito se executou a construción dun centro de saúde xa en funcionamento

e sen necesidade de obras engadidas de urbanización.

En tal sentido, o informe que agora analizamos finaliza coa conclusión de que "calquera obra que se considere necesario realizar no ámbito para o correcto remate da urbanización derivada do cumprimento

por esta Administración da sentenza xudicial 19512016, non resultou nin resulta impedimento algún para a edificación do edificio

pretendido por Construcciones N., S.L. no ámbito da UA-43".

Así as cousas, do contraste dos criterios obrantes no expediente non pode concluírse na convicción da existencia de variacións de entidade tal como para impedir a materialización da edificación, pois nada

se acreditou sobre o concreto alcance de tales obstáculos sendo así que se trataría dunha cuestión obxectivamente mensurable

e polo tanto, doadamente acreditable.

Antes ben, a decisión de non dar inicio ás obras se presenta como unha decisión unilateral da contratista, nun contexto económico moi adverso pois a licenza era operativa no ano 2011 en plena crise do sector,

cuxos efectos son ben coñecidos e relevan de mais argumentación por notorios, sendo así ademais que obran no expediente diferentes

escritos que a promotora dirixe aos propietarios do ámbito nos que se propón unha prórroga dos contratos en atención ás circunstancias

do mercado, sen nomear en ningún caso a existencia de dificultades xurídicas ou materiais para executar a edificación por

causa das obras de urbanización.

Por outra parte, como se informa polo arquitecto municipal a licenza contaba cun prazo de inicio das obras de 3 meses condicionados pola aplicación do réxime transitorio do Real Decreto 314/2006, do

17 de marzo, polo que se aproba o Código Técnico da Edificación en relación co previsto na disposición adicional segunda da

Lei 38/1999, do 5 de novembro, de Ordenación da Edificación en relación cos requisitos básicos de habitabilidade e seguridade,

que habilitaba a excepción de determinados requisitos do novo réxime xurídico coa referida condición do inicio das obras nun

prazo de 3 meses, o cal, atendido o incumprimento por parte da mercantil do dito prazo, porque o inicio da execución da edificación

nunca tivo lugar, determina a necesidade de adaptar o proxecto de edificación á nova normativa, o que inhabilita o alcance

da licenza por circunstancia novamente imputable á construtora e non á Administración.

Igualmente hai que salientar neste punto que, como así se informa pola enxeñeira e o arquitecto municipal, as dificultades na urbanización que deron lugar ás actuacións xudiciais nas que a agora reclamante

obtivo pronunciamento favorable, son posteriores á expiración do prazo de 3 meses con que contaba a construtora para dar inicio

ás obras, o que vén a evidenciar como argumento engadido, que a razón pola que a mercantil non deu inicio á edificación é

allea ás vicisitudes propias do proceso de urbanización, que seguiu un curso improcedente en determinados extremos, como así

se declarou por sentenza, con actuacións carentes de rigor, pero que en ningún caso están conectadas causalmente co abandono

do deber de adoptar unha nova decisión.

E sendo así que as razóns polas que a agora reclamante non executou as obras autorizadas por licenza é allea ao ámbito de responsabilidades do Concello, non procede recoñecer a existencia dun dano antixurídico

pola non execución das ditas obras, o que fai decaer a reclamación por todos aqueles conceptos directamente vinculados coa

licenza de obras.

Sexta.

Resolta a cuestión relativa á inexistencia de danos antixurídicos vinculados co funcionamento do servizo municipal en canto á ausencia de execución das obras previstas na licenza de edificación, resta por

verificar se concorre a presenza de algún dano antixurídico como resultado das actuacións sometidas a coñecemento, no curso

das cales, certamente, se estimou en vía xudicial un recurso contencioso-administrativo presentado pola interesada contra

a modificación das obras do proxecto inicial de urbanización e a liquidación das cotas de urbanización.

A este respecto a reclamante fai cita do suposto indemnizatorio previsto na letra a) do artigo 48 do Texto refundido da Lei de Solo e Rehabilitación Urbana aprobado polo Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro (en adiante

TRLSRU) a cuxo teor:

?Dan lugar en todo caso a derecho de indemnización las lesiones en los bienes y derechos que resulten de (?) La alteración

de las condiciones de ejercicio de la ejecución de la urbanización, o de las condiciones de participación de los propietarios

en ella, por cambio de la ordenación territorial o urbanística o del acto o negocio de la adjudicación de dicha actividad,

siempre que se produzca antes de transcurrir los plazos previstos para su desarrollo o, transcurridos éstos, si la ejecución

no se hubiere llevado a efecto por causas imputables a la Administración?.

