Convenio Colectivo de Emp...de Galicia

Última revisión
05/05/2009

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de FUNDACION GALEGA PARA O IMPULSO DA AUTONOMIA PERSOAL E ATENCION AS PERSOAS EN SITUACION DE DEPENDENCIA (FUNGA) (82001002012008) de Galicia

Empresa Autonómico. Versión Validez desde 01 de Julio de 2008 en adelante

Tiempo de lectura: 67 min

Tiempo de lectura: 67 min

Documento oficial en PDF(Páginas 9-27)

Resolucion do 18 de marzo de 2009, da Direccion Xeral de Relacions Laborais, pola que se dispon o rexistro, o deposito e a publicacion, no Diario Oficial de Galicia, do I Convenio colectivo da Fundacion galega para o impulso da autonomia persoal e atencion as persoas en situacion de dependencia (Funga). (Diario Oficial de Galicia num. 86 de 05/05/2009)

Preambulo

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico (código de convenio 8201002) da Fundación galega para o impulso da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia (Funga), que se subscribiu, con data do 7 de novembro de 2008, pola comisión negociadora, integrada pola dirección técnica en representación de Funga, e o representante dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta dirección xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro

Ordenar a inscrición do referido convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral, con notificación á comisión negociadora.

Segundo

Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro

Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2009.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

CAPÍTULO I. Ámbito do convenio e vixencia

 
Artigo 1º.-Ámbito persoal e territorial.

Este convenio colectivo establece e regula as normas polas que se rexerán as relacións de carácter xurídico-laboral entre a Fundación galega para o impulso da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia (Funga) e o persoal que, suxeito á lexislación laboral e á propia da fundación, preste os seus servizos baixo a súa dependencia.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As contías retributivas para o exercicio 2008 terán efectos retroactivos ao mes de xullo e serán revisadas, anualmente, de acordo co disposto na Lei de orzamentos para a Comunidade Autónoma de Galicia e atendendo ao sinalado no acordo económico anexo a este convenio.

A vixencia deste convenio será ata o 30 de xuño de 2012, prorrogándose automaticamente, a non ser que se produza denuncia escrita de calquera das partes dentro dos dous últimos meses de vixencia; en tal caso, a comisión negociadora deberá reunirse dentro dos 20 días seguintes á denuncia sinalada anteriormente.

De producirse a denuncia do convenio, este prorrogarase ata a aprobación do que o substitúa.

CAPÍTULO II. Órgano de vixilancia

 
Artigo 3º.-Comisión paritaria de vixilancia, interpretación e desenvolvemento do convenio.

1. Créase unha comisión paritaria de vixilancia, control e interpretación do convenio, que entenderá da aplicación deste. A dita comisión estará composta por un número igual de representantes, 3 por cada parte, tanto por parte dos/as traballadores/as como da Funga. Na súa composición deberán respectarse as disposicións legais vixentes en materia de igualdade entre o home e a muller. Os/as representantes dos/as traballadores/as serán designados polas organizacións sindicais negociadoras deste convenio, de acordo co artigo 85.3º e) do ET. A Funga comprométese a facilitar os locais onde terán lugar as reunións de traballo, así como a realizar as tarefas burocráticas dela.

A comisión reunirase por pedimento dunha das partes no prazo de 15 días e, con carácter extraordinario, cando as circunstancias así o fagan preciso.

A constitución da comisión paritaria realizarase no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia. A relación de membros que a compoñen seralle comunicada por escrito, no prazo de 5 días a partir da súa sinatura, ao secretario ou secretaria da comisión negociadora.

Os acordos tomaranse por unanimidade de entre ambas as dúas representacións e serán recollidos en acta, dándoselle a debida publicidade nos taboleiros de anuncios da Funga. Ao mesmo tempo, deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia, excepto os acordos que afecten a traballadores/as de xeito individual e os que así decida a comisión paritaria.

Os ditos acordos vinculan ambas as dúas partes nos mesmos termos que este convenio e incorporaranse a el como anexo.

2. Correspóndelle á comisión:

a) A interpretación da totalidade do articulado ou cláusulas do convenio.

b) A vixilancia do pactado.

c) A facultade de conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

d) Asegurar a non discriminación da muller, controlando a igualdade de trato, os posibles abusos, agresións de orde sexual, laborais, físicas ou psíquicas, tanto por parte dos compañeiros de traballo, como por parte dos superiores.

e) Ser oída con anterioridade á publicación da oferta de emprego.

f) Aprobar ou denegar, as solicitudes sobre reclasificación profesional que impliquen cambio de todo o colectivo dunha categoría dun grupo a outro.

Denunciado o convenio, e ata que non se inicien novas negociacións, a comisión paritaria continuará exercendo as súas funcións verbo do contido normativo deste.

A comisión paritaria poderá solicitar toda clase de información relacionada coas cuestións da súa competencia, información que os órganos de xestión da Funga facilitarán cando o solicite unha das partes.

Os/as representantes do persoal e da Funga na comisión paritaria poderán ser asistidos nas reunións por dous asesores técnicos, con voz e sen voto.

3. A comisión paritaria elaborará o seu propio regulamento de funcionamento.

Artigo 4º.-Solución extraxudicial de conflitos colectivos.

1. A Funga e os/as representantes do persoal acordan como mecanismo de resolución e mediación nos posibles conflitos colectivos ou discrepancias significativas e insolubles, o diálogo e a negociación.

2. Esgotadas as vías de negociación e diálogo, a resolución extraxudicial de conflitos deberá levarse a cabo por procedementos de mediación e arbitraxe, sempre e cando o ordenamento vixente o permita.

3. Mediante o procedemento de arbitraxe as partes poderán acordar de mutuo acordo encomendar a unha terceira persoa a resolución de calquera conflito, comprometéndose de antemán a aceptar o contido desta.

4. O acordo logrado a través da mediación ou da resolución de arbitraxe terá a mesma eficacia xurídica e tramitación que os pactos e acordos regulados por lei, sempre que quen adoptase o acordo ou subscribise o compromiso arbitral tivese a lexitimación que lles permita acordar, no ámbito do conflito, un pacto ou acordo conforme o previsto pola lei.

5. Estes acordos serán susceptibles de impugnación. Especificamente caberá recurso contra a resolución arbitral no caso de que non se observaran no desenvolvemento da actuación arbitral os requisitos e formalidades establecidos para o efecto ou cando a resolución versase sobre puntos non sometidos á súa decisión, ou que esta contradiga a legalidade vixente.

6. A utilización destes sistemas efectuarase conforme os procedementos que regulamentariamente sexan determinados tras o acordo cos representantes do persoal conforme o regulado actualmente a este respecto. En todo caso, o esgotamento do procedemento previo ante a comisión paritaria, os procedementos de solución de conflitos e de conciliación e mediación, así como de arbitraxe seguirán o acordo galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo, segundo o publicado no DOG do 4 de maio de 1995.

CAPÍTULO III. Estabilidade no emprego e incompatibilidades

 
Artigo 5º.-Estabilidade no emprego.

De conformidade co principio de estabilidade no emprego, os contratos de traballo abranguidos neste convenio entenderanse pactados por tempo indefinido, coas excepcións legalmente establecidas.

A Funga, con carácter previo, solicitará informe aos representantes dos traballadores/as cando se acorde a amortización de prazas vacantes. Tal informe deberá ser emitido no prazo máximo de 15 días.

O departamento de persoal facilitaralles aos representantes dos traballadores/as razón das altas e baixas que houbese durante o período.

Artigo 6º.-Incompatibilidades.

Ao persoal laboral da Funga aplicaráselle o réxime de incompatibilidades, de acordo coas normas estatais e autonómicas sobre a materia.

En concreto, deberase ter presente o cumprimento da dilixencia exixida no artigo 10 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas en relación co artigo 13 do Real decreto 598/1985, do 30 de abril.

A opción dun/dunha traballador/a incurso en incompatibilidade que renunciase ao seu posto na organización da Funga non se verá limitada polo prazo mínimo de antigüidade que, para efectos de excedencia, exixe este convenio colectivo.

A percepción dos complementos retributivos previstos no artigo 26º deste convenio quedará sometida ao réxime de incompatibilidades previsto na Lei 53/1984 e do Real decreto 598/1985.

CAPÍTULO IV. Provisión de vacantes e acceso á condición de persoal da Funga

 
Artigo 7º.-Relación de postos de traballo.

Son postos de traballo do persoal os que así se determinen na correspondente relación de postos de traballo.

Para a elaboración e publicidade das relacións de postos de traballo do persoal da Funga terase en conta o disposto na Lei 7/2007, do 12 de abril, básica e reguladora dos empregados públicos (EBEP) e demais normas que o desenvolvan.

