Convenio Colectivo de Emp...de Ourense

Última revisión
09/06/2014

Modificacion/Interpretacion. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE CELANOVA. PERSOAL FUNCIONARIO E LABORAL de Ourense

Empresa Provincial. Versión Validez desde 09 de Junio de 2014 en adelante

Tiempo de lectura: 10 min

Tiempo de lectura: 10 min

Complementos das prestacions economicas na situacion de incapacidade temporal e outras situacions protexidas do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello de Celanova (Boletín Oficial de Ourense num. 130 de 09/06/2014)

Preambulo

O Pleno do Concello de Celanova, na sesión ordinaria realizada o día 25 de marzo de 2014, adoptou, entre outros, acordo sobre asunto "5º.- Complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal e outras situacións protexidas do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello de Celanova", co teor literal seguinte:

"5º.- Complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal e outras situacións protexidas do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello de Celanova.

Leuse o ditame da Comisión Informativa de Contas, Economía e Facenda e Réxime Interior co teor literal seguinte:

"Deuse conta de proposta da Alcaldía co teor literal seguinte:

"Complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal e outras situacións protexidas do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello de Celanova.

Viuse o disposto no artigo 9 do Real decreto-lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, sobre prestación económica na situación de incapacidade temporal do persoal ao servizo das administracións públicas, organismos e entidades dependentes destas e órganos constitucionais.

Unha vez atendidas as negociacións levadas a cabo con data 17 de marzo de 2014 na Mesa Xeral de Negociación do Concello de Celanova, dando cumprimento ao disposto no artigo 37 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, esta Alcaldía proponlle ao Pleno a adopción dos seguintes acordos:

ACORDO:

 
Primeiro.-

Que a prestación económica derivada da situación de incapacidade temporal do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello de Celanova se rexerá polo seguinte:

1º.- Cando a situación de incapacidade temporal derive de continxencias comúns:

a) Recoñecerase, dende o primeiro día da situación de incapacidade temporal ata o terceiro día, un complemento retributivo ata alcanzar o cincuenta por cento (50%) das retribucións que se veñan percibindo no mes anterior ao de causar incapacidade, entendendo por tales retribucións os conceptos retributivos dunha mensualidade ordinaria, excluíndo os conceptos a nómina que non constitúan haberes fixos e periódicos (tales como: gratificacións, paga extra, produtividade variable, obxectivos) así como posibles pagas extras.

b) Dende o día cuarto día da situación de incapacidade temporal ata o vixésimo, ambos inclusive, o complemento que se poida sumar á prestación económica recoñecida pola Seguridade Social deberá ser tal que, sumadas ambas as cantidades, se alcance o setenta e cinco por cento (75%) das retribucións que viñeran correspondendo a dito persoal no mes anterior ao de causarse a incapacidade, entendendo por tales retribucións os conceptos retributivos dunha mensualidade ordinaria, excluíndo os conceptos a nómina que non constitúan haberes fixos e periódicos (tales como: gratificacións, paga extra, produtividade variable, obxectivos), así como posibles pagas extras.

c) A partir do día vixésimo primeiro, recoñecerase unha prestación equivalente ao cen por cento (100%) das retribucións que se viñan percibindo no mes anterior ao de causarse a incapacidade, entendendo por tales retribucións os conceptos retributivos dunha mensualidade ordinaria, excluíndo os conceptos a nómina que non constitúan haberes fixos e periódicos (tales como: gratificacións, paga extra, produtividade variable, obxectivos), así como posibles pagas extras.

As referencias a días realizadas no presente punto entenderase realizadas a días naturais.

2º.- Cando a situación de incapacidade temporal derive de continxencias profesionais (accidente laboral, acto de servizo ou enfermidade profesional), recoñecerase unha prestación complementaria á da Seguridade Social ata alcanzar o cen por cento (100%) das retribucións que viñan correspondendo ao persoal afectado no mes anterior ao de causarse a incapacidade, entendendo por tales retribucións os conceptos retributivos dunha mensualidade ordinaria, excluíndo os conceptos a nómina que non constitúan haberes fixos e periódicos (tales como: gratificacións, paga extra, produtividade variable, obxectivos), así como posibles pagas extras.

A dita prestación complementaria aboarase dende a data de inicio da incapacidade temporal ata a data de finalización desta.

3º.- Determinar que no suposto de incapacidade temporal derivada de continxencias comúns, terá carácter excepcional e se abonará un complemento ata alcanzar o cento por cento (100%) das retribucións desde a data de inicio da situación de incapacidade temporal, nos seguintes supostos:

Hospitalización.

Intervención cirúrxica hospitalaria ou ambulatoria.

Risco por embarazo.

Risco perante a lactación natural.

Accidente grave ou moi grave.

Incapacidade temporal por enfermidade relacionada por discapacidades recoñecidas cun grao do 33 % ou superior.

Incapacidade temporal sen hospitalización provocada por enfermidades graves, crónicas, dexenerativas, irreversibles e/ou incurables.

Incapacidade temporal sen hospitalización pero que requira tratamento ou terapia hospitalaria por enfermidades graves, crónicas, dexenerativas, irreversibles e/ou incurables (por exemplo, diálise).

Procesos oncolóxicos.

Períodos de recuperación ou postoperatorios e a súa recaída.

Situacións de incapacidade temporal motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada da violencia de xénero.

Enfermidades graves non incluídas nos supostos anteriores: para os efectos deste acordo, entenderanse por enfermidade grave as incluídas no anexo I do Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo (BOE n.º 182, do 30 de xullo de 2011).