Examinando as circunstancias do caso non se aprecia a existencia de alteración das condicións de exercicio da execución da urbanización, que, en todo caso e tras a anulación das modificacións operadas

polo Concello, volverán a ser as inicialmente previstas ou aquelas que resulten das adaptacións que sexan oportunas ou necesarias,

e que poderán ser adaptadas por vía das liquidacións finais da execución, pero que en ningún caso afectan a dereitos patrimonializados

polos propietarios e que resulten truncados por unha modificación da ordenación urbanística, sendo así que en todos os informes

municipais se insiste na viabilidade da urbanización, na procedencia da finalización das obras que están en desenvolvemento

e na posibilidade de obter unha nova licenza de edificación adaptada aos cambios normativos operados dende entón, cambios

que afectan aos ámbitos de habitabilidade e seguridade da edificación, pero en ningún caso á condición urbanística dos terreos

da reclamante nin a súa idoneidade para acadar a condición de solar unha vez realizadas as obras de urbanización necesarias.

Por non ter iniciado a reclamante as obras de edificación tampouco é apreciable a existencia dunha demora antixurídica pois o feito do abandono daquela actividade edificatoria, que contaba con todos os

requisitos legais, determina que a demora acumulada na execución da urbanización, cuxa execución se deseñou en paralelo á

da edificación (como así se xustificou no expediente pola enxeñeira municipal), non está tendo, de feito, unha repercusión

na execución da edificación, desbotada pola promotora antes do seu inicio, de onde resulta que non resulta estimable a materialización

dun dano efectivo en este particular.

Tampouco se aprecia a procedencia de aboar o importe correspondente aos proxectos técnicos, opción resarcitoria que contempla o artigo 39 do propio TRLSRU para aqueles gastos que ?devengan inútiles para quien haya incurrido en ellos por efecto de la disposición, del acto o del hecho que motive la valoración? e iso porque a inutilidade de tales proxectos non está en absoluto acreditada nun proceso de urbanización que se atopa en

curso e que segundo os técnicos municipais cumpre cos requisitos necesarios para ser ultimado e permitir o cumprimento por

parte dos propietarios dos deberes de urbanización que posibilitan a xeración de solares sobre os que solicitar as oportunas

licenzas, para o caso de que non se pretenda unha tramitación paralela coas garantías legalmente esixidas, como así se procedeu

xa na solicitude da licenza anterior.

Finalmente, en relación cos gastos de avogado e procurador o Consello Consultivo xa ten considerado en anteriores ditames, entre outros o CCG 136/2015 que non se poden aboar os gastos de defensa

xurídica e de procurador por canto estamos diante dunha carga, defensa e representación procesual, co conseguinte pagamento

de honorarios, que aínda imposta pola lei, pois aínda cando o pago de honorarios se produza na obtención da tutela xurisdicional,

onde é preceptiva a asistencia de letrado e procurador, ten unha vía apropiada e específica para o seu resarcimento que vén

determinada pola resolución que recaia en materia de custas, como así o entende o propio Tribunal Supremo en sentenzas como

as de 11.5.1998 e do 15.1.1996, sendo así que no presente caso a xuíza actuante xa dispuxo en sentenza o abono das custas

que determinou procedentes.

En definitiva, ante a ausencia de acreditación dun dano efectivo, antixurídico e vinculado causalmente co funcionamento do servizo público local, resulta procedente a desestimación da proposta de resolución

como así se propugna na moi argumentada proposta de resolución.

CONCLUSIÓN

Por todo o anteriormente exposto, a Sección de Ditames do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros, ditamina:

?Que informa favorablemente a proposta de resolución desestimatoria da reclamación á que o presente expediente se refire?.

LIBROS Y CURSOS RELACIONADOS

Transparencia e integridad en grandes eventos deportivos
Disponible

Transparencia e integridad en grandes eventos deportivos

Claudio de Castro Panoeiro

17.00€

16.15€

+ Información

Sociedad de Responsabilidad Limitada
Disponible

Sociedad de Responsabilidad Limitada

Dpto. Documentación Iberley

6.83€

6.49€

+ Información

Temario para las oposiciones de Auxilio judicial 2024 (VOLUMEN I + II)
Disponible

Temario para las oposiciones de Auxilio judicial 2024 (VOLUMEN I + II)

V.V.A.A

76.50€

72.67€

+ Información

Métodos y prácticas de innovación docente universitaria en el Siglo XXI
Disponible

Métodos y prácticas de innovación docente universitaria en el Siglo XXI

Fernando Gil González

7.60€

7.22€

+ Información