Artigo 8º.-Provisión de vacantes.

1. A provisión das vacantes ofertarase aos traballadores/as fixos da mesma categoría de acordo a un sistema regrado de méritos. Facilitando, en todo caso, a mobilidade por razón de violencia de xénero ás mulleres vítimas, de conformidade co establecido no artigo 82 do Estatuto básico do empregado público.

2. Adscrición temporal. Os postos de traballo vacantes, cando a súa provisión se considere urxente e inaprazable, poderán ser provistos mediante esta figura sempre que concorran as seguintes circunstancias:

-O/a traballador/a deberá pertencer á mesma categoría e reunir os requisitos que, para o desempeño do posto de traballo, exixa a correspondente relación de postos de traballo.

-No caso de existiren varios solicitantes nas mesmas circunstancias, adxudicarase atendendo preferentemente aos criterios de antigüidade, mérito e capacidade.

-A adscrición terá unha duración máxima dun ano prorrogable por outro se persisten as circunstancias que a motivaron.

-A adscrición temporal terá, en todo caso, carácter voluntario para o/a traballador/a.

3. Adxudicación de posto a traballadores/as declarados/as en situación de incapacidade permanente total. Cando un/unha traballador/a sexa declarado/a polo órgano competente en situación de incapacidade permanente total, poderá adxudicárselle un posto compatible coa súa nova situación e respecto do cal o/a interesado/a cumpra cos requisitos fixados na correspondente relación de postos de traballo. Para estes efectos, entenderase que cumpre os requisitos cando posúa a titulación académica requirida para o acceso á categoría, do mesmo ou inferiores grupos ao da súa, á cal estea reservada o posto de traballo.

Para poder facer efectiva esta modalidade será precisa a concorrencia dos seguintes extremos:

-Instancia dirixida á Funga en que se solicite a adxudicación dun posto compatible coa súa situación de incapacidade permanente total.

-Certificado, do organismo competente, de que o/a interesado/a se atopa en situación de incapacidade permanente total.

-Informe de compatibilidade emitido polo equipo de valoración de incapacidades.

-Informe favorable da comisión paritaria.

-Autorización da Funga.

No caso de non haber vacante pura, ocuparase a última ocupada por un/unha interino/a e, no caso de empate, a vacante ocupada polo/a interino/a con menor antigüidade na Funga. Se non existe ningún posto adecuado dentro da categoría a que pertence o/a afectado/a, poderá ser adscrito/a, polo procedemento anteriormente exposto, a outro dunha categoría integrada no mesmo grupo ou en grupo inferior, sempre e cando reúna os requisitos exixidos. Os postos cubertos polo procedemento derivado da situación de incapacidade permanente total terán, en todo caso, natureza de cobertura definitiva.

4. Contratación de persoal laboral temporal. Os postos de traballo vacantes que non se provexan polos sistemas regulados e se considere necesaria a súa provisión poderán cubrirse mediante a contratación de persoal laboral temporal.

Para a contratación deste persoal laboral non poderá acudirse ás empresas de traballo temporal.

O sistema de selección rexerase por procedementos, de selección ou listas, que teñan en conta criterios obxectivos para a prelación dos/as aspirantes, e que serán obxecto de negociación coa representación social.

Artigo 9º.-Acceso á condición de laboral fixo.

1. O acceso ás distintas categorías de persoal laboral fixo da Funga realizarase, logo de convocatoria pública realizada para o efecto, mediante concurso-oposición.

2. O concurso-oposición consistirá na superación das probas correspondentes así como na posesión previa, debidamente valorada, de determinadas condicións de formación, méritos ou niveis de experiencia. En todo caso, será necesario, para superar o proceso selectivo, superar a fase de oposición.

Artigo 9º bis.-Acceso á condición de laboral fixo.

A selección do persoal efectuarase de acordo coa oferta de emprego, que deberá respectar o principio de igualdade e as previsións contidas nos artigos 35 e 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 10º.-Quenda de promoción interna e cambio de categoría.

1. Nas convocatorias de acceso reservarase parte das vacantes ofertadas para cubrir pola quenda de promoción interna; naquelas categorías que se oferte unha única vacante reservarase á promoción interna. En todo caso, adoptaranse as medidas necesarias para promover a composición equilibrada entre sexos no persoal da Funga.

2. Para participar nesta quenda os/as interesados/as deberán reunir os seguintes requisitos:

-Posuír, polo menos, dous anos de antigüidade na categoría desde a que se accede.

-Os demais que, con carácter xeral, se fixen na correspondente convocatoria.

3. Os/as aspirantes da quenda de promoción interna terán convocatorias distintas e separadas e serán eximidos dalgunhas das probas previstas para a quenda ordinaria de selección. Cando as probas de promoción interna comprendan a valoración de méritos das persoas candidatas, observarase o disposto no artigo 38 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 11º.-Convocatorias.

1. Nas convocatorias incluiranse, en todo caso, os seguintes extremos:

-Número de vacantes ofertadas por categorías e requisitos que, para participaren no proceso selectivo correspondente a cada categoría, deben reunir os aspirantes.

-Número de vacantes que, do total ofertado, se reservan para a quenda de promoción interna.

-Sistema de selección, forma de desenvolvemento das probas e valoración destas.

-Baremo de méritos aplicable.

-Composición do tribunal.

-Prazo para a presentación de instancias.

2. Nas convocatorias públicas para persoal de novo ingreso garantirase a reserva legal para as persoas con algún tipo de discapacidade.

Artigo 12º.-Tribunais de selección.

1. Os tribunais de selección estarán formados por un número impar de membros, polo menos 3, un dos cales será designado polos/as representantes dos/as traballadores/as. A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, non podendo actuar en representación ou por conta de ninguén. Para formar parte dos tribunais será necesario posuír unha titulación académica de igual ou superior nivel á solicitada como requisito aos aspirantes.

2. Todos os membros do tribunal actuarán con voz e voto.

3. O tribunal non poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas ofertadas.

4. Os membros dos tribunais deberán absterse de formar parte deles cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e notificaranllo ao órgano convocante. Os aspirantes poderán recusalos de acordo co artigo 29 da mencionada lei.

5. Os tribunais poderán dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para todas ou algunhas das probas. Os ditos asesores/as limitaranse ao exercicio das súas especialidades técnicas, con base exclusivamente nas cales colaborarán co órgano de selección.

6. A composición dos tribunais de selección deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros e paridade entre mulleres e homes, debendo atender ao disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 13º.-Resolución.

1. Concluído o proceso selectivo, o tribunal remitiralle ao órgano convocante a proposta de aspirantes que o superaron para proceder ao seu nomeamento.

2. Recibida a proposta remitida polo tribunal, o órgano convocante elevará a definitiva a proposta.

2.1. Os/as aspirantes incluídos na proposta disporán dun prazo de 20 días para presentaren a documentación acreditativa de cumprir os requisitos exixidos na convocatoria.

2.2. Os/as que dentro do prazo indicado, salvo os casos de forza maior apreciada, non presenten a documentación acreditativa de cumprir os requisitos exixidos na correspondente convocatoria non poderán ser nomeados/as.

2.3. Os postos de traballo adxudicados, cos requisitos e as condicións que se regulan neste capítulo, ao persoal de novo ingreso e ao que superase procesos selectivos pola quenda de promoción interna, terán natureza de definitivo.

Artigo 14º.-Toma de posesión.

1. Concluído o procedemento regulado nos artigos anteriores o persoal nomeado laboral fixo e adxudicatario dos seus respectivos postos de traballo disporá do prazo dun mes para tomar posesión do seu destino.

2. Os modelos de contrato axustaranse á lexislación vixente.

Artigo 15º.-Período de proba.

O período de proba será o seguinte:

a) Para as categorías incluídas nos grupos I e II, tres meses.

b) Para as categorías incluídas no grupo III, dous meses.

c) Para as categorías incluídas nos grupos IV e V, un mes.

Durante o período de proba o/a traballador/a terá os mesmos dereitos e obrigas que o persoal fixo do cadro de persoal da súa mesma categoría profesional, agás os derivados da resolución de relación laboral, que se poderá producir por petición de calquera das partes durante o seu transcurso. As situacións de IT interrompen o período de proba.

En caso de que non se supere o período de proba, a Administración notificarallo ao/á traballador/a por escrito motivado, dando coñecemento ao comité de empresa ou aos delegados de persoal. A rescisión durante este período non dará dereito a indemnización ningunha.

CAPÍTULO V. Organización e dirección do traballo

 
Artigo 16º.-Traballos de superior e inferior categoría.