4º.- Tratamento das recaídas: naqueles casos en que unha situación de incapacidade temporal se vexa interrompida por períodos intermedios de actividade e, de acordo coa normativa reguladora da Seguridade Social se considere que hai unha soa situación de incapacidade temporal sometida a un único prazo máximo (e así se faga constar como recaída no parte médico de baixa correspondente), o interesado terá dereito a continuar coa porcentaxe do complemento que tivera con ocasión da alta previa da incapacidade temporal da que deriva a recaída.

5º.- Os supostos de carácter excepcional regulados no punto 3º deberán ser xustificados mediante a presentación do correspondente parte de baixa médica e da documentación que proceda segundo o caso:

a) Hospitalización e intervención cirúrxica: xustificante de hospitalización emitido polo centro hospitalario ou certificado médico que acredite a práctica dunha intervención cirúrxica ou dunha intervención médica invasiva incluída na carteira de servizos do sistema sanitario.

b) Situación física ou psicolóxica derivada da violencia de xénero: a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero efectuarase consonte o previsto no artigo 5 da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

c) Resto de supostos: certificado ou informe médico que xustifique a circunstancia que corresponda.

6º.- Para os efectos do aboamento do complemento do 100 % das retribucións enténdese incluída a hospitalización en réxime de internamento, a hospitalización a domicilio e mais a estancia nos hospitais de día, incluíndo os períodos de observación nos servizos de urxencias hospitalarias.

Para os mesmos efectos, consideraranse intervencións cirúrxicas, sempre que estean incluídas na carteira de servizos do sistema sanitario, as intervencións cirúrxicas con internamento, as intervencións de cirurxía maior ambulatoria e de cirurxía menor ambulatoria e mais as intervencións médicas invasivas, como colonoscopias, gastroscopias ou outras de características similares.

Segundo.-

Durante o desfrute dos permisos por parto, adopción, acollemento e paternidade aboaránselle ao persoal funcionario os complementos necesarios ata acadar o 100% das retribucións, durante todo o período de tempo que comprenda o permiso.

Terceiro.-

O réxime anterior será de aplicación ás situacións de incapacidade temporal e permisos por parto, adopción, acollemento e paternidade iniciadas/os a partir do 1 de abril de 2014.

Cuarto.-

Publicar os presentes acordos no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e no taboleiro de edictos do concello para xeral coñecemento."

Tras as deliberacións, por orde do presidente someteuse a votación a proposta da Alcaldía, rexistrándose tres votos a favor dos representantes do Grupo Municipal Popular (3) e tres abstencións do representante do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (1), da representante do Grupo Municipal Socialista do PSdeG-PSOE (1) e do membro non adscrito da Corporación (1).

En consecuencia, a Comisión Informativa de Contas, Economía e Facenda e Réxime Interior, tras a votación ordinaria e por maioría de tres votos a favor, con tres abstencións, dos seis membros presentes nesta sesión, sendo seis o número legal de membros que a compoñen, acordou informar favorablemente a proposta da Alcaldía sobre "Complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal e outras situacións protexidas do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello de Celanova", quedando a referida proposta convertida en ditame nos seus propios termos."

A continuación, coa anuencia do alcalde, tomou a palabra a membro non adscrito da Corporación Monserrat Álvarez Vispo para anunciar o seu voto a favor.

Seguidamente, coa anuencia do alcalde, tomou a palabra a voceira do Grupo Municipal Socialista do PSdG-PSOE María Jesús Boo Montes para anunciar o voto a favor do seu grupo político á extensión dos dereitos dos traballadores. Dixo que se trataba dunha reivindicación dos traballadores do concello e que lle parecía ben estender dereitos. Concluíu a súa intervención dicindo que o Partido Popular estaba a facer recortes dos dereitos dos traballadores e, neste caso, no Concello de Celanova facía unha excepción, deixando constancia de que aquí se trataba de diñeiro público municipal.

A continuación, coa anuencia do alcalde, tomou a palabra o voceiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego Leopoldo Rodríguez Puga para anunciar o voto a favor do seu grupo político.

Seguidamente, coa anuencia do alcalde, tomou a palabra o voceiro do Grupo Municipal Popular Máximo Losada Méndez, para explicar que o asunto pasou pola Mesa de Negociación entre os representantes dos traballadores e o concello e se aprobara por unanimidade. Concluíu a súa intervención manifestando que o seu grupo político o consideraba un asunto de xustiza e que o Concello de Celanova podía asumilo.

Unha vez concluídas as intervencións, por orde do presidente someteuse a votación o ditame da Comisión Informativa de Contas, Economía e Facenda e Réxime Interior, rexistrándose doce votos a favor dos membros do Grupo Municipal Popular (6), dos membros do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (2), dos membros do Grupo Municipal Socialista (3) e da membro non adscrito da Corporación (1).

En consecuencia, o Pleno municipal, tras a votación ordinaria e por unanimidade dos doce membros presentes nesta sesión, sendo trece o número legal de membros que o compoñen, acordou aprobar o ditame da Comisión Informativa de Contas, Economía e Facenda e Réxime Interior, sobre asunto "Complementos das prestacións económicas na situación de incapacidade temporal e outras situacións protexidas do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello de Celanova", quedando o referido ditame convertido en acordo nos seus propios termos."

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer alternativamente un recurso de reposición potestativo, no prazo dun mes contado dende o día seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, ante o Pleno deste Concello de Celanova, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Se se optara por interpoñer un recurso de reposición potestativo, non poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se producira a súa desestimación por silencio. Todo isto é sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se estime pertinente.

Celanova, 20 de maio de 2014. O alcalde. Asdo.: José Luis Ferro Iglesias.