Convenio Colectivo de Emp... de Coruña

Última revisión
05/02/2019

Modificacion/Interpretacion. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE ORTIGUEIRA. PERSONAL LABORAL (15004752012010) de Coruña

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 28 de Enero de 2019 en adelante

Tiempo de lectura: 6 min

Tiempo de lectura: 6 min

Resolucion de inscricion e publicacion da modificacion do convenio colectivo polo que se regulan as condicions de emprego do persoal laboral ao servizo do Concello de Ortigueira (Boletín Oficial de A Coruña num. 25 de 05/02/2019)

Con data 13 de decembro de 2017 achégase a modificación do convenio colectivo polo que se regulan as condicións de emprego do persoal laboral ao servizo do Concello de Ortigueira (código de convenio número 15004752012010 e publicado no BOP número 76, do 26 de abril de 2010), asinado polas partes lexitimadas e aprobado polo Pleno do Concello.

Con datas 20 de abril de 2018, 20 de decembro de 2018 e 28 de xaneiro de 2019 achéganse alegacións e documentación logo dos requirimentos de datas 1 de febreiro de 2018 e 6 de setembro de 2018.

De acordo co disposto no artigo 90 e concordantes do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores (BOE núm. 255, do 24 de outubro de 2015) e no artigo 2.1 e concordantes do Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo (BOE núm. 143, do 12 de xuño de 2012), así coma na Orde do 29 de octubre de 2010 pola que se crea o rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 222, do 18 de novembro) modificada pola Orde do 14 de marzo (DOG núm. 60, do 26 de marzo de 2013).

Considerando que a Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria da Coruña é competente para resolver a inscrición da modificación do convenio colectivo polo que se regulan as condicións de emprego do persoal laboral ao servizo do Concello de Ortigueira e para dispoñer a súa publicación segundo o disposto no artigo 62.2 en consonancia co artigo 35 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería de economía, emprego e industria (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018).

De acordo con todo o indicado, RESOLVO:

1. A inscrición da modificación do convenio colectivo polo que se regulan as condicións de emprego do persoal laboral ao servizo do Concello de Ortigueira no rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A remisión da modificación do convenio colectivo polo que se regulan as condicións de emprego do persoal laboral ao servizo do Concello de Ortigueira ó Boletín Oficial da Provincia da Coruña para a súa publicación.

A Coruña, 31 de xaneiro de 2019.

O xefe territorial de economía, emprego e industria

Isidoro Martínez Arca

MODIFICACIÓN DO CONVENIO COLECTIVO POLO QUE SE REGULAN AS CONDICIÓNS DE EMPREGO DO PERSOAL LABORAL AO SERVIZO DO CONCELLO DE ORTIGUEIRA (BOP n.º 76, 26-04-2010)

Artigo 1.1. Este convenio colectivo afecta única e exclusivamente ao persoal laboral, xa sexa fixo, indefinido ou temporal, dependente do Concello de Ortigueira.

Artigo 1.3. (sen contido).

Artigo 20.1. A xornada ordinaria de traballo está establecida en trinta e cinco horas semanais .

Artigo 21.5. No caso do servizo de axuda a domicilio os desprazamentos entre domicilios terán a todos os efectos consideración de traballo efectivo .

Artigo 22.4. As horas extraordinarias compensaranse, preferentemente, con descanso, a razón dunha hora e œ por cada hora deste tipo traballada. No caso de que sexan realizadas en domingos, festivos, días de descanso compensaranse con dúas horas por cada unha traballada. A mesma compensación aplicarase ás horas extraordinarias nocturnas que teñan que realizar aqueles traballadores suxeitos a xornadas especiais ampliadas ou cando resulte necesario para previr e reparar danos extraordinarios e urxentes ou para atender a unha situación de emerxencia.

Poderán ser acumulables para o seu gozo ata completar xornadas íntegras de traballo, e para realizar dita compensación o traballador deberá solicitalas e disfrutalas antes do 30 de decembro de cada ano natural, agás que por razóns do servizo non fose posible en cuxo caso prorrogarase ata o 30 de xaneiro do ano seguinte ao ano natural feitas as horas extraordinarias.

Artigo 24.4. Por asuntos persoais, seis días ao ano mais os que se fixen anualmente no calendario laboral negociado. Así mesmo, terase dereito ao gozo de dous días adicionais ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo. Cando por razóns do servizo non se goce o mencionado permiso dentro do ano, concederase dentro dos primeiros 30 días de xaneiro seguinte. Para a autorización para gozar o permiso por asuntos particulares non precisa de alegar razóns para solicitalo nin presentar xustificación.

A solicitude por asuntos persoais deberá presentarse con sete días hábiles de antelación como mínimo da data do permiso. Dita solicitude de asuntos persoais deberá ir acompañado obrigatoriamente por un informe favorable ou desfavorable do encargado de servizo. Transcorridos cinco días hábiles dende a presentación da solicitude sen recibir resposta, o empregado poderá entendela concedida por silencio administrativo.

O número anual de días de permiso por asuntos particulares será proporcional ao de servizos efectivos prestados durante o ano.

Artigo 39.3. O réxime xurídico do recoñecemento de servizos previos a efectos retributivos para a percepción de trienios será o mesmo que o aplicable en cada momento ao persoal funcionario. A tal efecto, serán de plena aplicación ao persoal laboral, a Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos previos na Administración Pública, o Real Decreto 1461/1982, do 25 de xuño, polo que se ditan normas de aplicación da Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos previos na Administración Pública e as normas que as substitúan. A contía dos trienios será igual á prevista para os funcionarios deste Concello .

Artigo 43. Todo persoal ao que atinxe este convenio percibirá o 100% do total das súas retribucións (básicas máis complementos) no caso de Incapacidade Temporal por accidente de traballo ou enfermidade profesional durante todo o período de baixa.

Tamén se percibirá o 100% das retribucións en caso de risco durante o embarazo, baixa por maternidade e risco durante a lactancia.

No caso de baixa laboral por enfermidade común, o traballador poderá solicitar ao Concello a percepción do 100% das retribucións, dende o primeiro día da baixa laboral. Xunto coa solicitude dirixida ao Alcalde do Concello deberá de acompañar os informes médicos pertinentes, e deberá de ser o caso, someterse as inspeccións médicas que propoña a empresa.

O Concello de Ortigueira aboará o 100% das baixas dende o primeiro día da mesma .

Artigo 50.3. As infraccións ou faltas cometidas polos/as traballadores/as, derivadas de incumprimentos contractuais, poderán ser leves, graves ou moi graves.

(...)

b) Faltas graves:

(...)

A falta de asistencia inxustificada en calquera dos días de celebración do Festival Internacional do Mundo Celta ou os de celebración das festas patronais.

2019/759