Ademais do establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, teranse en conta os seguintes principios:

1. A realización de traballos de categoría superior ou inferior responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible. En todo caso, terán preferencia os/as traballadores/as da Funga, aos que se lles terán en conta os requisitos establecidos no convenio para a promoción interna e os ascensos.

A ser posible, comunicaráselle ao/á traballador/a, por escrito, con 48 horas de antelación e, en todo caso, con anterioridade ao inicio do cambio de posto de traballo. Ofrecéraselle ao persoal do centro, coa requirida publicidade e adxudicándoa con preferencia pola antigüidade na Funga. De non ser a adxudicación por antigüidade, deberá ser motivada.

2. A ocupación dun posto de traballo en réxime de desempeño de funcións de categoría superior non poderá exceder de seis meses consecutivos ou dez alternos. Transcorrido o período citado, e persistindo as mesmas circunstancias, o desempeño das funcións realizarase por rotación semestral, no suposto de existir máis dun/dunha traballador/a que reúna os requisitos e a capacidade necesarios da categoría que hai que cubrir, sempre que se desenvolvan as funcións adecuadamente. O límite de seis meses consecutivos ou dez alternos non será aplicable cando non sexa posible a rotación por non existiren no centro de traballo outros/as traballadores/as que reúnan as condicións necesarias de acordo co disposto neste punto.

A praza deixada vacante, por estes traballadores/as ou polos seus substitutos/as cubrirase por contratación temporal.

3. O/a traballador/a só poderá realizar traballos da categoría inmediatamente inferior á súa durante un só período non superior a trinta días consecutivos, sen prexuízo do establecido no número 2º do artigo 39 do Estatuto dos/as traballadores/as.

Transcorrido o período citado, o/a traballador/a non poderá volver a ocupar un posto de categoría inferior ata que transcorra un ano.

Desta situación serán informados os representantes dos/as traballadores/as.

Artigo 17º.-Organización do traballo.

Conforme a lexislación vixente, a organización do traballo é facultade da Funga, sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia e información recoñecidos ao persoal nos artigos 40, 41, 64.1º do Estatuto dos traballadores, así como o lexislado nesta materia na Lei orgánica de liberdade sindical (LOLS).

Serán dereitos e obrigas dos/as representantes do persoal:

-Participar, nos termos pactados, nos órganos paritarios, no estudo e proposta das condicións de traballo nas distintas unidades organizativas.

-Trasladar as suxestións que, en tal sentido, lles comuniquen os seus representados/as.

CAPÍTULO VI. Xornada, horario de traballo, descanso e vacacións

 
Artigo 18º.-Xornada de traballo.

a) Como regra xeral, a xornada de presenza e traballo efectivo será de 37,5 horas semanais, de luns a venres, de forma continuada en termos xerais das 7.45 ás 15.15 horas.

b) Todos os/as traballadores/as con xornada continuada afectados por este convenio terán dereito a unha pausa retribuída de 30 minutos durante a xornada de traballo.

c) Nos meses de verán desde o 15 de xuño ata o 15 setembro a xornada de traballo será das 8.30 ás 14.30 horas. Este horario pode ser obxecto de modificacións atendendo ao que marque a Xunta de Galicia para o seu persoal.

Artigo 19º.-Descanso e festivos.

1. Descanso semanal: os/as traballadores/as terán dereito a un descanso mínimo semanal de dous días ininterrompidos que abranguerá o sábado e o domingo.

2. Todo o persoal laboral vinculado a este convenio gozará como descanso os días 24 e 31 de decembro. Se por necesidades do servizo non se puidesen gozar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte.

Artigo 20º.-Vacacións.

Todo o persoal laboral acollido a este convenio, cun ano mínimo de servizos, terá dereito a unhas vacacións retribuídas de duración igual ao do mes natural, ou 22 días laborables, en que se desfruten. Para estes efectos, non se consideran días laborables, os sábados. De non levar un ano de servizos, gozaranse as vacacións en proporción aos días traballados.

As vacacións anuais gozaranse preferentemente no período abranguido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Os/as traballadores/as poderán solicitar o fraccionamento das vacacións en dous períodos.

A distribución dos períodos de vacacións farase por acordo entre a dirección do centro e a representación do persoal.

A empresa preparará o calendario laboral de cada ano, establecerá as diferentes quendas, seguidas ou partidas, nos que se poderán gozar as vacacións, e, durante o primeiro trimestre do ano, todos os/as empregados/as poderán solicitar a quenda que prefiran. A proposta terán que facela coordinadamente todos os/as empregados/as do departamento, de forma que se asegure a continuidade do servizo.

Sen prexuízo do parágrafo anterior, recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de 12 anos ou maiores dependentes ao seu coidado. De establecerse quendas obrigadas para o gozo de vacacións, primará na elección a antigüidade, para os sucesivos procesos rotatorios de todo o persoal.

Cando por necesidades do servizo o persoal teña que gozar obrigatoriamente as súas vacacións fóra do período establecido, as vacacións serán de 30 días laborables.

En todas as situacións de IT ou permiso de maternidade que coincidan coas datas nas que se gozarán as vacacións, o seu gozo pospoñerase ás datas posteriores á situación de alta agás que o período de baixa se iniciase con posterioridade ao principio do gozo das vacacións e que este non se estenda máis alá do trinta e un de decembro do ano en curso. Se a situación de baixa se producise mentres está gozando as súas vacacións, o/a traballador/a non verá interrompido o período de goce das súas vacacións. No caso de permiso maternal durante o gozo das vacacións, suspenderanse estas, reiniciándose unha vez que se produza a alta (sempre que teña lugar no mesmo ano).

Artigo 21º.-Días adicionais de vacacións.

Así mesmo, terá dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo, ao que se lle engadirá un día hábil máis ao cumprir os vinte, vinte e cinco e trinta anos de servizo, respectivamente, ata un total de vinte e sete días hábiles por ano natural.

Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo sinalados no parágrafo anterior.

CAPÍTULO VII. Licencias e excedencias

 
Artigo 22º.-Licencias e permisos con soldo.

Concederanse permisos e licenzas con soldo segundo os artigos seguintes, 23º e 24º.

Artigo 23º.-Por motivos da conciliación da vida familiar e laboral e por razón de violencia de xénero.

1. Permiso por parto: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo ou filla, e por cada fillo/a a partir do segundo, nos supostos de parto múltiple. O permiso distribuirase á opción da traballadora sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. No caso de falecemento da nai, o outro proxenitor poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do permiso.

Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que ambos os proxenitores/as traballen, a nai, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o outro proxenitor/a goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai. O outro proxenitor/a poderá seguir gozando do permiso de maternidade inicialmente cedido, aínda que no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo esta se atope en situación de incapacidade temporal.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan no caso de discapacidade do fillo ou filla ou de parto múltiple.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o/a neonato/a deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o/a neonato/a se encontre hospitalizado/a, cun máximo de trece semanas adicionais.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a administración.

2. Permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do/a menor adoptado/a ou acollido/a e por cada fillo/a, a partir do segundo, nos supostos de adopción ou acollemento múltiple.

O cómputo do prazo contarase á elección do traballador/a, a partir da decisión administrativa ou xudicial do acollemento ou a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, sen que un mesmo menor poida dar, en ningún caso, dereito a varios períodos de gozo deste permiso.

No caso de que ambos os proxenitores/as traballen, o permiso distribuirase á opción dos interesados/as, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan en caso de adopción ou acollemento múltiple e de discapacidade do/a menor adoptado/a ou acollido/a.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Se fose necesario o desprazamento previo dos/as proxenitores/as ao país de orixe do/a adoptado/a ou acollido/a, nos casos de adopción ou acollemento internacional, terase dereito, ademais, a un permiso de ata tres meses de duración, e durante este período percibiranse exclusivamente as retribucións básicas, podendo gozarse de forma fraccionada, sempre que non se superen os tres meses.

Con independencia do permiso de ata tres meses previsto no parágrafo anterior e para o suposto previsto no devandito parágrafo, o permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, poderase iniciar ata catro semanas antes da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou a decisión administrativa ou xudicial do acollemento.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a administración.

Os supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, previstos neste artigo serán os que así se establezan na normativa aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia, e o acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano.

3. Permiso por paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla: terá unha duración de vinte e nove días naturais, que gozará o pai a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.

Nos supostos de adopción ou acollemento, se ambos os/as proxenitores/as fosen persoal da Funga, o permiso poderase distribuír á opción dos interesados/as, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos, respectando en todo caso o prazo de duración.

Este permiso é independente do gozo compartido dos permisos previstos nas alíneas 1 e 2.

