Convenio Colectivo de Sec...de Ourense

Última revisión
01/11/2003

Revision. Convenio Colectivo de Sector de OBRADOIROS E DESPACHOS DE CONFEITERIAS, PASTELERIAS, REPOSTERIAS E PRATOS COCIÑADOS (32000785011999) de Ourense

Sector Autonómico. Versión anterior. NO VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 1999

Tiempo de lectura: 5 min

Tiempo de lectura: 5 min

Resolución do 17 de decembro de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta do acordo da revisión salarial do convenio colectivo do sector de pastelería, confeitería, bolería, repostería e pratos precociñados de Ourense. (Diario Oficial de Galicia num. 2300 de 03/02/2000)

Preambulo

Visto o texto da acta do acordo da revisión salarial do convenio colectivo pastelería, confeitería, bolería, repostería e pratos precociñados (código convenio nº 3200785) de Ourense para o ano 1999, con entrada na Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, subscrito en representación da parte económica da Asociación de Empresarios de Confeitería, e, da parte social, central sindical UGT, o día 20-10-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro

Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo

Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 17 de decembro de 1999. José Lage Lage Delegado de Ourense

ACTA DE ACORDO CONVENIO COLECTIVO DO SECTOR DE PASTELERÍA, CONFEITERÍA, BOLERÍA, REPOSTERÍA E PRATOS PRECOCIÑADOS DE OURENSE, ANOS 1998 E 1999

Asistentes:

UGT:

- Antonio Portas.

- José María García.

- Sara Martínez.

- Jesús González González.

Asociación de Empresarios de Confeitería:

- Pilar Avila Beiroa.

- Francisco Gómez López.

- Charo González Marinero.

- Jesús Enrique Couto Castro.

- Elisa Álvarez Cabo.

- Belén Rodríguez Novo.

En Ourense, sendo as 17.30 horas do día 20 de outubro de 1999, reúnense, na sala de xuntas da Confederación Empresarial de Ourense, as persoas citadas na marxe, todas elas integrantes da comisión negociadora do convenio colectivo de pastelería, confeitería, bolería, repostería e pratos precociñados de Ourense para os anos 1998 e 1999, co fin de acorda-lo incremento salarial do convenio colectivo para o ano 1999.

Intervén o representante de UGT que comenta ós presentes que este ano debe producirse unha boa actualización de salarios porque xa é o segundo ano de vixencia e hai que ir achegando os salarios das confeiterías a aqueles que existen noutros sectores.

Os representantes empresariais comentan que en ningún caso se pode pasar do 2% de incremento porque o sector non está en boa situación e, ademais, esta reunión prodúcese no mes de outubro en lugar de facerse en xaneiro tal e como marca o convenio colectivo vixente e iso xera unha gran cantidade de atrasos que as empresas non están en condicións de soportar.

O representante da UGT comenta que as dúas partes teñen a culpa do atraso e que non se poden apoiar niso para ofrecer un incremento salarial máis baixo. Ademais, di que o incremento non debe ser inferior ó 2,40%.

Os empresarios saen fóra para valora-la proposta e, finalmente, comentan que, co fin de facilita-la sinatura do convenio, a súa proposta de incremento é do 2,20% pero o 2,40% non é asumible porque supón un custo moi elevado.

A UGT segue considerando que a suba proposta non é suficiente porque o IPC está xa no 2,4% e, como defensor dos intereses dos traballadores, non pode permiti-la sinatura dun convenio por debaixo do IPC.

A representante empresarial comenta que podería partirse á metade da diferencia e asinar por un 2,30% e así tódalas partes quedarían contentas. Ante esta proposta, os traballadores saen para comenta-la posibilidade de aceptala e, á volta din ós empresarios que eles teñen un mandato que deben cumprir e que non deben asinar por debaixo do IPC. Solicitan ós empresarios un último esforzo para chegar ó 2,40%.

Prodúcese certo debate e, finalmente, os empresarios aceptan o 2,40% engadindo que esperan que este esforzo se teña en conta polos traballadores na negociación do convenio colectivo para o ano 2000 porque o sector está en moi mala situación e, por tanto, non se poden pedir esforzos tódolos anos.

Acordos:

1. Incrementa-las táboas salariais do convenio colectivo nun 2,40% para o ano 1999, de acordo co disposto no artigo 15, parágrafo segundo do vixente convenio colectivo de pastelería, confeitería, bolería, repostería e pratos precociñados de Ourense para 1998 e 1999, quedando a táboa salarial como segue:

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)

E, sendoas 19 horas, levántase esta acta por sextuplicado exemplar que, en proba de conformidade, asinan os presentes no mesmo lugar e data establecido ó inicio.