A nai poderá gozar deste permiso de paternidade a continuación dos permisos previstos nas alíneas a) e b) nos seguintes supostos:

-Cando o pai falecese antes da utilización íntegra do devandito permiso.

-Se a filiación paterna non estivese determinada.

-Cando os/as proxenitores/as non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade.

-Cando en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á nai a garda do fillo ou da filla que acaba de nacer.

No suposto de matrimonio de mulleres ou de unións de feito en análoga relación de afectividade, ao ser unha delas a nai biolóxica, a que non o sexa terá dereito ao permiso de paternidade nos termos fixados nesta alínea.

Nos casos previstos nas alíneas 1, 2 e 3, o tempo transcorrido durante o gozo destes permisos computarase como de servizo efectivo para todos os efectos, garantíndose a plenitude de dereitos económicos do persoal durante todo o período de duración do permiso, e, se é o caso, durante os períodos posteriores ao gozo deste, se, de acordo coa normativa aplicable, o dereito a percibir algún concepto retributivo se determina en función do período de gozo do permiso.

Os/as traballadores/as que fixesen uso do permiso por parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terán dereito, así que finalice o período de permiso, a reintegrarse ao seu posto de traballo nos termos e nas condicións que non lles resulten menos favorables ao gozo do permiso, así como a beneficiarse de calquera mellora nas condicións de traballo ás que puidesen ter dereito durante a súa ausencia.

4. Permiso por razón de violencia de xénero sobre o persoal: as faltas de asistencia do persoal vítima da violencia do xénero, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións nas que así o determinen os servizos sociais de atención ou de saúde, segundo proceda.

Así mesmo, o persoal vítima de violencia de xénero, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito á redución da xornada coa diminución proporcional da retribución ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que lles poidan ser aplicables, nos termos que para estes supostos estableza a normativa.

5. Licenzas especiais e condicións de traballo nos supostos de maternidade e paternidade. A traballadora xestante terá dereito a ocupar, durante o embarazo, un posto de traballo e/ou quenda distintos dos seus, sempre que exista tal posto e quenda alternativos e sempre que, segundo prescrición dun facultativo do sistema da sanidade pública, o seu posto ou quenda resulten nocivos para a súa saúde ou a do feto. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación da súa categoría nin mingua dos seus dereitos económicos.

Finalizada a causa que motivou o cambio de posto de traballo, procederase á reincorporación ao seu destino orixinal. A traballadora en estado de xestación será trasladada do seu posto de traballo, sempre que a súa permanencia poña en perigo a vida ou integridade do feto ou a súa propia. A traballadora embarazada terá dereito a escoller a data das súas vacacións regulamentarias.

Artigo 24º.-Permisos por causas xustificadas.

Concederanse permisos polas seguintes causas:

1. Por enfermidade grave ou falecemento.

Polo falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, seis días cando o suceso se produza na mesma localidade e oito días hábiles cando sexa en distinta localidade.

Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do segundo ou terceiro grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando sexa en distinta localidade.

En casos excepcionais de enfermidade de familiares ou persoas que convivan no domicilio do/a solicitante e afecten gravemente o normal desenvolvemento da vida familiar, a dirección da Funga poderá autorizar permisos, redución de xornadas ou xornadas especiais en canto se soluciona a situación.

2. Por traslado de domicilio.

Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, dous días na mesma localidade e tres días se hai cambio de localidade. Se a unidade familiar está composta por dous ou máis membros, o permiso será de catro días sen cambio de localidade e cinco se existe cambio.

3. Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos fixados neste convenio e nos legalmente establecidos.

4. Por asistencia a exames.

Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración.

5. Por asuntos persoais.

Os/as traballadores/as poderán dispor como máximo de ata noves días de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servizo, e que poderán ser gozados ata o 15 de xaneiro do ano seguinte. Así mesmo terase dereito ao gozo de dous días adicionais ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.

6. Polo cumprimento dun deber inescusable.

1) Poderá concederse permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

2) Por acudir a consultas, tratamentos e exploracións de tipo médico, sempre que non se poida acudir fóra do horario de traballo, o persoal da Funga terá dereito a permiso polo tempo preciso para a súa realización, sempre que estea debidamente xustificado.

3) Para acompañamento a consulta médica de menores de 12 anos, maiores de 70 anos, familiares ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que convivan no mesmo domicilio, parellas de feito, e convivintes (acreditando tal situación) que teñan unha discapacidade superior ao 33%, sempre que non se poida acudir fóra do horario de traballo, o persoal da Funga terá dereito a permiso polo tempo necesario, sempre que estea debidamente xustificado.

7. Por matrimonio ou inicio de vida en común.

Por matrimonio ou inicio de vida en común o/a traballador/a terá dereito a unha licenza de 15 días naturais ininterrompidos, que poderán sumarse ás vacacións anuais. O inicio da convivencia deberá demostrase mediante certificación rexistral de matrimonio ou de parella de feito, ou por calquera outro medio que acredite debidamente o dito feito.

8. Por exames prenatais.

As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, polo tempo necesario para a súa práctica e logo de xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada laboral.

9. Por lactación.

A traballadora, por lactación dun fillo menor de doce meses, terá dereito a unha hora de ausencia do traballo a escoller na entrada, na saída ou durante a xornada, e que poderá dividir en dúas fraccións. Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai e polo pai no caso de que ambos os dous traballasen. O permiso será acumulable.

Igualmente, poderase substituír o tempo de lactación por un permiso retribuído que acumule en xornadas completas ao tempo correspondente ou ben por un crédito de horas, podéndose aproveitar, en ambos os casos, en calquera momento, despois do gozo do permiso de maternidade.

A cantidade de horas incluídas no crédito será o resultado de contabilizar o total de horas ás que se tería dereito se se dispusexe do permiso de lactancia na súa modalidade dunha hora de ausencia.

Este permiso incrementarase proporcionalmente nos casos de parto múltiple.

Nos supostos de adopción ou acollemento, este dereito computarase durante o primeiro ano desde a resolución xudicial ou administrativa de adopción ou acollemento.

10. Por nacemento de fillos/as prematuros/as ou que por calquera outra causa deban permanecer hospitalizados/as a continuación do parto, a traballadora ou traballador terá dereito a ausentarse do traballo durante un máximo de dúas horas diarias e percibirá as retribucións íntegras.

11. Por razóns de garda legal.

Quen, por razón de garda legal, teña ao seu coidado directo algún menor de 12 anos, a unha persoa de idade avanzada que requira especial dedicación ou a un/unha diminuído/a psíquico/a ou físico/a que non desempeñe ningunha actividade retribuída, terá dereito a unha diminución dun terzo ou un medio da xornada de traballo, coa redución proporcional das súas retribucións.

Terá o mesmo dereito o persoal que precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non se poida valer por si mesmo/a e non desempeñe actividade retribuída.

Así mesmo, establécese a posibilidade de solicitar a redución dun 50% da xornada laboral, durante un mes, sen perda nin redución de salario, en casos de enfermidade moi grave dun familiar en primeiro grao.

Por ser preciso atender ao coidado dun familiar de primeiro grao, o persoal terá dereito a solicitar unha redución de ata o 50% da xornada laboral, con carácter retribuído, por razóns de enfermidade moi grave e polo prazo máximo dun mes, prorrogable en circunstancias excepcionais e atendendo á extrema gravidade da enfermidade padecida, ata un período máximo de dous meses. Se houbese máis dun titular deste dereito polo mesmo feito causante, o tempo de gozo desta redución poderase ratear entre eles, respectando, en todo caso, o prazo máximo dun mes, se e o caso, o de dous meses.

12. Para acompañar ao seu cónxuxe ou parella de análoga relación de afectividade a tratamentos de fecundación asistida, a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto, o persoal terá dereito a un permiso retribuído en idénticos termos aos previstos para estes permisos.

13. Nos supostos de accidente ou enfermidade moi grave do cónxuxe, parella en análoga relación de afectividade, familiares en primeiro grao, acollidos/as ou familiares convivientes, e para atender o seu coidado, o persoal terá dereito a un permiso retribuído cunha duración máxima de trinta días naturais. Cada accidente ou enfermidade xerará un único permiso, que, dentro da duración máxima de trinta días, se poderá utilizar de maneira separada ou acumulada.

14. O persoal terá dereito a ausentarse para acompañar ás revisións médicas aos fillos e as fillas e as persoas maiores ao seu cargo polo tempo necesario, con aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 25º.-Excedencias.

1. Para o coidado de fillos/as menores de tres anos.

Todos os traballadores/as terán dereito a unha excedencia por tempo non superior a tres anos para atender o coidado de cada fillo/a, contados desde a data de nacemento deste/a. Os/as fillos/as sucesivos/as darán lugar a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que se viñese gozando.

Non será preciso que o/a traballador/a esgote o tempo de excedencia para reincorporarse cando, por motivos persoais acreditados, así o solicite.

Concederáselle este mesmo dereito ao/á traballador/a verbo dos/as fillos/as adoptivos/as.

Durante o gozo da excedencia para o coidado de fillos/as naturais ou adoptivos/as menores dun ano, ao/á traballador/a reservaráselle o posto de traballo e quenda que viñese desempeñando con carácter definitivo. No caso de que o/a fillo/a adoptivo/a tivese máis dun ano e menos de tres, reservaráselle o posto e quenda ata que o/a fillo/a cumpra tres anos.

O período no que o persoal se atope nesta situación computaráselle para os efectos de antigüidade.

Este réxime aplicarase tamén nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contando desde a data da resolución xudicial ou administrativa.

2. Para coidado de familiares.

Os/as traballadores/as tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a dous anos para atender o coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

A excedencia prevista neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores/as da Funga xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas.

Cando un novo suxeito causante dese dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin á que, se é o caso, se viñese gozando.

O período en que o/a traballador/a permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para os efectos de antigüidade e o/a traballador/a terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

3. Voluntaria.

a) Os/as traballadores/as fixos/as, cunha antigüidade mínima dun ano na Funga, poderán solicitar, cunha antelación mínima de 45 días, excedencia voluntaria por un período de tempo non inferior a un ano.

Unha vez solicitada, resolverase o procedente e notificaráselle ao interesado/a con quince días de antelación á data do inicio proposta pola persoa interesada.

O/a traballador/a que solicite o seu reingreso terá dereito a ocupar a primeira vacante, con carácter provisional, que se produza no seu grupo e categoría, agás no caso de concorrer un excedente forzoso, que terá preferencia. Se a vacante fose de inferior categoría á que antes tiña, poderá optar a ela, na espera de que xurda a que corresponda á súa categoría.

O reingreso producirase por orde de antigüidade na solicitude.

En todo caso, non se poderá solicitar nova excedencia voluntaria antes de transcorrido un ano desde a súa reincorporación.

b) Aos excedentes voluntarios/as e aos excedentes para o coidado de familiares que xa gozaran máis dun ano da dita excedencia concederáselles o reingreso ao servizo activo, de existiren vacantes, con carácter provisional, ata que obteñan destino con carácter definitivo a través do sistema de provisión de vacantes correspondente.

4. Forzosa.

A excedencia forzosa ao persoal da Funga, que dará dereito a conservar o posto de traballo, quenda e centro, e na que se compute a antigüidade durante a súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ao traballo. Os supostos de servizos especiais previstos na normativa da función pública galega tamén se terán en conta como criterio para a concesión da excedencia forzosa para o persoal da Funga.

O reingreso deberá efectuarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir do cesamento no cargo. Se non solicitan o reingreso no prazo citado serán declaradas de oficio en excedencia voluntaria por interese particular.

A reincorporación producirase na mesma categoría profesional, posto de traballo e quenda que tiña o/a traballador/a ao se iniciar a devandita excedencia, computándoselle o tempo transcorrido para os efectos de antigüidade. Este reingreso terá carácter inmediato desde o momento en que se solicite e, en todo caso, un mes despois do cesamento no cargo.

5. Excedencia por razón de violencia sobre a muller traballadora:

As traballadoras vítimas de violencia de xénero, para faceren efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terán dereito a solicitar a situación de excedencia durante seis meses sen ter que prestar un tempo máximo de servizos previos e sen que sexa exixible prazo de permanencia nela.

Durante os seis primeiros meses terán dereito á reserva do posto de traballo que desempeñasen, e o devandito período será computable para os efectos de antigüidade, carreira e dereitos do réxime de Seguridade Social que sexa aplicable. Cando as accións xudiciais o exixisen, poderase prorrogar este período por tres meses, cun máximo de dezaoito, con idénticos efectos aos sinalados anteriormente, para o fin de garantir a efectividade do dereito de protección da vítima. Durante os dous primeiros meses desta excedencia, a traballadora terá dereito a percibir as retribucións íntegras e, se é o caso, ás prestacións familiares por fillo ao seu cargo.

CAPÍTULO VIII. Condicións económicas

 
Artigo 26º.-Estrutura do salario.

As retribucións pagaranse mensualmente mediante nómina, na que se reflectirán con absoluta claridade todos os aspectos retributivos, recollendo, así mesmo, todos os conceptos polos cales se produzan descontos nos haberes dos/as traballadores/as. Serán obxecto de actualización de acordo co reflectido na Lei de orzamentos e na orde de confección de nóminas da Xunta de Galicia para o persoal laboral.

As retribucións do persoal acollido a este convenio son as reflectidas no seu anexo I, estando constituídas polo salario base e os complementos salariais que a continuación se definen:

a) Salario base: é a parte de retribución do/a traballador/a fixada para a xornada ordinaria de traballo, en función da súa categoría profesional. A súa contía figura recollida no anexo I-A. Así mesmo, no anexo I-B figuran as contías que, en concepto de salario base, terán dereito a percibir, ademais das fixadas no anexo I-A, as categorías que nel se relacionan.

b) Pagas extraordinarias: todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito a percibir dúas pagas extraordinarias, que se aboarán co salario mensual de xuño e decembro.

A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario base do convenio máis antigüidade.

c) Complementos salariais:

-Antigüidade.

-Complemento de funcións.

-Complemento de singularidade de posto.

As retribucións que se teña dereito a percibir con carácter fixo e periodicidade mensual faranse efectivas por mensualidades completas e con referencia á situación e dereitos do persoal referidos ao primeiro día hábil do mes a que correspondan, salvo nos seguintes casos, que se liquidarán por días.

Artigo 27º.-Complementos salariais.

1. Antigüidade: o complemento de antigüidade será o reflectido na orde de confección de nóminas, a súa contía será de 29,35 euros ao mes no ano 2008 calquera que sexa a súa categoría profesional, que perfeccionen trienios a partir da entrada en vigor deste convenio. O trienio cumprido terá efectos económicos desde o primeiro día do mes seguinte a aquel no que se perfeccione, excepto se se cumpre na primeira quincena do mes, xa que neste caso os seus efectos serían desde o primeiro día do mes de cumprimento.

Para o cómputo de trienios, consideraranse os servizos prestados en período de proba ou excedencia forzosa con cargo público.

A remuneración por trienios dos/as traballadores/as a tempo parcial será proporcional á establecida para os/as traballadores/as fixos/as a xornada completa. O cómputo do tempo para a consolidación dos trienios determinarase como se fose contratado a tempo completo.

2. Complemento de funcións: é o complemento salarial que en idéntica contía, con independencia da pertenza a cada un dos grupos do convenio, retribúe o desempeño das funcións propias de cada posto de traballo.

3. Complemento de singularidade de posto: é o complemento salarial que, na contía que para cada posto de traballo, se é o caso, figura na correspondente relación de postos de traballo, retribúe as especiais dificultades materiais e técnicas que exixa o desempeño do posto de traballo de acordo cos seguintes conceptos:

a) Responsabilidade: correspóndelle ao persoal que polo posto de traballo que ocupa, realice funcións de coordinación ou mando, ou se lle esixa unha responsabilidade de cualificada complexidade que, sen corresponder ao mando orgánico, exceda do normal exixible á súa categoría profesional.

b) Perigosidade, toxicidade, penosidade e outras condicións especiais de posto.

A contía do complemento de singularidade de posto non poderá exceder o 32% do salario base bruto en cómputo anual atribuído a cada grupo profesional na correspondente Lei de orzamentos.

Artigo 28º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias son aquelas horas ou fraccións que excedan da xornada normal de traballo e teñan un carácter excepcional.

Tenderase a reducir ao mínimo imprescindible as horas extraordinarias que non se deban a imprevistos e teñan un carácter excepcional.

Como norma xeral, a realización de horas extraordinarias terá sempre un carácter voluntario.

O seu límite será de 80 en cómputo anual.

A dirección da Funga informará mensualmente os/as delegados/as de persoal sobre o número de horas extraordinarias que se van realizar, especificando as causas, distribución, sesións e relacións nominais do persoal laboral que as realiza e dos efectivamente realizados.

Sempre que a organización do traballo o permita, as horas extraordinarias compensaranse por tempo de descanso.

Para compensar por tempo de descanso as horas extraordinarias, computaranse cada unha destas por 1 hora e 45 minutos de descanso en días laborables, e 2 horas e 15 minutos en domingo e festivos.

Poderanse acumular eses tempos de descanso ata constituíren xornadas completas, que nunca se poderán sumar aos períodos de vacacións e permisos ordinarios pactados no calendario laboral de cada centro.

Para efectos económicos, o valor da hora extraordinaria será o resultante de incrementar nun 75% o valor da hora ordinaria. O seu cálculo farase coa fórmula seguinte: Hora extra = Salario bruto anual × 1,75 horas/horas anuais.

Artigo 29º.-Axudas de custos e desprazamentos.

Enténdese por axuda de custos a indemnización económica diaria que se lle debe pagar a un/unha traballador/a como compensación dos gastos de mantenza e aloxamento que deba realizar a consecuencia dun desprazamento motivado por orde dos órganos directivos correspondentes.

A contía da axuda de custos, sen exclusión de domingos e festivos, se é o caso, incluído o día de retorno, será a especificada nas indemnizacións por razón de servizo en vigor dos funcionarios da Xunta de Galicia, segundo o regulado actualmente (Decreto 144/2001, do 7 de xuño, DOG nº 122, do 25 de xuño; ou norma autonómica que o substitúa), e coas actualizacións orzamentarias que se produzan cada ano.

Por negociación cos/as representantes dos/as traballadores/as da Funga poderase establecer unha táboa única para todo o persoal sen saírse dos importes en vigor.

Cando un/unha traballador/a se desprace no vehículo propio terá dereito á indemnización por quilómetro fixada polo dito decreto ou texto que o substitúa, sempre que para isto se conte coa autorización e a orde de desprazamento. Para os desprazamentos ao estranxeiro, a contía será igual ca a establecida para o grupo A. Estas contías estarán suxeitas ás modificacións que, con carácter xeral, se establezan para o resto do persoal da Xunta de Galicia.

Artigo 30º.-Acceso a comedor e outros servizos.

O persoal da Funga terá acceso aos mesmos servizos cos que conta o persoal da Xunta de Galicia, incluíndo o bono de asistencia a comedor.

Artigo 31º.-Incapacidade temporal.

En caso de baixa por IT ou situación de risco durante o embarazo, a Funga, incrementará o subsidio económico da Seguridade Social ata acadar a contía igual á base de cotización do/a traballador/a do mes anterior a aquel no que se produza a baixa.

Artigo 31º bis.-Incapacidade temporal.

No desenvolvemento e aplicación dos preceptos incluídos neste capítulo, deberán terse en conta os artigos 39 e 40 da Lei 7/2004, do 16 de xullo.

CAPÍTULO IX. Beneficios sociais

 
Artigo 32º.-Formación e perfeccionamento profesional.

1. O persoal afectado por este convenio terá dereito a ver facilitada a realización de estudos académicos ou profesionais.

2. A Funga procurará establecer os mecanismos necesarios, para que a través da Escola Galega da Administración Pública, se realicen cursos de formación e as actividades que cumpran para perfeccionar e actualizar os coñecementos profesionais do seu persoal.

3. Respecto ao disposto no punto 2 e co obxecto de facilitar a asistencia a estes cursos ou actividades, o/a traballador/a terá dereito a que se lle reduza a xornada ordinaria de traballo no número de horas precisas para a asistencia a eles, sen mingua da súa remuneración, sen prexuízo das necesidades do servizo.

4. Nas actividades formativas de calquera tipo organizadas ou financiadas pola fundación, reservarase un 50% das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, que accederán á quenda reservada soamente se non houbese suficientes solicitudes de participación das mulleres.

Artigo 33º.-Orientación sobre planificación familiar e revisións medicas.

A Funga deberá dispoñer, dos seguintes recoñecementos médicos:

a) Unha vez ao ano, a todo o persoal.

b) Periódicos e específicos, ao persoal ao que, pola súa actividade, se considere necesario.

c) A todo o persoal de novo ingreso, antes de incorporarse ao posto de traballo.

d) Revisión xinecolóxica voluntaria.

Co fin de atender o cumprimento dos distintos puntos, a Funga porá os medios ou correrá co gasto necesario para facilitarlle ao/á traballador/a a súa asistencia os centros de recoñecemento cando estean en localidade distinta a aquela onde o/a traballador/a presta os seus servizos.

Artigo 34º.-Xubilación e fomento de emprego.

1. Modalidades de xubilación:

a) Xubilación forzosa, producirase ao cumprir os 65 anos. Aqueles/as traballadores/as que, ao chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causaren dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servizos ata cumpriren o citado período de cotización, momento no que se causará baixa de xeito inmediato.

b) Xubilación voluntaria.

O persoal laboral poderá xubilarse voluntariamente de acordo cos requisitos establecidos no réxime xeral da Seguridade Social.

2. No momento da xubilación, o persoal laboral suxeito a este convenio percibirá unha gratificación consistente en tres mensualidades do salario.

Artigo 35º.-Indemnización por invalidez e morte por accidente de traballo ou enfermidade profesional.

O persoal acollido a este convenio terá dereito a un seguro que ampare a invalidez ou morte do traballador/a por accidente ou enfermidade profesional, percibindo os seus beneficiarios unha cantidade non inferior a 30.050,61 euros.

Artigo 36º.-Fondo de axuda para anticipos.

O persoal acollido a este convenio poderá solicitar anticipos por importe de dúas mensualidades dos seus haberes líquidos, que se devolverán nun prazo de catorce meses como máximo.

Artigo 37º.-Complemento das pensións de viuvez e orfandade.

A morte do/a traballador/a que prestase servizos no momento do seu falecemento, ou que se atopase nalgún dos supostos de suspensión do contrato de traballo recollidos no artigo 45 do Estatuto dos traballadores e posúa o período de carencia exixido polas disposicións vixentes, poderá dar lugar ao recoñecemento dos seguintes complementos:

1. Complemento de garantía de salario real. Serán beneficiarios/as deste complemento os viúvos/as ou persoa que se atopase ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/a causante, con fillos/as a cargo menores de 21 anos de idade, ou a que fixe a normativa vixente da Seguridade Social ou orfos/as absolutos/as, sempre que non posúan ingresos, de calquera tipo, superiores ao salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

A contía será igual á diferenza entre o salario bruto, constituído este polos conceptos recollidos nos artigos 25º, 26º e 27º deste convenio, percibido como media nos 12 meses anteriores ao mes do feito causante, e a suma das pensións de viuvez e orfandade xeradas polo/a traballador/a a consecuencia do falecemento.

Este complemento será fixo no tempo ata o momento da súa extinción, que terá lugar como consecuencia das seguintes causas:

-Cumprimento da maioría de idade dos fillos/as ao seu cargo ou a idade que fixe a normativa específica da Seguridade Social.

-Percepción, por parte do/a viúvo/a ou persoa que se atopase ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/a causante e os fillos/as a cargo, de ingresos superiores ao salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

-As causas xerais de extinción das pensións de viudez e orfandade recollidas na lexislación da Seguridade Social.

Se a morte se produce por accidente de traballo ou enfermidade profesional contraída durante o seu servizo á Administración, non se exixirá antigüidade ningunha para o cobramento dos complementos citados, percibindo os beneficiarios o salario bruto, sempre que non existan outros ingresos superiores ao salario mínimo vixente en cada momento e coas mesmas causas de extinción ca as establecidas no parágrafo anterior.

2. Complemento de garantía do salario mínimo interprofesional.

Nas situacións non previstas no punto 1 garantirase, en todo caso, un complemento sobre a pensión que asigne a Seguridade Social que iguale en cada momento o salario mínimo interprofesional.

Naqueles supostos en que o/a traballador/a tivese unha xornada reducida, este complemento reducirase en proporción á xornada realizada.

Estes complementos concederanse con efectos desde a data na que a Seguridade Social recoñeza as pensións.

O/a beneficiario/a virá obrigado/a a comunicar calquera cambio das circunstancias de carácter familiar ou económicas das que dan lugar ao recoñecemento do complemento.

CAPÍTULO X. Seguridade e saúde laboral

 
Artigo 38º.-Seguridade e saúde laboral.

A Funga comprométese a cumprir estritamente as disposicións vixentes en materia de prevención de riscos e seguridade no traballo, de conformidade co establecido na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (BOE nº 269, do 10 de novembro), no Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

CAPÍTULO XI

Dereitos sindicais

Artigo 39º.-Delegados de persoal e comités de empresa.

Os/as delegados/as de persoal e, se é o caso, os membros dos comités de empresa, sen prexuízo das competencias, funcións e dereitos en xeral recoñecidos polas disposicións legais, terán os seguintes dereitos específicos:

1. Os membros dos comités de empresa e os/as delegados/as de persoal dispoñerán, avisando previamente, sempre que sexa posible, con 24 horas á dirección do centro de traballo, de tempo retribuído para realizaren xestións conducentes á defensa dos intereses do persoal. As horas mensuais necesarias para cubrir esta finalidade fíxanse en 35 horas.

2. As organizacións sindicais con representación na Funga poderán designar un delegado de sección sindical, de acordo coa normativa vixente, e que gozará dos dereitos que a mesma lle outorga.

3. Os membros dos comités de empresa e os/as delegados/as de persoal poderán ser substituídos durante as súas horas sindicais, mediante previo aviso con 24 horas de antelación, se ten carácter ordinario, e sen previo aviso, se ten carácter de urxencia.

De non realizarse a substitución, en ningún caso quedará limitado o dereito dos representantes do persoal a realizaren as súas actividades sindicais.

4. Coñecer e consultar o rexistro de accidentes de traballo e as súas causas. Terán acceso ao cadro horario, do que recibirán unha copia. Tamén accederán aos modelos TC-1 e TC-2 das cotizacións á Seguridade Social, ao calendario laboral, aos orzamentos dos centros, a un exemplar da memoria anual do centro e a calquera outro documento relacionado coas condicións de traballo que afecten o persoal.

5. Poñeranse á súa disposición os medios necesarios para a realización das súas funcións.

6. Os comités de empresa e os delegados/as de persoal poderán acordar a acumulación das horas sindicais dos seus membros.

7. Dereito de reunión, segundo o desenvolvido na normativa vixente ao respecto.

CAPÍTULO XI. Réxime disciplinario

 
Artigo 41º.-Réxime disciplinario.

1. A imposición de sancións por faltas graves e moi graves, agás as derivadas de falta de asistencia e puntualidade, requirirá a realización dun expediente disciplinario, no que o procedemento, a tramitación e os termos son os seguintes:

a) Cando a Funga coñeza da comisión de feitos presuntamente constitutivos de falta grave ou moi grave, será acordada a incoación, se é o caso, de expediente disciplinario polo padroado ou un dos seus membros en quen delegue. O dito acto, que se lle deberá comunicar por escrito ao representante social, ou se é o caso, comité de empresa, e mais o interesado/a interromperá os prazos legais de prescrición de faltas e infraccións.

b) No propio acto de incoación de expediente acordarase o nomeamento e designación de instrutor/a do procedemento, quen ordenará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e, en particular, de cantas probas poidan conducir ao seu esclarecemento e á determinación das responsabilidade susceptibles de sanción.

O/a instrutor/a, como primeiras actuacións, procederá a recibir declaración do/a presunto/a inculpado/a e a evacuar cantas dilixencias se deduzan da comunicación ou denuncia que motivou a incoación do expediente e do que aquel alegou na súa declaración.

c) Nun prazo non superior a un mes desde o inicio do expediente, o/a instrutor/a proporá o arquivo das actuacións, ou procederá á elaboración dun prego de cargos, que lle será notificado respectivamente, segundo o caso, ao/a interesado/a, ao comité de empresa, aos delegados/as de persoal do centro ou á sección sindical correspondente.

O prego de cargos incluirá os feitos imputados con expresión, se é o caso, da falta presuntamente cometida e das sancións que poidan ser de aplicación. O/a instrutor/a poderá, por causas xustificadas, solicitar a ampliación do prazo referido.

d) O prego de cargos notificaráselle ao/á inculpado/a e concederáselle un prazo de quince días para que poida contestalo coas alegacións que considere convenientes para a súa defensa, achegando, así mesmo, cantos documentos considere de interese. Neste trámite deberá solicitar, se o considera conveniente, a práctica das probas que para a súa defensa crea necesarias.

e) Contestado o prego ou transcorrido o prazo sen facelo, o/a instrutor/a poderá acordar a práctica das probas solicitadas que xulgue oportunas, así como a de todas aquelas que considere pertinentes. Para a práctica das probas disporase do prazo dun mes.

O/a instrutor/a poderá denegar a admisión e a práctica das probas para investigar cuestións que considere innecesarias, debendo motivar a denegación, sen que contra esta resolución caiba recurso do/a inculpado/a.

Os feitos relevantes para a resolución do procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito.

f) Cumpridas as dilixencias previstas neste artigo daráselle vista do expediente ao inculpado/a con carácter inmediato para que no prazo de 10 días alegue o que vexa pertinente para a súa defensa e achegue cantos documentos considere de interese. Facilitaráselle unha copia completa do expediente ao inculpado/a cando este así o solicite.

g) O/a instrutor/a formulará dentro dos vinte días seguintes a proposta de resolución, da que se lle dará traslado ao comité de empresa ou aos/ás delegados/as de persoal, así como ao/á interesado/a, na que fixará con precisión os feitos probados, motivando, se é o caso, a denegación das probas propostas polo/a inculpado/a, e fará a valoración xurídica dos feitos, determinando, se procede, a falta cometida, a responsabilidade do/a traballador/a e a sanción que xulgue procedente impoñer.

A proposta de resolución notificaráselle ao/á interesado/a, para que no prazo de dez días poida alegar ante o/a instrutor/a todo canto considere pertinente para a súa defensa.

Oído o/a inculpado/a ou transcorrido o prazo sen que haxa ningunha alegación, remitiráselle, con carácter inmediato o expediente completo ao órgano que acordou a incoación do procedemento, o cal llo remitirá ao órgano competente para que proceda a dictar a resolución que corresponda ou, se é o caso, ordenaralle ao/á instrutor/a a práctica das dilixencias que considere necesarias.

Desta resolución daráselle conta ao/á interesado/a, ao comité de empresa do seu centro e á sección sindical á que pertenza, de ser o caso.

h) Daráselle traslado da resolución definitiva á comisión paritaria do convenio, para os meros efectos estatísticos e de información.

i) A omisión do procedemento aquí descrito determinará a nulidade do expediente, cando produza indefensión do interesado/a.

2. A sanción de faltas que non precisen a incoación de expediente disciplinario comunicaráselle aos representantes dos traballadores, con tres días hábiles de antelación á súa notificación ao interesado/a.

3. As infraccións ou faltas cometidas polos/as traballadores/as, derivadas de incumprimentos contractuais, poderán ser leves, graves ou moi graves.

3.a. Faltas leves:

3.a.1. A incorrección cos superiores xerárquicos, cos/as compañeiros/as e co público en xeral.

3.a.2. A neglixencia e o descoido no cumprimento do traballo.

3.a.3. A presentación extemporánea de partes de baixa ou de confirmación, en tempo superior a dous días, desde a data da súa expedición regular, a non ser que por causa de forza maior se probe a imposibilidade de facelo.

3.a.4. De tres a cinco faltas de puntualidade ao mes, respectándose o réxime existente para efectos de cómputo en cada centro de traballo. Non obstante, as faltas de puntualidade poderán supoñer a dedución proporcional de retribucións.

3.a.5. A neglixencia no coidado e na conservación dos materiais e utensilios de traballo, do mobiliario e dos locais onde se presten os servizos.

3.a.6. A falta de asistencia inxustificada durante un día ao mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

3.a.7. O incumprimento dos deberes e obrigas do/a traballador/a, sempre que non deban ser cualificados como falta moi grave ou grave.

3.b. Faltas graves:

3.b.1. A indisciplina ou a desobediencia relacionada co seu traballo, e o incumprimento dos deberes previstos nas alíneas a), b) e c) do artigo 5 do Estatuto dos traballadores.

3.b.2. A desconsideración co público, compañeiros/as e subordinados/as no desempeño das tarefas encomendadas, sempre que non sexa falta leve, así como a grave falta de consideración cos administrados/as ou o abuso da autoridade no exercicio do cargo.

3.b.3. A falta de asistencia ao traballo sen causa xustificada durante dous ou tres días ao mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

3.b.4. A presentación extemporánea dos partes de confirmación de baixa, en tempo superior a sete días, desde a data da súa expedición regular, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

3.b.5. O abandono do traballo sen causa xustificada por tempo superior a dous días nun mes.

3.b.6. A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan a incapacidade laboral transitoria por tempo inferior a tres días. Entenderase, en todo caso, que existe falta cando o/a traballador/a declarado de baixa por un dos motivos indicados realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, entenderase incluída neste punto toda acción ou omisión do/a traballador/a realizada para prolongar a baixa por enfermidade ou accidente.

3.b.7. A colaboración ou o encubrimento de faltas doutros/as traballadores/as, en relación cos seus deberes de puntualidade, asistencia e utilización dos mecanismos de control.

3.b.8. Máis de cinco faltas de puntualidade nun mes, respectándose o réxime existente para efectos de cómputo en cada centro de traballo.

3.b.9. A reiteración na comisión de faltas leves, agás as de puntualidade inferiores a cinco faltas leves, nun prazo de seis meses, aínda que sexan de distinta natureza, todo isto dentro dun mesmo trimestre e aínda que fosen sancionadas.

3.b.10. A diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado.

3.b.11. As condutas constitutivas de delito doloso relacionadas co servizo ou que lles causen dano á Funga ou clientes.

3.b.12. Causar danos graves nos locais, no material ou nos documentos dos servizos.

3.b.13. O incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades, cando non supoñan mantemento dalgunha situación de incompatibilidade.

3.b.14. A grave perturbación do servizo.

3.b.15. Actos que atenten contra a dignidade dos/as traballadores/as ou da Funga.

3.b.16. As accións ou omisións dirixidas a evadir os sistemas de control de horarios ou a impedir que sexan detectados os incumprimentos inxustificados das xornadas de traballo.

3.c. Faltas moi graves:

3.c.1. O incumprimento de deber de fidelidade á Constitución e ó Estatuto de autonomía no exercicio da función pública.

3.c.2. Toda actuación que supoña discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento, veciñanza, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

3.c.3. O abandono de servizo.

3.c.4. Adopción de acordos manifestamente ilegais que lles causen un prexuízo grave á Administración ou aos cidadáns.

3.c.5. A publicación ou utilización indebida de segredos oficiais así declarados por lei ou clasificados como tales.

3.c.6. A obstaculización do exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

3.c.7. A participación en folgas ilegais.

3.c.8. Os incumprimentos das obrigas de atender os servizos esenciais en caso de folga.

3.c.9. Os actos limitativos da libre expresión de pensamento, ideas e opinións.

3.c.10. Ter sido sancionado pola comisión de tres faltas graves nun período dun ano.

3.c.11. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións e no desempeño das funcións encomendadas.

3.c.12. Máis de tres faltas ao mes de asistencia non xustificadas, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

3.c.13. A indisciplina e a desobediencia de carácter grave.

3.c.14. Os malos tratos de palabra ou obra cos/as traballadores/as de superior e inferior categoría, compañeiros/as e público.

3.c.15. O acoso sexual, máxime cando se acompañe de abuso de autoridade ao ser efectuado por un/unha superior/a contra un/unha subordinado/a.

3.c.16. O incumprimento ou abandono das normas e medidas de seguridade e hixiene no traballo, cando deles deriven graves riscos ou danos para o propio traballador/a e/ou terceiros.

3.c.17. A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan unha incapacidade ou baixa por un tempo de tres ou máis días. Entenderase, en todo caso, que existe falta moi grave cando o/a traballador/a declarado/a en baixa por un dos motivos indicados realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, entenderase incluída neste punto toda acción ou omisión do/a traballador/a realizada para prolongar a baixa por enfermidade ou accidente.

3.c.18. A reiteración na comisión de faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre, agás as de puntualidade.

3.c.19. O exercicio de actividades privadas ou públicas sen solicitar e obter autorización de compatibilidade do órgano competente para iso.

4. As sancións que poderán impoñerse, en función da cualificación das faltas, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal ou por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata por dous días.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dous a quince días.

-Suspensión do dereito de concorrer a promoción por un período dun ano.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis días a dezaoito meses.

-Inhabilitación para o ascenso por un período de ata un máximo de dous anos.

-Despedimento. Procederá a readmisión do persoal laboral cando sexa declarado improcedente o despido acordado como consecuencia da incoación dun expediente disciplinario pola comisión dunha falta moi grave (artigo 96.2º EBEP).

5. Órganos competentes para sancionar.

Por faltas leves, graves ou moi graves: o padroado, como órgano, ou en un membro do mesmo en quen se delegue a potestade.

6. Os xefes ou superiores que toleren ou encubran as faltas dos seus subordinados/as incorrerán en responsabilidade e sufrirán a corrección ou sanción que se considere procedente, tendo en conta a que se lle impoña ao autor e a intencionalidade, perturbación para o servizo, atentado á dignidade da fundación e reiteración ou reincidencia da dita tolerancia ou encubrimento.

7. Non se considerará falta de ningún tipo a negativa a realizar traballos de categoría distinta á específica de cada traballador/a, salvo cando medien circunstancias de excepcional necesidade.

Todo/a traballador/a poderá dar conta por escrito, a través dos seus representantes, dos actos que supoñan faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade humana ou laboral.

8. As faltas leves prescribirán aos dez días; as graves, aos vinte días, e as moi graves, aos sesenta días, a partir da data en que a autoridade competente para a incoación do expediente tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, aos seis meses de cometerse. Os ditos prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído.

9. A cancelación do expediente de faltas e sancións producirase aos tres meses para as faltas leves, ao ano, para as graves e aos dous anos, para as moi graves.

10. No non previsto neste capítulo aplicarase o disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos/as funcionarios/as ao servizo da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO XII. Acción Social

 
Artigo 42º.-Acción social.

1. A Funga, a partir do ano 2010, dotará anualmente no seu orzamento unha partida ou fondo para o financiamento de gastos de natureza social e sanitaria do seu persoal. A dotación desta partida negociarase anualmente cos delegados/as, ou comité de empresa.

2. Esta partida destinarase ao financiamento ou subvención, entre outros, dos gastos de gardaría, estudos, mantemento de fillos/as ou cónxuxes diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, asistencia sanitaria, compra da primeira vivenda, etc.

3. A xestión e a asignación individualizada do importe desta partida realizarase de conformidade co Regulamento de acción social que deberá ser aprobado pola Comisión Paritaria a que fai referencia o artigo 3º.

CAPÍTULO XIII. Responsabilidade Civil

 
Artigo 43º.-Asistencia xurídica e responsabilidade civil.

1. A Funga garantirá a prestación de asistencia xurídica a todo o persoal que a precise por razón de conflitos con terceiros derivados da prestación do servizo.

2. Así mesmo, asumirá as posibles responsabilidades civís que puidesen derivar da prestación do servizo dos traballadores/as da Funga, agás nos casos de neglixencia debidamente probada. Para estes efectos, poderá subscribir unha póliza de seguro que garanta unha cobertura adecuada por este concepto.

DISPOSICIONS FINAIS

D.F. 1ª

Se por calquera circunstancia a Funga se disolvese, ou rematase o seu obxecto e actividade, sen haber sociedade ou ente que herdase ou se encargase das súas funcións, a situación laboral do seu persoal será obxecto de negociación.

D.F. 2ª

O recoñecemento de antigüidade en concepto de cuadrienios, por aplicación do convenio colectivo anterior, permanecerá coa entrada en vigor deste convenio, contabilizándose por trienios a partir da data de cumprimento do último cuadrienio consolidado.

D.F. 3ª

Aos 3 meses da entrada en vigor deste convenio, crearase un comisión negociadora e paritaria de 3 membros por parte, para negociar o complemento de singularidade por responsabilidade. O seu ditame será emitido antes do 31 de decembro de 2009.

D.F. 4ª

Se durante o período de vixencia deste convenio, a Administración da Xunta de Galicia concertara acordos con colectivos de empregados públicos dos diferentes entes ou organismos da Administración da Xunta, recollendo os ditos acordos a súa integración ou aplicación total do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, incluídos os aspectos económicos, a Comisión Paritaria da Funga poderá proceder á negociación da súa aplicación, con todos os seus efectos, para o persoal do Funga.

DISPOSICIONS TRANSITORIAS

 
D.T. 1ª

Respectaranse ad personam e durante o prazo de vixencia deste convenio, como condicións máis beneficiosas, as que estean vixentes á entrada en vigor deste convenio cando, examinadas no seu conxunto e cómputo anual, resulten máis beneficiosas para o persoal laboral e non contradigan o espírito e o contido deste convenio.

D.T. 2ª. Estabilización de emprego temporal.

1. A Funga efectuará convocatorias, a prol da estabilización do emprego, a postos de traballo que están cubertos con carácter temporal.

2. Os procesos selectivos garantirán o cumprimento dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. Serán por concurso-oposición.

3. O contido das probas gardará relación cos procedementos, tarefas e funcións habituais dos postos. Na fase de concurso valorarase o tempo de servizos prestados na fundación e, de xeito especial, no posto de traballo.

D.T. 3ª

Con carácter excepcional, o dereito recoñecido no artigo 24º.5 deste convenio, permiso por asuntos persoais, correspondente ao ano 2008, poderase solicitar ata o 31 de decembro de 2009. Neste caso, eses días non se poderán acumular ao período de vacacións.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI